Escravos das aparencias
Na «pornografía da riqueza»

Fotograma da terceira temporada de «The White Lotus» (2025).
Nunha oportunidade, Scott Fitzgerald —estando en compañía de Ernest Hemingway— afirmou: «Os ricos son diferentes de ti e de min», ao que Hemingway retrucou: «Si, teñen máis diñeiro». A resposta permite numerosas interpretacións, dende o sarcasmo absoluto a unha realidade severa e suficiente porque acontece que o diñeiro cambia a percepción de todo: incluso de nós mesmas, creando ilusións do que somos.
Lembro unha ocasión na que alguén me mostraba as reformas feitas na súa casa. Estaba moi enfadado porque investira unha cantidade de cartos indecente cun decorador moi exclusivo e o resultado deviña decepcionante: ao contemplar os ambientes, non se notaba para nada dito exceso!
Que en todos os sentidos as aparencias son caras e que o diñeiro cambia a percepción de nós e do mundo é unha experiencia que hoxe exploran algunhas series de streamming como The White Lotus. O produto forma parte dun grupo de propostas que algúns consideran un novo xénero que denominan a «pornografia da riqueza». Atopamos a súa orixe nunha actitude que é tendencia nas redes sociais, un alarde habitual que ten uns referentes moi vistos na actual escena mundial que exhibe o luxo co obxectivo de xerar fascinación, desexo ou tal vez envexa.
A serie citada explora as condutas de persoas ricas nun resort exclusivo e vén confrontalas con esoutras dos/das que están ao seu servizo e aínda aqueles/as que se sitúa no medio. Un contraste que pon en evidencia as distancias que crea o diñeiro e a capacidade para corromper. Queda exposto como a abundancia nesga a percepción da realidade, xerando banalidades, egoísmos e todo tipo de patoloxías da mente e —para os que a teñen— da alma. Ás veces mordaz; outras, disparatada, deixa en evidencia os protagonistas que non son o que semellan, nun contexto onde privilexiados e subordinados están envoltos e son vítimas en diferentes dimensións das circunstancias.
Billions e Succession son outras series consideradas deste xénero particular, e igual que a xa citada, teñen un éxito desproporcionado. En xeral, as series enganchan. Seguramente, por motivos moi diversos como a tendencia biolóxica, mediada pola pracenteira dopamina, a estaren deitados sen facer nada ou deitados comendo ou como evasión dunha vida insatisfactoria. Para o animal humano é preferíbel calquera acción que non requira esforzo. Pero hai tamén moitos aspectos psicolóxicos neste enganche.
A construción das personaxes é moi completa xa que o tempo das series permite que se desenvolvan en numerosas circunstancias, dotando de maior realidade e familiaridade e conseguindo así a consistencia necesaria para participar das nosas cavilacións e conversacións. Mais tamén, como sucede con outros xéneros como o true crime, o luxo extremo resulta tan atraente como inquietante.
Temos unha tendencia neurolóxica a buscar estímulos novos e estimulantes que desafían as nosas ideas. Ao cerebro interésalle a novidade e a estimulación intensa e, neste sentido, o mercado utilízao para o seu beneficio e así oriéntanos neste morbo. Pero tal vez, e non menos relevante, sexa que visualizar as angustias destas persoas caprichosas e insoportábeis, as suas miserias... pode que funcione como unha forma de expiación. Incluso a ciencia axuda neste sentido, porque entre a xenética, a educación e mais a carteira, parece que as dúas primeiras teñen máis posibilidades de proporcionar felicidade, polo que alivia pensar que somos máis felices que os multimillonarios.
A nivel social tampouco parece que a riqueza concentrada en poucos sexa un valor axeitado na evolución das comunidades. Existe un estudo interesante que analiza factores non explorados na caída do Imperio Romano. A hipótese sostén que a avaricia da clase senatorial romana e dos nobres patricios, que eran tan inmensamente ricos como para resultar obsceno, xunto a súa resistencia a pagar impostos e apoiar a sociedade, foi un factor clave nesa decadencia.
Por sorte, existen situacións nas que non necesitamos aparentar nada. Son aquelas nas que somos nós.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar