Sobre a forma orixinaria
A obra de Laura Lio no Marco

Exposición «Savia y sangre» de Laura Lio en el MARCO de Vigo. / Eli Regueira
O MARCO de Vigo presenta unha mostra da artista plástica e escritora Laura Lio (Buenos Aires, 1967) so o título de Savia y sangre. Estamos perante series de debuxos, pezas escultóricas, libros obxecto e carteis intervidos, moi brillantes tecnicamente e que desde o mesmo título remiten á relación entre a creación artística e a natureza, situándose, en concreto, nunha tradición da representación das plantas que suxire reflexións como as que realizou Walter Benjamin nun breve texto de 1928 intitulado «Algo novo sobre flores».
Neste traballo, o filósofo alemán analizaba a Urformen, a «forma orixinaria», un concepto que aparecía na obra de Karl Blossfeldt, un fotógrafo ligado á Nova Obxectividade e coñecido polas súas fotografías de formas vexetais e autor do libro Urformen der Kunst. Photographische Pflanzenbilder («As formas orixinarias da arte. Imaxes fotográficas de plantas»), publicado no mesmo 1928.
A obra de Laura Lio sitúase, ao noso ver, nesta tradición, que se remonta ás coleccións botánicas ilustradas, como a de Goethe Versuch die Metamorphose der Pflanzen zu erklären, literalmente «Intento de explicar a metamorfose das plantas», obra escrita en 1790 en que relata as súas pesquisas no mundo vexetal, inaugurando unha nova metodoloxía científica nesa área, ou ás reflexións de Charles Baudelaire sobre as formas metamorfoseadas que poden ser matriz de infinitas obras.

Obra de Laura Lio exposta no MARCO. / Eli Regueira
Parafraseando a Walter Benjamin, poderiamos sinalar que a artista Laura Lio quere situarse nun ronsel de percepcións sobre o mundo vexetal que ratifique o inventario das nosas percepcións e ao tempo consiga facer que mude a nosa imaxe do mundo.
Os seus debuxos deseñan as formas vexetais, afástanas da súa confusión natural, revelan de súpeto a súa intensa beleza e a súa complexidade, en resumo, o seu carácter de «formas orixinarias» illadas, na súa abstracta e senlleira fermosura mais tamén no seu referente poético non alleo ao desacougo.
As peza escultóricas e os debuxos de Laura Lio procuran a desmontaxe visual das plantas, a deconstrución do visíbel tal como o percibimos comunmente, facendo abrochar «un géiser de novos mundos en imaxes», de usarmos as palabras de Benjamin.
Novamente debemos lembrar o pensador xermano que entendía que a ampliación de escala do vexetal -el falaba de fotografía- traía aparelladas consecuencias arquitecturais e ornamentais -algo que nos evoca nitidamente a obra de Laura Lio- o mesmo que a visión microscópica, que tamén tivera consecuencias gráficas e pictóricas en obras abstractas como as de Klee ou Kandinsky.
Semella que é nesta consciencia reflexiva na que traballa Laura Lio; de feito o arquitectural agroma na propia mostra e, por suposto, amósase evidente nos traballos tridimensionais.
Os debuxos e pezas da exposición parece, pois, que xogan coa analoxía e a forma —tamén cun desprazamento espacial—, as mesmas referencias sobre as que afondaba Benjamin no seu ensaio sobre as flores.
Trátase de formas orixinarias mais non formas simples nin puras, aínda que a artista opte por un enfoque que prima a beleza do pormenor matizando o carácter convulso que a mudanza de escala puider comportar. Evita a monstruosa estrañeza, tan do gusto surrealista, para se centrar na delectación visual das estruturas construtivas do mundo natural, na sutileza e na poeticidade.
Natureza fractal
Ese xurdir de estruturas construtivas do mundo natural ten que ver con conceptos matemáticos. Vendo as obras podemos pensar nesas estruturas autosimilares chamadas fractais.
A idea é simple: a natureza constrúe estruturas aplicando un criterio de economía. Crea un modelo ou «motivo arquitectónico» e repíteo a diferentes escalas dentro e fóra do obxecto. O exemplo clásico que sempre chamou a atención dos botánicos é o sistema de ramificación das plantas.
Alén diso, os fractais son infinitos; é dicir, observemos ao nivel que observemos, son estruturas que semella que non se esgotan nunca. Temos a sensación de estar contemplando un mesmo patrón todo o tempo, modelo que se nos amosará con toda a súa beleza e complexidade, mais sen que mude por moito que se modifique o nivel de observación.
Esa é a complexidade e beleza que, coidamos, nos quere transmitir Savia y sangre vista desde a plasticidade que evoca a linguaxe plástica e a palabra poética, ligando o mundo cultural e o natural nun todo coherente.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- Adiós a los toldos: Ikea lanza el nuevo invento para tener sombra en casa durante todo el año
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena