Surfin’ The Beach Boys

Brian Wilson: até sempre

«Surfin’ USA»: The Beach Boys para sempre.

«Surfin’ USA»: The Beach Boys para sempre. / Arquivo

V. Neira

Que é o que ten que ter un grupo para ser capaz de conquistar corazóns ao longo de todo o planeta? Aquí deixamos esa pregunta do millón e á cal, de certo, todos os músicos do mundo estarían encantados de atopar unha resposta definitiva. Pois moito magnetismo, moita solvencia musical e interpretativa e, sobre todo excelentes compositores e fantásticas cancións. Polo menos, iso pensamos nós.

E de tal xeito é que chegaron a tales cotas uns rapaces californianos nos anos sesenta do pasado século baixo o nome de The Beach Boys. Aí pasaba todo isto do que falamos e certamente que aínda moito máis para levalos a ser unha das bandas de rock máis importantes dos Estados Unidos e tamén dun resto do mundo, onde as súas cancións foron tan demoledoramente comerciais como tremendamente emotivas.

Admirados e referenciados, os rapaces da praia acabaron por seren unha desas marcas que traspasan a caducidade dos almanaques, e das épocas, para deviren de seu unha especie de ente atemporal que provoca en toda a súa dimensión a definitiva sensación de asinar cancións que sempre estiveron e sempre estarán aí. Xa que logo, un dos grupos co maior éxito comercial, no seu conxunto, de todos os tempos e con algunhas pezas que son a banda sonora de toda unha civilización con exemplos como «Surfin’ USA», «California Girls», «I Get Around», «Good Vibrations» ou «God Only Knows» por citarmos apenas algunhas.

Pero os The Beach Boys eran aínda moito máis que un grupo comercial coñecedor do truco para vender. Porque eles foron pioneiros en moitos eidos da produción musical e dos arranxos dentro dun grupo do rock, contando cun Brian Wilson xenial e sempre disposto a romper cancelas pop. Incluso xogándose o pelello e coa renuncia implícita ao éxito no seu intento. Así, detrás dos Beach Boys e ao longo da súa discografía, a carón do máis evidente, atopamos alfaias tapadas nas que a mente privilexiada do compositor botaba por fóra nun traballo, con sorprendentes exemplos de melodías complexas, vangardismo a saco e harmonías enredadas en mil recunchos. Todo á medida dun Brian Wilson xenial, inabarcable e particular, cun feixe de problemas co éxito e cada vez con menos ganas daquela rivalidade cos Beatles, coas xiras infinitas e co pago das peaxes do traballo promocional que tanto o asustaba e que tanto desprezou. Realmente tanto, en fin, que acabou por apartalo do escaparate do grupo para deixalo nada máis traballando entre bastidores. Idas e voltas, traballos en solitario, terapeutas que o afundían con intereses nada honestos e unha vida de película que por certo podemos gozar naquela magnífica, e ben recomendable, Love & Mercy (2015) con John Cusack, e dirixida por Bill Pohlar, na que nos contan precisamente a vida de Wilson nos momentos cumio da produción do imprescindible Pet Sounds (1966) e do arresto total vivido co seu terapeuta, xa nos anos oitenta, dándonos unha idea clara da canteira interior que tiña o músico e tamén da fascinante combinación de creatividade para escribir musica e mais as habilidades técnicas para producir e arranxar que tiña, deixándoo á altura do xenio que foi.

Agora chegounos a mala nova do seu pasamento aos oitenta e dous anos e, por suposto, que o mundo enteiro lle rende as honras merecidas pola súa dimensión como unha das figuras máis imprescindibles da música popular do século XX e da historia toda. Nós non iamos ser menos.

Germán Prieto: Destino

Destino, publicado pola disqueira da Bandeira, Xonix Records, é o novo traballo de Germán Prieto. Así, e tres anos despois do seu debut con Salto al vacío, fainos entrega de once novas cancións nas que o enorme guitarrista que en esencia é, deixa lugar, e moito osíxeno, para un mergullo existencial e intimista nun exercicio emocional que transcorre sempre entre temas de corte pop, escrito sexa no mellor sentido da etiqueta.

Por momentos bailable, por momentos atmosférico e envolvente -e, noutros, polo rego da enerxía do rock como primeiro mandamento-, o Destino de Prieto lévanos de paseo por ese xeito de entender a música dende a humildade dos que saben tocar, e moi ben. Cancións como «Cenizas», que abre o traballo, as riffeiras «El tren» e «En la oscuridad», a fermosa e doce «Roto por dentro» ou a fantástica «Bagoas de Sal» ben poden valer de exemplos da diversidade de matices e texturas que se manexan nun disco que nos achega devagar a unhas anheladas décadas pasadas onde, abofé, que o disco sería valorado como se merece lonxe dos tempos de deriva nos que parece que musicalmente semellamos estar.

Todo producido por Manu Rey e facendo de cada tema unha gozada de escoita tanto polo aire mostrado coma polos arranxos escollidos. Este Destino ben merece o tempo da túa procura polas plataformas e da túa disposición para deixarte arrolar nunha escoita que seguro agradecerás.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents