«Litografías» do Club de la Estampa
Unha mostra na Fundación Laxeiro

Exposición «Litografías» na Fundación Laxeiro de Vigo. / Eli Regueira
A Fundación Laxeiro presenta até o 21 de setembro unha mostra singular de produción gráfica relaizada na Arxentina no período en que Laxeiro residía en Buenos Aires. Trátase da carpeta Litografías editada na capital arxentina polo Club de la Estampa.
O Club de la Estampa de Buenos Aires iniciou as súas actividades en abril 1966. Trátase dunha asociación de gravadores arxentinos (na súa maioría xilógrafos) que tivo en Albino Fernández, gravador e pintor arxentino fillo de galegos, o principal impulsor e que contou con sobranceiros gravadores como Adolfo Bellocq ou Pompeyo Audivert.
O Club foi, xa que logo, unha iniciativa excepcional que reuniu os principais gravadores arxentinos para favorecer a creacion de coleccións de obra gráfica. Tratábase dunha iniciativa que era entendida polos promotores, en especial por Albino Fernández, como un paso na creación dunha conciencia en relación coa importancia do gravado na difusión da cultura plástica arxentina.
O Club de la Estampa tiña como obxectivos principais a promoción de coleccións para un público de recursos medios, xa que por medio de pagamentos mensuais, podían ser donos dunha estampa numerada e asinada polo artista, dunha tirada de cincocentos exemplares; asemade mercábaselles aos artistas o taco de impresión para formar o arquivo do Museo do Gravado. Así logrou o Club de la Estampa reunir orixinais de máis de corenta gravadores arxentinos.

Litografía de José Manuel Moraña. / Eli Regueira
Proxectaron tamén unha biblioteca especializada, roldas de conferencias, exposicións e a edición dun boletín mensual. Tratábase de abrir un amplo abano de difusión para o mundo da produción gráfica, co propósito de crear unha conciencia da importancia do gravado arxentino e do que significaba para a difusión plástica.
Os propósitos do Club de la Estampa eran os de nuclear os artistas gravadores arxentinos, espallar o desenvolvemento da estampa a través de mostras e singularizar a calidade e rigor do traballo gráfico. Tamén realizou intercambio de exposicións con outros países, así, en 1968, o Club organizou a Primeira Bienal Internacional de Gravado nas salas de Art Gallery International en Buenos Aires, coa participación de preto de cincuenta países.

Litografía de Carlos Alonso. / Eli Regueira
Neste contexto é onde se edita ese mesmo ano a carpeta Litografías que agora se pode ver en Vigo por primeira vez e na cal, entre os 25 artistas, temos a presenza de dúas das máis relevantes figuras da arte galega do século XX: Luís Seoane e Laxeiro, ambos presentes no contexto artístico arxentino desa altura.
A colección inclúe os seguintes nomes: Carlos Alonso, Eduardo Audivert, Libero Bardii, Luis Oreste Balduzzi, Luis Barragán, Adolfo Bellocq, Juan Bordalejo, Carlos Cañas, Héctor Capurro, Juan Carlos Castagnino, Leonardo Estarico, Carlos de la Mota, Alfredo de Vicenzo, Albino Fernández, Roberto González, Horacio Juárez, Naum Knop, Laxeiro, Aurelio Macchi, José Manuel Moraña, Norberto Onofrio, Antonio Pujia, José Rueda, Luís Seoane, Abel Bruno Versacci e Daniel Zelaya.
Alén diso, esta carpeta vai acompañada dun texto introdutorio de Leonardo Estarico onde se realiza unha análise filosófica da imaxe en relación coa historia do ser humano e coa propia historia do gravado.
Albino Fernández
Como sinalamos, cómpre salientar neste contexto a figura de Albino Fernández (1921-2014), un artista cunha vida que podería ser un exemplo máis da ringleira da emigración galega en América que recrean nos seus poemas escritores como Lorenzo Varela ou Luís Seoane, creadores que, por certo, tiveron unha relación de amizade co noso artista. De feito Albino chegou a colaborar estreitamente con proxectos da diáspora galega na Arxentina.
Albino Fernández naceu en Cuba, fillo de galegos que aos oito anos, en 1929, o trouxeron de volta a Galicia, en concreto para aldea paterna de San Pedro de Viana (Chantada). A seguir, os pais emigrarán á Arxentina para despois, en 1932, facer chegar o meniño Albino a Buenos Aires, reuníndose a familia.
A formación artística de Albino Fernández vai facerse no rico contexto cultural porteño, unindo á súa depurada técnica un compromiso social sempre presente e unha vontade de divulgación artística da cal é bo testemuño o seu labor no Club de la Estampa.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina