Contemporánea invitada

«Alteraciones» nas Coleccións Reais

«Recuerdo doble, temblor y vuelco II» de Cristina Mejías, na exposición «Alteraciones» da Galería das Coleccións Reais.

«Recuerdo doble, temblor y vuelco II» de Cristina Mejías, na exposición «Alteraciones» da Galería das Coleccións Reais. / R.P.O.

Román Padín Otero

A Galería das Coleccións Reais vén de inaugurar unha mostra titulada Alteraciones. Género, alteridad y libertad creativa, onde catro pezas de artistas contemporáneas comparten espazo con séculos de historia e arte.

Se aínda non o fixeron Vdes., agora é un intre doado para visitar a Galería das Coleccións Reais que se encontra albergada nun emblemático edificio de Tuñón&Mansilla, fronte do Palacio Real de Madrid. Para celebrar o segundo aniversario do museo están a convocar, dende Patrimonio Nacional, diferentes eventos entre os que se conta esta mostra de arte dos nosos días.

Todo é singular na visita a este museo. Dende o inicio do periplo polo edificio, hai moito de único, pois a enorme estrutura de varios pisos aparece agochada á mirada do público cando se accede pola terraza superior que está entre a catedral da Almudena e mais o patio de armas do Palacio Real.

Para mirar a alzada do colosal inmoble é preciso baixar até a altura dos xardíns do Campo del Moro dende onde se pode apreciar a sincopada fronte do edificio recticular. A singularidade é que a fronte semella a parte de atrás do edificio. Xa dentro, a visita transcorre por séculos de historia de España ordenada en reinados e reis, e de cada quen se van mostrando os cadros, esculturas, tapices, roupas, xoias, instrumentos musicais, carruaxes, adornos e decoracións de mesa, mobiliario, obxectos relixiosos, porcelanas e cristais máis extraordinarios que se poidan soñar.

Ademais, o complexo conta con sala de mostras temporais e tenda de museo, onde os obxectos de arte venais meritan tamén a nosa atención. Arestora conta así mesmo a motivación de ver a intertextualidade das pezas da colección permanente coas creación de arte contemporánea de catro artistas dos nosos días.

Alteraciones deliña cuestións de xénero, alteridade e liberdade creativa. Así, Mateo Maté presenta na sala dos Austrias unha escultura que leva por título La niña de la espina (2016). É un vaciado do célebre Espinario de Guglielmo della Porta que se instala no ámbito da sala dedicada a Filipe II. Cunha trasposición de facianas, a escultura troca nun novo canon, abordando cuestión de xénero, sexualidade e diversidade.

«La niña de la espina» de Mateo Maté na exposición «Alteraciones».

«La niña de la espina» de Mateo Maté. / R.P.O.

Tamén no ámbito filipino é que se presenta a peza de Diana Larrea que leva por título De entre las muertas (2020). O proxecto recupera as xenealoxías invisibilizadas de mulleres artistas por medio da transformación en falsas cianotipias dos autorretratos de pintoras do pasado. Desta volta podemos contemplar as cianotipias de Sofonisba Anguissola, Lavinia Fontana e Artemisia Gentileschi, tres pintoras vinculadas ás Coleccións Reais.

«De entre las muertas» de Diana Larrea na exposición «Alteraciones».

«De entre las muertas» de Diana Larrea. / R.P.O.

Na sala dos Borbóns preséntase a obra de Cristina Lucas titulada Europa 1912-1945 (2017). Trátase dunha peza bordada que forma parte da serie chamada «Tufting», que é resultado da investigación de El rayo que no cesa (2017). Empregando como soporte as cartografías en téxtil, a autora borda en negro os enderezos que foron bombardeados e que foron afectados pola violencia aérea durante o período ao que se refire o título da peza.

Non sen intencionalidade, a peza exhíbese xunto a Oficina da Guerra Europea no ámbito de Afonso XIII nas salas do museo. Con estes mapas ou antimapas Lucas rende homenaxe ás vítimas das contendas empregando unha arte popular, e de seu en Europa feminino, pois era realizado por mulleres e aparecía tamén en certa medida vinculado ao loito.

«Europe 1912-1945» de Cristina Lucas na exposición «Alteraciones».

«Europe 1912-1945» de Cristina Lucas. / R.P.O.

Estas intervencións contemporáneas posibilitan a relectura das obras artísticas habituais nas salas do museo. E tamén abren os ollos a mirar outras realidades de cotío feitas por homes ao ser propostas dende unha perspectiva de xénero. De certo que con este tipo de propostas a Galería reforza a súa diversidade e dinamismo e procura unha relectura da colección acercándose a novos públicos.

Cada ano máis de 600.000 persoas visitan a Galería das Colecciones Reais, sendo xa unha referencia esencial na programación museística en España. Coas mostras temporais acadan, alén diso, o desexo de conseguir que o visitante volva a esas salas para recobrar o tempo pasado dende outra ollada.

Gabinete musical

Na sala dos Borbóns, e no espazo do gabinete musical, móstrase a peza de Cristina Mejías titulada Recordo dobre temblor e volco II (2022). Forma parte da serie «Boca e óso» e afonda na oralidade como xeito de transmitir saberes e coñecementos.

A artista tivo a oportunidade de meterse no taller do seu irmán, que é lutier de guitarras, e aló fixo unha investigación sobre os procesos de manufactura dos instrumentos musicais. Froito desa estadía puido aprender os materiais e técnicas proprios da artesanía para facer con eles unha diverxencia que representa a diversidade entre o artesán e a arte contemporánea.

Logo o que ollamos evoca quizais un instrumento musical deconstruído que aparece colgado do teito e cuestiona aspectos de subxectividade, xénero e antinormatividade. A forza poética da peza é evidente e ten ademais unha cualidade a posteriori que é o de pertencer a unha colección privada dunha coleccionista galega. Arte dunha muller coleccionado por outra muller galega.

Nun diálogo certo con esta peza «musical», a efeméride do segundo aniversario da Galería levará aparellados tamén ciclos de concertos, danza e cinema, conferencias e xornadas de portas abertas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents