Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Falar de todo

Gabinete de curiosidades

Pilar Ponte

De querermos clasificar a nova entrega literaria de Xosé Cermeño, o escritor e guionista coruñés residente en Vigo, responsable de títulos televisivos tan agradecidos como os da serie Pratos Combinados ou outros programas como Larpeiros, que tantas horas agradables nos fixeron pasar, ou títulos literarios como Ciencia de facer as camas (1994) ou Días felices con Fábia (2023), adentrámonos nun labor nada doado, pois Vantaxes e inconvenientes de case todo é literatura en prosa mais non unha novela nin un ensaio nin unha biografía nin un libro de gastronomía.

O autor gañador de varios premios literarios preséntanos desta volta unha mestura de textos breves de difícil clasificación, cunha temática moi diversa que vai desde a propia literatura ou a historia á pesca do bacallau en Terranova, á gastronomía (como non podía ser doutro xeito) ou aspectos máis nimios e cotiáns como falar das patacas; textos, curiosidades ou retallos que reflicten os intereses e inquedanzas do propio autor e forman unha produción que se podería mesmo adscribir a un xénero propio.

Cermeño recupera os gabinetes de curiosidades dos homes do Renacemento; salas ou dependencias que se ían enchendo de todo tipo de obxectos. Deste xeito, o autor presenta o seu libro como unha especie de colector onde atopar todo aquilo que nos poida interesar e así facernos partícipes desde reflexións case filosóficas ata aspectos tan cotiáns que mesmo nos pasan desapercibidos.

Para isto o autor tira do humor, da ironía e mesmo da sátira para armar un discurso acugulado de referencias de todo tipo e que amosan, case como se fosen apuntamentos, as influencias das innumerables lecturas. Será desta maneira como converte o volume nunha nómina de autores de todos os tempos e de todas as disciplinas con músicos como Raimon ou Carlos Santos; escritores como Rudyard Kipling, Louis de Saint-Just, Pablo Neruda ou tamén Álvaro Cunqueiro; debuxantes como Georges Remi (Hergè); actores como Spencer Tracy e o noso Ernesto Chao, xentes ilustres que transitan polas páxinas e transforman en literatura aspectos da vida ou vivencias que a priori non o son.

Fronte á tendencia actual de facer do íntimo espectáculo como acontece nos realities, criticada por Cermeño, o autor convídanos a percorrer o curioso camiño inverso en que a través das celebridades nos leva á reflexión sobre o íntimo das situacións cotiás.

Imagen

Vantaxes e inconvenientes de case todo (2025)

Autor: Xosé Cermeño

Editorial: Galaxia

Precio: 16 euros

Homenaxe e corazón

Homes de ferro, barcos de madeira

Estro Montaña

O vigués Paulino Ambrosio, escritor de relatos letraferido pola literatura do Sur dos Estados Unidos, naceu nun mundo vencellado ao mar por razóns familiares. A profesión do seu pai e do seu avó aparece nun libro que acaba de desembarcar nas librerías: Co sal nas mans. Esta obra de carácter etnográfico recrea a vida dos mariñeiros galegos entre 1930 e 1960 a través de varias ducias de fotografías e dos comentarios do autor que, desde neno, viviu de preto as historias daqueles homes de ferro que en barcos de madeira desafiaron a inocencia asasina do mar.

Co sal nas mans é unha crónica sentimental e a memoria dos mariñeiros que sucaron os mares desde O Gran Sol ata Terranova, sen esquecer a navegación polas costas de Senegal ou Maruritania. Con grande emotividade Paulino Ambrosio achéganos os detalles cotiáns a bordo dos barcos, a alimentación, a dureza do traballo, as ausencias prolongadas, a incerteza e a angustia dos que quedan en terra. A súa contribución á memoria colectiva alicerza non só nas fotografías que conseguiu na casa dos seus protagonistas, senón tamén en entrevistas nas que puido comprobar a nostalxia, o esforzo dunha actividade ligada a grandes sacrificios, pero que foi tamén fonte de vida e de orgullo, e que forma parte da cultura viguesa e de todo Galicia.

Sen dúbida, Co sal nas mans é unha interesante homenaxe aos nosos mariñeiros que nos chega ao corazón.

Imagen

Co sal nas mans (2025)

Autor: Paulino Ambrosio

Editorial: Deputación de Pontevedra

Precio: 35 euros

Divertida e profunda

Palabras feitas literatura

María Navarro

Carola vive no seu mundo e adapta a realidade segundo a súa vontade, sen ter en conta as consecuencias dos seus actos e as repercusións que os seus xestos causan nos demais. A rapaza asegura que «Esta é a miña historia e terás que crela», máxima que lle dá título ao volume que se fixo co XVIII Premio Raíña Lupa á mellor obra infantil e cuxa autora, Érica Esmorís, xa coñecida no panorama literario galego por volumes como O poder de Amabel, Ulises e as cronoamigas, Nena e o mar, Quen salva un can ou Analfabeta, entre outros moitos, e que nesta ocasión presenta, alén doutros temas, a dualidade verdade/mentira dunha forma divertida e profunda para que o lectorado mozo sexa quen de reflexionar acerca dos seus actos e valorar a importancia da familia, a amizade e a imaxe que cada un ten de si mesmo, aspectos todos eles que ocupan e preocupan a mozos e mozas cada vez máis novos nunha sociedade onde a autopercepción, a apariencia e proxección cara os demais estase a se converter nun factor determinante durante a adolescencia -e tamén noutras etapas- e que convén tratar para que a comunicación e a relación co mundo sexa o máis harmónica posible.

O desenvolvemento psicolóxico require atención e fomento da aceptación e da diversidade dende idades temperás, so así conseguirase unha sociedade no que todos nos sintamos ben.

Se unha lectura, unha aventura, un texto ficcionado consegue facer pensar e permite os adultos entablar un diálogo entre realidade e fantasía, benvidas sexan as palabras feitas literatura.

Imagen

Esta é a miña historia e terás que crela (2025)

Autor: Érica Esmorís (Ilustracións de Dani Padrón)

Editorial: Xerais

Precio: 12,95 euros

A porta azul

Unha sinatura cosmopolita

Lois Alcayde Dans

Quizais detrás de todo aniña o misterio. O misterio dálle significado ao noso pulo por coñecer, dálle sentido á sombra que evidencia a luz cando esta aparece. O oculto, o opaco, o que non é transparente e nos inspira divindade, realeza e conxuro é interesante porque é o espazo necesario para que se conciba o relato. O misterio é insólito porque, na trama diaria, é o consciente que queremos ocultar para que entre en xogo a privacidade, a vergoña e, nun sentido case telúrico e fermoso, a maxia. Armando Requeixo leva unha carreira de trinta anos (quizais algún máis, comezou prematuro) nisto de axudar a avezados, atentos, despistados e iniciados na xeira de entender e decodificar un mundo (non sei se misterioso pero si complexo) o da literatura galega, cuns códigos e producións que precisan de habelenciosos comunicadores e críticos, mediadores, como é seu caso. Vén Requeixo no fardel con Literatura insólita na decana casa de Galaxia, recentemente saído do prelo, e nel fala da recámara da literatura como mundo estético, como mundo vivencial e como anecdotario detrás das roupaxes da creación, a que tanto endeusa e distancia a figura do autor do lector.

Cunha redacción envexable, tanto polo seu ritmo sinfónico como pola sensación de proximidade que provoca (non é este un libro feito para unha elite, senón para divulgar de xeito transversal), Requeixo comete unha bárbara e necesaria proeza: falar en galego dos devezos, manías e anécdotas de Isabel Allende, Mary Shelley, Laura Esquivel, Zola, Dumas, Cervantes, Nabokov, Ian Fleming ou Pessoa, entre centos máis. Tamén de tópicos como a gastronomía, a organización doméstica ou o goberno, incluso, dos EE.UU.

Por que é bárbara a intención deste libro? Porque vivimos momentos endogámicos, de peche e certo onanismo cultural neste país vello de alma moza. Por que proeza? Porque Armando é unha sinatura cosmopolita que nos reconcilia co seu traballo, é fresco porque traballa de de dentro a fóra e non viceversa, en galego, co resto de finnezza que podemos atopar noutros lugares de España, en Europa e en certo mundo con misterio de seu, si, detrás da suxerente porta azul da portada dun ensaio imperdible nesta tempada outonal que escomenza.

Imagen

Literatura insólita (2025)

Autor: Armando Requeixo

Editorial: Galaxia

Precio: 23,30 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents