Chévere polos camiños do bravú
Mulleres en acción

De esquerda a dereita, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. / M.F.V.
Manuel F. Vieites
Neste ano de 2025, no que a Real Academia Galega quixo lembrar a poesía oral popular que mantiveron con vida cantareiras e pandereteiras, sempre presente en festas populares ou cíclicas, como folións, romarías, vendimas, colleitas, esfollas e muiñadas, Kalandraka Editora presentou As fillas bravas de Momán. O volume recolle o texto dun espectáculo homónimo estreado por Chévere en xuño de 2014 na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, no marco das Xornadas Mulleres en Acción. Unha iniciativa salientable que ademais serve para incrementar os títulos publicados, ata un total de seis, na colección Biblioteca de Teatro, dedicada á dita compañía.
No título do texto dese espectáculo, que partilla moitos dos trazos propios das pezas más abeiradas aos modelos da dramaturxia popular, en estrutura, linguaxe e recursos estilísticos, pairan dúas ideas fundamentais que poden servir para explicar a súa xénese e finalidade. Dunha banda, poñer en valor o rol das mulleres nunha sociedade tradicional moi marcada pola loita entre o mando patriarcal e o poder e o saber matriarcal, responsable este último da boa marcha de casas e facendas.
Da outra, reivindicar a figura da filla de solteira, condición aceptada polas xentes do común e criticada na rexouba das murmuracións e nas admonicións da igrexa e no desprezo interesado das chamadas «xentes de ben». Vén sendo pois unha homenaxe a innúmeras xeracións de mulleres que ao longo dos séculos construíron unha sociedade con moitos valores substantivos que o texto quere transparentar.
Trátase dunha creación colectiva artellada por Manuel Cortés, Xron, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, e recrea una sorte de serán que celebran tres mulleres na presenza do público. Constrúese en dous niveis que se complementan. Dun lado, vanse contando cousas da vida das tres; do outro, realizan un itinerario etnográfico pola vida da aldea de Momán, e algúns dos seus costumes, como poida ser a figura da mellorada ou a cuestión do exercicio do poder nos núcleos familiares.
Nesa riqueza patrimonial, sobre a que Vicente Risco escribira, a pedido de Ramón Otero Pedrayo, a súa famosa Etnografía. Cultura espiritual (1962), ou que a Fundación Barrie recolleu en parte en varios volumes editados por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina cun mapa sonoro que o Consello da Cultura Galega presenta na súa páxina web, asenta unha peza na que se fala da «vida sexual das mulleres de Momán».
A partir de breves diálogos e coplas cantadas elas refiren moitos motivos que a tradición popular recolle e recrea arredor dese eixe argumental. Un monllo de cantigas ora tiradas, con variantes, do repertorio secular, ora semellan creación propia que parte dos moldes ben coñecidos, co seu arrecendo a lareira, serán e foliada.
O texto, máis alá do seu valor intrínseco como pretexto dun espectáculo concreto, traslada un modelo de composición moi interesante que cabería replicar un bo número de veces atendendo a outros criterios ou escollas temáticas, considerando a extraordinaria riqueza da tradición popular galega. Tal acontecería, por exemplo, tomando como núcleo creativo a Morte e todo canto acompaña ese momento transcendental, os oficios e os días, as diferentes festas anuais (entroido, maios, natal, santos...), os recursos dramáticos que ofrece a cultura do porco, os romances tradicionais con toda a súa variedade de relatos, ou os cantos dialogados, incluíndo nesta última categoría as regueifas e os desafíos.
Velaí un camiño por explorar que podería xerar propostas escénicas moi estimulantes. Unha liña de traballo para promover un teatro bravú, afoutado e destemido, do que este texto é un exemplo magnífico.
Protagonismo central
A protagonista central da peza é a muller, e dela se fala na capa do volume ou na presentación breve que asina Xron, para reivindicar a presenza da muller en coplas que falan dos roles produtivos por elas asumidos no traballo cotiá e na estrutura familiar e comunal, das relacións fóra do matrimonio, de tantos abusos e violencias padecidos, dos tempos e espazos para o solaz e o lecer, da súa paixón polo baile e polo canto, ao punto de ser depositarias desa tradición que lembramos neste ano de graza.
O texto ten un valor didáctico implícito considerable, pois en moito podería servir como recurso de ensinanza e aprendizaxe para analizar o rol da muller na sociedade galega e os estereotipos que a cultura popular vai construído e ao mesmo tempo derruíndo, nunha loita constante polo poder, como ben exemplifican as cantigas contestadas, que recrean un agón, unha tenzón, unha liorta verbal. Nun tempo en que se queren detraer dereitos conseguidos despois de moitas loitas, non está de máis volver insistir no esencial: igualdade, fraternidade, liberdade. Ilustración, sempre, sempre.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas
- Sancionada con 30.000 euros una empresa del motor de Vigo por contratar trabajadores durante una huelga