Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Viaxes cara a dentro

Vivindo coa ciencia

Pilar Ponte

Moitas veces a literatura é o vehículo perfecto para nos adentrar en campos ignotos e explorar no coñecemento desde o pracer da lectura. Isto acontece coa nova entrega do profesor e escritor noiés Agustín Agra e a súa novela Libro das contrarias, XXVI Premio Ánxel Fole de Narración Curta do concello de Lugo, que nos permite viaxar a través das páxinas por lugares marabillosos, algúns deles descoñecidos para nós.

Agra rescata dúas personaxes do seu anterior libro publicado en 2020 para converter unha relación de parella nun triángulo amoroso. A investigadora McClaunasey, ponse en contacto con Fátima, ornitóloga na Universidade de Cornell, para lle advertir da desaparición de Sofía, prestixiosa fotógrafa e amiga de ambas, que se interna no agreste parque Nacional de Sarek. Mc está convencida de que a desaparecida deixou á mantenta pistas para a súa localización en libros e poemas, mais a ornitóloga coida que todo é unha escusa por parte da primeira para retomar en serio a relación.

Comeza así unha expedición a través das páxinas que nos levará, entre outros lugares, a Suecia ou Lisboa e que constrúe a trama desde a ollada feminina da ciencia. A narradora, desde un discurso literario sólido, bota man do xénero epistolar para nos adentrar na ornitoloxía, achegarnos á realidade dos mariñeiros de Terranova ou da industria do bacallau en Portugal e tamén explorar o mundo a través dunha exposición fotográfica.

Na obra únense literatura e fotografía nunha comuñón que se completa coa presenza da instantánea que preside cada capítulo. Avanzamos entre elas, dunha banda para coñecermos en que punto está a relación entre as tres protagonistas, pois o autor xoga co tempo e coa memoria para crear unha intriga sobre este triángulo, e doutra, para adentrámonos no lado máis psicolóxico, intimista e persoal nunha viaxe cara a dentro das personaxes. Mais estes dous camiños conflúen nun terceiro, que é onde quere chegar o autor: a conexión de ambas as dúas artes con temas ambientais poñendo en valor o papel da muller no ámbito científico, historicamente descoñecido, silenciado ou mesmo deturpado.

E esa viaxe está alicerzada sobre un discurso construído cun tesouro léxico que, lonxe de semellar pesado ou dificultar a lectura, lle dá fluidez á trama e a converte no mellor xeito de achegarnos á ciencia, unha realidade que convive connosco aínda que ás veces non nos decatemos.

Imagen

Libro das contrarias (2025)

Autor: Agustín Agra

Editorial: Xerais

Precio: 16,95 euros

Interpretar unha renuncia

Silenciosa subversión

Estro Montaña

Cando Henry James publicou en 1880 Washington Square, posiblemente a maioría de lectores agardaba unha historia romántica, unha heroína engaiolante e un final con premio ou castigo. Pero esta sobria novela, que o autor non consideraba a máis afortunada das súas, entregou un relato sen redención nin sentimentalismo. Daquela o habitual era que Catherine, a rica protagonista sen carisma -que vive cun pai controlador e á que pretende un varón avaricioso- tivese un final acorde coa súa bondade e non un remate en soidade.

Pero despois dun século de psicoanálise, feminismo e novas teorías na crítica literaria, a distancia co pai e o rexeitamento do atractivo Morris, para quedar soa en silencio, posibilita novas lecturas. Catherine apenas fala e o lector debe encher os baleiros e buscar o sentido dos feitos cunha actitude activa. A negativa a reconciliarse co pai e a renuncia ao amor, que podían ser sorprendentes para os coetáneos de James, constitúen un modo de rebelión nunha lectura actual, unha actitude ética máis que un xesto tráxico ou amargo. Dito doutra maneira: o que podería semellar unha traxedia doméstica sobre unha filla á que o pai lle tronza a vida e o namorado rompe o corazón é, en realidade, unha subversión silenciosa, a reivindicación da autonomía persoal dunha muller á que os achegados consideran «medio parva». Sen dúbida, unha recomendable lectura.

Imagen

Washington Square (2025)

Autor: Henry James (trad. Clara Bouzada)

Editorial: Galaxia

Precio: 20,50 euros

Fascinante percorrido sideral

Tecnoloxía e interactuación

María Navarro

O autor da coñecida e recoñecida serie de Os Megatoxos e de títulos como A chave da Atlántida, Os ecos de lume ou 4 xinetes, entre outros moitos, vén de publicar A Escola Robot, un volume publicado na colección Merlín de Edicións Xerais no que o vigués dá vida a unhas personaxes de carne e óso que deben librar unha auténtica aventura ao lado doutros seres ben particulares que se enfrontan ao Robot Maligno nun espazo no que a tecnoloxía ocupa un papel fundamental, tanto a que axuda a construción dun mundo mellor como a que é utilizada contra o outro para beneficio persoal.

Os primeiros días na Escola Robot son apaixonantes para Aidan e Luci que, xunta aos seus compañeiros e profesores, se introducen nun universo paralelo fascinante e no que terán a posibilidade de aprender e aproveitar a oportunidade que lles brindan de formarse nunha época na que a tecnoloxía semella dirixir as nosas vidas. A eles correspóndelles discennir e elixir a mellor opción.

O texto que implica e interactúa co lector con continuas interpelacións realizadas en forma de pregunta ou admiración prende no maxín dende as primeiras liñas, o ritmo narrativo acompañado de movementos vertixinosos faise acompañar de ilustracións que complementan o percorrido sideral que axuda a establecer unha conexión máis profunda co receptor, ao mesmo tempo que engade unha capa extra de información converténdose así nunha ferramenta poderosa que enriquece, sen dúbida, a historia.

Imagen

E Escola Robot (2025)

Autor: Anxo Fariña

Editorial: Xerais

Precio: 12,30 euros

Publicitario / Poético

Estamos á venda?

Oriana Méndez

Fran Alonso —escritor versátil e director de Edicións Xerais— regresa á poesía con Véndoche un poema. Desde Persianas, pedramol e outros nervios, obra coa que se deu a coñecer como unha das voces máis singulares da poesía galega dos 90, Alonso renova, con lucidez, a agudeza que o caracteriza.

A través dunha coidada e chamativa selección de imaxes publicitarias extraídas de contextos urbanos diversos, Fran Alonso explora as interseccións, raramente inocentes, entre o discurso publicitario e o poético. A linguaxe sedutora da publicidade, tan presente na vida cotiá, convértese aquí en materia poética e en obxecto de reflexión asemade. O resultado é un artefacto inesperado que convida á lectura crítica das imaxes e das palabras que nos arrodean, empregando o xogo lírico para desactivar, reinterpretar e iluminar desde outro ángulo os códigos da sociedade de consumo.

Con estrutura e deseño que lembran a estética das revistas comerciais, Véndoche un poema tamén opera a xeito de ensaio poético. En textos como «Son o teu templo», a voz do centro comercial adopta un ton de oración contemporánea, revelando con ironía o vínculo afectivo que establecemos cos espazos de consumo. Ou en «Remaking Rosalía», que conversa a tres voces cun texto da poeta e cunha imaxe publicitaria para cuestionar a presión estética sobre as mulleres. «Atraveso a cidade arrastrando a mensaxe no ventre» é unha poderosa imaxe que encapsula a clave do libro: como o espazo público e a publicidade se mesturan ata confundirse co propio corpo. Así, Fran Alonso propón unha poética que interpela intelixentemente e convida á reflexión do lectorado sobre as mensaxes que consumimos e que nos consomen sen sempre nos decatar

Imagen

Véndoche un poema (2025)

Autor: Fran Alonso

Editorial: Xerais

Precio: 12,83 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents