Na xeira da Art déco

A modernidade entre nós

En primeiro termo: Edificio Chrysler (Nova York, 1928-1930).

En primeiro termo: Edificio Chrysler (Nova York, 1928-1930).

Un grupo de deseñadores e artistas franceses promoveu en París unha mostra que, por diversas circunstancias e co nome de Exposición das Artes Decorativas, non se puido celebrar ata 1925 arredor da explanada dos Inválidos. Pretendía promover as formas de deseño aparecidas á calor da recuperación posterior á Primeira Guerra Mundial. As consecuencias económicas desta impuxeran un appel à l’ordre para racionalizar toda caste de deseños. Malia as súas posteriores consecuencias modernizadoras e de incorporar as estéticas cubista e futurista, tratábase dunha proposta conservadora que afectaba, sobre todo, a obxectos de consumo da burguesía.

A mostra de París incorporaba diversas disciplinas de produción, nomeadamente de uso cotián, cun denominador común: liñas rectas e aerodinámicas. Sendo aqueles deseños accesibles, as propostas presentadas expandíronse polo mundo adiante. No entanto e malia tal éxito, o movemento non tiña cualificativo. Non foi ata 1966, e nunha exposición celebrada no Museo das Artes Decorativas da capital francesa, cando apareceu a denominación Art déco referida á corrente artística que dominou entre 1920 e, principalmente, 1939.

As diversas propostas que compartiron os seus principios coincidiron en boa parte co proxecto da Bauhaus, na República de Weimar alemá, e co construtivismo. A incorporación de liñas aerodinámicas foi en paralelo coa renovación dos diversos medios de transporte (trens, avións, barcos, automóbiles). Para iso, colleu inspiración na arquitectura do Antigo Exipto, daquela de moda polas escavacións arqueolóxicas, e pola incorporación de formas xeométricas (trapecios, zigzag).

En canto aos materiais, comezaron a empregarse madeira, aceiro inoxidable e aluminio. Nas aplicacións tipográficas, e nunha liña semellante, os trazos de pau seco e as liñas rectas fixeron esquecer as ondulacións do Art Nouveau, que simbolizaba o mundo dos imperios desaparecido despois da guerra mundial.

Pero se iso sucedía en Europa, nos países emerxentes de América e de Asia a incorporación da Art déco foi a porta de entrada autónoma na modernidade. Non só no caso dos Estados Unidos, xa daquela a primeira potencia económica mundial (edificio Chrysler, Nova York). Tamén na Arxentina (Kavanagh), México (El Moro), China (trinta edificios en Shanghai que sobreviven) ou Nova Zelanda. Noutras zonas, foi a man da dominación colonial a que as incorporou a esta modernidade, como é o caso de Indonesia (da man de arquitectos neerlandeses) ou Eritrea (italianos).

Un medio que achegou estes novos deseños ao conxunto da cidadanía foi a publicidade, ben axiña chea de liñas simples e modernas: desde transportes a vestidos pasando por produtos de uso cotián como revistas (Vogue) ou perfumes. A súa sinxeleza e fácil réplica permitiu que as liñas da Art déco se expandisen en construcións cotiás, teatros, bares, quedando para sempre asociadas á expansión do jazz e á estética das películas de cine noir.

E en cidades como Valencia ou Reims (entre nós, Ferrol, con Rodolfo Ucha) coincidiu a expansión dos seus ensanches con esta corrente artística. Tal circunstancia supuxo que, pasados uns anos, estas construcións fosen vistas sen apenas valor, vellas e susceptibles de seren vítimas do pico a prol de novos edificios de falsa modernidade. De xeito semellante, a súa presenza en obxectos de uso cotián tamén fixo que estes fosen efémeros.

Unha corrente que con artistas como Tamara de Lempicka ou xoieiros como Louis Cartier, aportou glamour á emancipación feminina. Entre nós e presente nos tocadores das nosas avoas, a colonia «Maderas de Oriente», de Myrurgia, cuxo envase -deseñado por Esteve Monegal- lembra un rañaceos norteamericano, hoxe presente en diversos museos.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents