O dolmen da Chan

Un megálito ao descuberto no Val do Deva

Cámara funeraria do dolmen escavado.

Cámara funeraria do dolmen escavado. / A.R.

Alberte Reboreda

As mámoas da Chan son un conxunto de tres túmulos megalíticos situados na parroquia de San Pedro de Leirado, no concello ourensán de Quintela de Leirado. Esta necrópole neolítica está situada nun altiplano a case 750 m de altura que é propiedade dos veciños de Ataínde, un topónimo único en Galicia documentado como portu de Ataydi nun pergameo do mosteiro de Celanova de 1218, que deriva do antropónimo xermánico Atanitus (villa Ataniti).

Este cemiterio prehistórico localízase moi pretiño dos restos do Castelo de Santa Cruz, unha fortaleza medieval que foi de reguengo e que aparece citada na documentación dos mosteiros de San Pedro de Ramirás e San Salvador de Celanova que arestora estuda o medievalista Víctor Muñiz.

A nosa necrópole aparece sometida en altura pola Serra do Leboreiro (entre 1.000 e 1.300 m), que acolle algunhas das mámoas máis monumentais do noroeste peninsular, o que podería estar indicando que os clans que habitaron esta conca fluvial durante o Neolítico (ca. 4.500-2.500 a.C) estaban conformados por grupos humanos menos numerosos que os que se estableceran naquela serra monumental que fai de límite natural entre Galicia e Portugal. Así as cousas, é probable que a abundancia de recursos naturais que ofrece o val provocase a dispersión e fragmentación das comunidades neolíticas que o habitaban.

Chegados a este punto, o primeiro que nos interpela é o porqué desta agrupación tumular. Con frecuencia, as mámoas do Neolítico aparecen formando necrópoles que eran parte dun mesmo sistema cultural, espiritual e territorial, que reforzaba a identidade colectiva e a relación cun mesmo espazo e cos antepasados. Neste contexto, crear un espazo sagrado compartido polos membros dun grupo humano, manter a memoria dos devanceiros visible na paisaxe e consolidar o sentido de pertenza a un lugar semellan unha prioridade para os clans do neolítico.

A reutilización de enterramentos e a continuidade funeraria é outra das constantes deste momento da prehistoria. O espazo funerario medra co tempo, mantendo o vínculo co pasado, e algunhas mámoas presentan varios momentos de uso, o que reforza a continuidade ritual. A agrupación facilitaba, ademais, a organización do traballo da comunidade, que partillaba canteiras para a extracción dos bloques de pedra cos que erguer os megálitos, como xa sinalou Eguileta Franco (1999) nos traballos que dedicou a este fenómeno na Baixa Limia.

Por encarga do concello quintelán, o pasado mes de xuño, un equipo arqueolóxico dirixido por Eduardo Breogán abriu unha cata de 5 x 5 m no túmulo meirande do Monte da Chan, o nº 2, unha mámoa situada no interior do Val do río Deva, afluínte do Miño que rega as terras de Celanova.

A escavación realizada, que forma parte dunha primeira fase do proxecto, deixou á vista unha arca poligonal pechada con falso corredor orientada ao Leste formada por dous grandes ortóstatos alongados de forma poligonal máis unha lousa de cabeceira de forma subrectangular. Como queira que non se esgotaron os niveis arqueolóxicos, aínda non foi posible inferir se os fragmentos de lousas que aparecen no contorno do dolmen pertencen á pedra de cobertura.

Os resultados preliminares da escavación proban que a cámara funeraria foi violentada despois da súa construción, como evidencian as pedras de pequeno tamaño que colmatan o seu interior.

Á espera de datar con precisión a súa cultura material, esta estrutura funeraria podería adscribirse ao Neolítico final (ca. 3000–2500 a.C.), podendo prolongar incluso o seu uso ata o Calcolítico inicial (ca. 2500–2.000 a.C.), coincidindo coa introdución da cultura Campaniforme.

Fragmentos de cerámica con decoración cardial. Dolmen da Chan.

Fragmentos de cerámica con decoración cardial. / A.R.

Mensaxes de barro

Durante a escavación atopáronse fragmentos cerámicos de tres tipos ben diferenciados que procede vincular a un uso ritual funerario. Por unha banda documentáronse tres anacos dun vaso decorado con impresións semiesféricas seriadas que foron realizadas utilizando un obxecto semicircular na superficie fresca do barro, antes da cocción oxidante á que foi sometida, realizada en fornos ou fogueiras abertas.

O segundo grupo cerámico, que se atopou no mesmo lugar que o anterior, consta de cinco pezas decoradas con decoración impresa de tipo cardial, pero feitas con instrumentos mobles como peites ou puntas. Trátase dunha vasilla de paredes finas nas que se aplicou un patrón ornamental xeométrico en forma de glifos ou acanaladuras verticais enmarcadas por bandas de pequenas incisións horizontais.

Un terceiro grupo de cerámicas foron exhumadas na terra de alteración posterior á lousa de cabeceira. Locen unha tonalidade exterior que vai do marrón escuro ao negro, posiblemente por cocción oxidante incompleta ou exposición ao lume. A cara exterior presenta un brunido ou alisado exterior que é compatible co acabado doutras cerámicas da Idade do Bronce.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents