Entrevista | Marilar Aleixandre Escritora
«Aínda queda moito por "descoser" na memoria da Guerra Civil»
En As bocas cosidas (Galaxia), Marilar Aleixandre amósanos un relato novelesco onde a prosa, co seu lirismo contido, ten a capacidade de dar voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada polo peso do silencio e da memoria

Marilar Aleixandre. / Xoán Álvarez
En xaneiro de 2010, o pai da autora conta que lle pediron cuspe para identificar un seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Guerrilleiro comunista, morto en 1947, nunca lles falaran del; descoñecían a súa existencia porque, sobre a guerra, as bocas estaban cosidas. A partir destes silencios, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., seguindo os seus pasos na familia, «desbridando a cicatriz».
–Por que decidiu pescudar a fondo a vida deste tal Antonio G., guerrilleiro comunista morto en 1947. É parente seu?
–Quen primeiro se puxo a investigar sobre Antonio G. foi o meu irmán Miguel, a quen está dedicado o libro, e foi el quen me dixo que tiña que escribir unha novela, quen me animou e me convenceu. Confésoche que a min ao principio custoume atopar o fío para contar a historia, pero finalmente, na altura de 2022, púxenme a escribila. Despois detinme, e non a retomei ata finais de 2023.
–De que xeito influíu na súa escrita o feito de que tivera que contar cousas da súa propia familia?
–Tiven ata que construír unha arbore xenealóxica dende as miñas tataravoas! (rí). Pero, vaia, agás o de Antonio, optei por mudar todos os demais nomes, algo que tamén resulta habitual noutras historias baseadas en personaxes e feitos reais.
–A que fontes, ademais das familiares, tivo que recorrer para atopar a documentación sobre Antonio G.?
–Ao principio, eu pensaba que Antonio só estivera na guerrilla antifranquista a partir de 1939, pero, en realidade, a guerrilla comezara a funcionar xa dende o mesmo ano 1936 como parte do Exército Popular da República, como batallóns especializados en sabotaxes na retagarda do exército franquista. Rematada ou a piques de rematar a guerra, a documentación sobre eses batallóns agachouse en Francia, e non saíu á luz ata 1986. Foi de aí de onde meu irmán puido conseguir a información que me pasou a min. Despois, claro, consultei varios libros que me recomendou Miguel, e visitei dous campos de concentración para poder situarme mentalmente onde estivera o protagonista
–Escribir unha novela foi a súa intención dende o principio ou tivo que botar man deste xénero literario para «encher» os baleiros cos que atopou durante as súas investigacións?
–As bocas cosidas é unha novela que ten que ver cunha persoa determinada real e cuns sucesos que tamén foron reais. Porén, o xénero novelístico nútrese tamén de imaxinación e de invención, e aquí hai unhas ferramentas ás que, evidentemente, o escritor ten cáseque a obriga de recorrer cando non reúne todos os datos suficientes, sempre e cando, claro está, contes cousas que sexan verosímiles. E non só iso: porque tamén tes que imaxinar as emocións e os sentimientos e, neste caso, coido que intentei reflectir cales puideran ter sido as miñas emocións de ter vivido a vida e todo o que lle pasou a Antonio. Esta novela está dividida en tres partes, e é na terceira na que hai quizais maiores doses de documentación que de imaxinación.
–Javier Cercas, na súa novela El monarca de las sombras, investiga sobre un parente seu morto durante a Guerra Civil, o que pasa é que Cercas axiña descobre que o tal parente era un falanxista convencido. Tería escrito esta novela se Antonio G. fose falanxista o se tivese alistado no exército do bando franquista?
–A verdade é que non o sei, e confésoche que non lin esa novela de Javier Cercas. Pero, vaia, o meu pai, por exemplo, estivo de moi mozo e por pouco tempo de médico na División Azul, e quizais esa sexa unha historia que algún día terei que escribir, porque lembro que, de nena, nos contaba historias de cando el estivera en Rusia.
«Non descarto escribir no futuro unha novela co protagonismo das mulleres represaliadas»
–Non falta quen pense que xa se escribiu moito sobre a memoria histórica da Guerra Civil, pero o certo é que quedan aínda moitas materias pendentes. Unha delas é ,precisamente, a dos maquis e, outra, a memoria dos padecementos e mais as represalias que sufriron as mulleres. Algún día abordará tamén esta temática nunha novela?
–O meu proxecto literario baséase en escribir sobre as violencias sociais, nomeadamente sobre mulleres.Pero, efectivamente, faltan moitas cousas por saber, porque hai que decatarse de que houbo máis de corenta anos de silencio. Polo tanto, abondan, dende logo, memorias que foron borradas (unha delas é a que se rescata neste libro) e, entre elas, as das mulleres. Eu en As bocas cosidas tamén sigo o fío das mulleres nalgúns dos capítulos, pero de certo que non descarto escribir unha novela co protagonismo de mulleres represaliadas que sufriron tanto ou máis que os homes.
–Estamos no século XXI, ano 2025, Aínda se poden atopar «bocas cosidas» ou pegadas de «bocas cosidas» da Guerra Civil? Quedan aínda por desbridar (como di no prefacio da novela) moitas cicatrices?
–Creo que si, claro, porque o que ocorreu tamén é que aquela xente xa morreu, loxicamente, pero continuamente estamos a ler confesións de persoas que din non ter sabido nada do que acontecía, nin na guerra nin durante a ditadura. Curiosamente, falando con xente desta novela, atopeime con moitas persoas que me confesaron que nas súas familia se viviran historias moi similares e que en moitos fogares até se chegaron a queimar cartas, papeis, ou documentación por medo a que foran descubertas polos facistas . Daquela, a resposta á túa pregunta é un si rotundo porque queda moito por «descoser»neste exercicio de memoria da Guerra Civil. E niso estamos!
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar