Banda deseñada
Coas enxivas queimadas
Experiencias sensoriais no debut de Natalia Velarde na novela gráfica

A autora de banda deseñada Natalia Velarde.
Raquel López
Este verán tiven a sorte de coincidir nun evento con Iago Araujo, ilustrador, historietista e «metade» da academia de banda deseñada Kame de Vigo. Falando de fanzines, comentamos o complexo que era ser versátil en formato curto e longo; como algunhas e algúns habituais do curto con traballos moi interesantes e poderosos estilos gráficos daban o salto á novela —que en moitas ocasións confúndese cun formato máis serio e nobre— e o resultado acababa deixando un resaibo frustrante. Recomendoume entón Encías quemadas, novela debut de Natalia Velarde que Reservoir Books, o tentáculo gráfico de Penguin Randon House, publicou en xuño.
Natalia Velarde (Venezuela, 1994) é unha debuxante de banda deseñada e ilustradora afincada en Madrid desde 2005. Tivo a sorte de nacer entre unha troupe de artistas (pai cineasta, nai dramaturga, irmá bailarina) respirando o amor e o anhelo pola arte desde pequena. Despois de estudar Belas Artes dedicouse á autoedición, construíndo un estilo propio, mestura entre o íntimo, o poético e o fantástico. Tamén creou o seu propio selo, Tarde y triste, onde publica o seu traballo e, puntualmente, dá apoio a outros autores noveis. Entre as súas publicacións destaca Naguará, compilación de cinco historias autobiográficas.
A súa ópera prima en formato longo, Encías quemadas, é froito de varios anos de traballo e foi apoiada pola bolsa Injuve para a Creación Nova 2021-2022. Encías quemadas é unha viaxe emocional que combina o apocalíptico co íntimo e, xa desde as primeiras páxinas, unha declaración: estamos ante algo orixinal e contundente, unha desas obras intensas que desbordan o seu formato.

Viñeta de «Encías quemadas», de Natalia Velarde. / Reservoir Books
A historia parte dunha premisa fantástica: nunha cidade postapocalíptica, Piel de Perro, unha híbrida entre humana e animal, viaxa xunto a Cielito, arquetipo do fiel compañeiro gruñón pero leal, en busca de Autor, unha figura mítica capaz de reescribir a historia e, potencialmente, alterar o seu final. Na súa procura terán que enfrontarse a monstros e pesadelos (tanto internos como externos), á culpa e á perda.
Esta fantasía distópica de supervivencia nace dunha ferida íntima da autora: a morte do seu can, Tapón, compañeiro co que compartiu dezasete anos. A súa ausencia e o duelo que lle segue levan a Velarde a unha exploración de emocións que verte nesta obra: a memoria, a fraxilidade da identidade, o recoñecemento do outro e a certeza —ese terror que atravesa a vida adulta— dun final. Así, créase unha dualidade temática; por unha banda, a apocalipse como metáfora do duelo, pero, ao mesmo tempo, a esperanza como acto radical. Esta dualidade de beleza e dor lévaa tamén á parte gráfica, dominada pola densidade e a ambición estética.
A autora combina técnicas e rexistros distintos: desde debuxos de trazo solto e sombrío, próximos ao carbonciño ou ao grafito difuminado, ata escenas máis nítidas e figurativas, con cores planas e figuras estilizadas. Esta diversidade reforza o contraste entre o real e o onírico, o íntimo e o fantástico. O estilo gráfico de Natalia Velarde é profundamente expresivo, case unha regurxitación do seu estado emocional; unha sorte de Yoshitaka Amano nunha viaxe de ayahuasca. Tanto no seu uso da cor, con intensidades saturadas que conviven con paletas apagadas ou monocromáticas, como na composición de páxinas, que rompe a retícula tradicional alternando viñetas detalladísimas con grandes silencios. Unha explosión visual no mellor dos sentidos.
Natalia Velarde logra converter a súa dor e a súa perda nunha experiencia artística. Un espazo de catarse e exploración poética para a autora que estende xenerosamente ás súas lectoras e lectores. Encías quemadas é unha obra esixente cun ritmo lisérxico que ás veces adormenta polo onírico pero que acaba sendo, se te deixas levar, unha interesante experiencia sensorial.

Exposición «Diversa, Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea» na sede de Afundación en Vigo. / FdV
Citas con interese
O 3 de outubro inaugurouse «Diversa, Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea» na sede de Afundación en Vigo tras o seu paso por Santiago de Compostela. Unha selección de autoras e autores representativos do panorama da ilustración actual, con bastante presenza galega, entre os que se atopan Adolfo Serra, Ana Jarén, Andrew Rae, Bodil Jane, Catalina Rodríguez Villazón, Emily Eldridge, Harsa, Inés Iglesias, Inma Hortas, Marcos Covelo, María Grande, María Medem (cunha instalación visual preciosa), Mariona Cabassa, Maritza Bertollini, Rebeca Losada, Ricado Cavolo, Rune Fisker e Simon Bailly. A exposición estará aberta ata o 31 de xaneiro.
E para quen poida asistir, do 22 ao 26 de outubro, celébrase a bienal literaria «Kosmopolis 25» en Barcelona. Nesta ocasión con moito foco na BD, coincidindo coa exposición de Chris Ware, «Dibujar es pensar», que se pode visitar no CCCB ata o 7 de novembro.
Para aquelas e aqueles interesados, botade un ollo á sección Homenaje al cómic de autor do seu programa, onde atoparedes a grandes figuras como o propio Chris Ware, Art Spiegelman, María Medem, Ana Galvañ, Charles Burns, Luci Gutiérrez, Sergio García e Mariscal.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas