Herdanzas en moda
Armani a través de dúas exposicións

Vista dunha das mostras celebradas en Milán. / Proxecto GAC
Román Padín Otero
O pasamento do empresario e deseñador Giorgio Armani ten lugar no mesmo ano en que se celebra o 50 aniversario da creación do seu singular emporio de moda e estilo de vida. Non soamente o seu museo en Milán, chamado Armani Silos, fai memoria do traballo do deseñador; tamén unha mostra temporal na Pinacoteca de Brera celebra o universo fluido e sutil de Gio.
A Camera Nazionale della Moda Italiana recomenda, entre as actividades da Milano Fashion Week, a visita á exposición «Giorgio Armani: Milano per amore». Nesta mostra na famosa pinacoteca de Brera, as modas de Armani comparten o espazo con cadros das diversas salas. A conversa entre as antigas e famosas pinturas do museo e os modernos traxes de Armani vai lixeira e con sinestesia.
Entre os cadros están o célebre O bico, asinado por Hayez; O matrimonio da Virxe, da autoría de Rafael; O Cristo morto de Mantegna; O retablo de Montefeltro de Piero della Francesca; A Cea de Emaús de Caravaggio. Entre os traxes de Armani están presentes en Brera o traxe azul que levara Juliette Binoche no Festival de Cannes en 2016. Fronte ao marabilloso Rafael dos desposorios da Virxe atopamos tres traxes cheos de brillo e refulxencia.
A moda para os homes é o punto de partida de Armani e hai daquela presenza das creacións máis principais neste eido. Está o traxe fluído que levara o actor Richard Gere en American Gigolo, que se presenta xunto aos frescos do Bramante. E hai asemade outros varios traxes xastre para home e para muller, pois Armani introduciu un certo paralelismo entre a elegancia de drapeados e plisados da modistería e o rigor da xastrería, trocando ambas nun mesmo eido de suavidade e indolente beleza. As creacións percorren a vida artística de Armani nesta mostra e aparecen coroadas por una camiseta branca como símbolo do minimalismo que caracterizaba o creador e que el mesmo lucía de cotío.
A segunda das mostras que recomenda a Camera Nazionale della moda Italiana é a que se celebra no Instituto Cervantes de Milán e que leva por título «Come raggio di sol! Os traxes de concerto de Teresa Berganza». A exposición percorre a vida e mais o repertorio da gran mezzosoprano española por medio de doce vestidos que se mostran en dúas salas contiguas. A mostra conta coa colaboración do Teatro della Scala di Milano e inclúe once fotografías retratando a Berganza nalgunhas das súas máis senlleiras actuacións no coliseo milanés. Están daquela os traxes que ela levaba nos seus concertos en Teatro della Scala, retratados nas fotografías do arquivo histórico do teatro. E están asemade eses traxes físicamente na sala. Pois son pezas que pertencen ao gardarroupa de concerto da cantante, que hai tres anos que se vén mostrado en diversas exposicións nos mellores museos, galerías e teatros de toda Europa. En fin, a mostra conta con apoio de Turismo de Galicia, pois a colección de vestidos é un proxecto de investigación e conservación patrimonial galego e o arquivo dos traxes está en Santiago de Compostela. Mesmo dúas seleccións deses traxes foran xa mostradas ns Coruña e en Santiago.
Entre os traxes que se expoñen está un vestido de noite de corte sati, feito en brocado de prata e bordado de brillantes, asinado por EISA, a casa de costura de Balenciaga en Madrid, Barcelona e San Sebastián. O traxe que fora lucido por Teresa Berganza en Milán no 1964 é una peza singular. Pois ben é sabida a inspiración na pintura española de Cristóbal Balenciaga, pero o que non é tan coñecido é que os traxes da India e de Xapón eran tamén un motivo de inspiración para el. Daquela temos aquí una peza moi infrecuente na creación do xenio vasco, e as unidades que se coñecen deste tipo de modelos asinados por Balenciaga non pasan da decena en todo o mundo.
Tamén están os traxes doutros senlleiros modistas españois, tal é o caso de dous modelos asinados por Inés Higuera que Berganza levara nas súas xiras por Xapón. E atopamos aínda outros dous traxes creados polo transformador da alta costura en España, o famoso Elio Berhanyer. Finalmente, un dos creadores que vestían con máis frecuencia a Berganza era Loris Azzaro, e preséntanse na mostra cinco modelos creados por este artista do tafetán que están datados nos anos 1980 e 1990.
Concerto e moda dende Galicia
Como complemento á mostra de traxes de Berganza, vaise celebrar o 9 de outubro un concerto de soprano e guitarra coas actuacións de Cecilia Lavilla Berganza e o guitarrista Miguel Trápaga. Eles van interpretar un repertorio de cancións antigas españolas, italianas e galegas.
E non remata aí a presenza do galego nesta mostra, pois nela acontece a primeira presentación do legado téxtil do modista Enrique Caruncho (1899-1985), quen fora un dos máis senlleiros creadores de alta costura en Madrid nas décadas de 1950, 1960 e 1970. Nado na Coruña, trasladou o seu atelier a Madrid onde triunfou creando modas en tricot, modistería de festa e día e tamén xastrería austríaca. Contaba tamén cunha tenda de complementos e accesorios que se chamaba Ellas. En Milán preséntanse dous traxes de festa Caruncho como antesala da gran mostra retrospectiva que se espera celebrar no 2026.
Suscríbete para seguir leyendo
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo