A imposición das novas toponimias
Golfo de México / Golfo de América

Golfo de México / Golfo de América.
Unha das ocorrencias de Donald Trump, na súa campaña expansionista, foi chamarlle Golfo de América ao accidente xeográfico que desde o século XVI é coñecido como Golfo de México. E de igual maneira, o que sempre foi chamado Golfo Pérsico pasou a chamalo de Arabia, aceptando a reivindicación das monarquías da zona por rivalidade co réxime islámico de Irán.
Xa no libro da Xénese (2:20) aparece a capacidade humana para dar nomes ás cousas, comezando polo máis concreto: os animais. Pero se esa relación entre nome e cousa a elevamos á toponimia, cabería diferenciar o próximo dos accidentes xeográficos que exceden a nosa dimensión. Porque se hai un axioma na relación entre nome e cousa, é que a palabra non só describe a realidade senón que a transforma.
No campo da lingüística, as toponimias menores constitúen unha especie de fósiles que á maneira de como sabemos dos dinosauros, cabe coñecer as falas que ocuparon un territorio en tempos pasados. No caso galego, por exemplo, podemos seguir formas celtas latinizadas ou a pegada que deixaron os suevos malia un dominio relativamente breve.
Pero para que un grupo humano pase a denominar a terra que habita precisa coller conciencia de seu, da dimensión do seu colectivo e dese territorio. Sucede que con frecuencia son ocupantes foráneos os que dan cohesión a ese territorio por propia necesidade. O conxunto de pobos galaicos non tiñan unha conciencia colectiva única ata a chegada dos romanos. Ao cabo, é o comportamento habitual dos colonizadores, como os españois fixeron en América ou as potencias europeas en África.
Sucede que cando un ente territorial perde a súa unidade de maneira traumática, a parte seccionada deixa de perder a alma que tivera durante séculos e o resto pasa a nomeala cunha denominación nostálxica. Sucedeu recentemente co delegado da Generalitat de Catalunya en Perpiñán cando non empregou a denominación Cataluña do Norte por non estar recoñecida polo goberno francés. Desde a división en departamentos, o 66, que era coñecido como o Rosellón, pasou a chamarse Pirineos Orientais.
Ou tamén temos que o mesmo accidente é chamado de maneira diferente segundo a perspectiva dos que habitan nunha banda ou noutra. Sería o caso do monte Cervino en italiano ou Matterhorn en alemán, mentres que os suízos da bisbarra o chaman Horu en walser.
Os europeos pasamos a aplicar unha toponimia propia a accidentes xeográficos que xa tiñan nome. Poñamos por caso o nome do Everest, bautizado así pola Real Sociedade Xeográfica Británica en 1865, ignorando que os chineses xa o coñecían como Zhumulangma; os tibetanos, Chomolungma; e os nepaleses, Sagarmatha. Porque, no fondo, unha das caras negras do colonialismo foi ese adanismo que se manifestaba como se a potencia ocupante descubrise un mundo ignoto.
Regresemos ao golfo de México. Queda claro que os pobos indíxenas, que non tiñan capacidade de navegar, non podían ter conciencia da súa existencia. Tivo que ser coa chegada dos españois que a elaboración de mapas da costa atlántica central evidenciase ese gran arco que de este a oeste vai desde a Florida a Iucatán e a illa de Cuba.
Os autores concretos da súa cartografía foron venecianos sen necesidade de moverse da Serenísima República grazas ás informacións que chegaban da navegación costeira dos conquistadores. Giacomo Castali, en 1556, xa o chamou «golfo di Mexico», mentres que Paolo Forlani, no mapa que fixo da Nova Francia en 1566, xa incorporou un «Golfo Mexicano». Houbera dúbidas por parte dos españois sobre se chamalo da Nova España ou de Florida pero a potencia da Cidade de México, sucesora da Tenochtitlán dos aztecas derrotados en 1521, marcou para sempre o nome do territorio. A costa leste de Norteamérica aínda non tiña colonos europeos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar