Entrevista | Paco López Barxas Escritor e xornalista

«A obra máis importante de Castelao foi a súa vida»

En Castelao entre Nós (Teófilo Edicións), López Barxas fai un achegamento á obra e personalidade do máis destacado compoñente dunha xeración mediante un xeito atractivo, coloquial e xornalístico. Trátase dun libro editado nun estoxo de luxo coincidindo co 75 aniversario da súa morte e a declaración de Ano Castelao pola Xunta de Galicia

López Barxas, cun exemplar do seu libro.

López Barxas, cun exemplar do seu libro.

–Por que decidiu redactar esta «autobiografía», como se Castelao falase (escribise) en primeira persoa?

–Cando o editor me plantexou facer un libro sobre Castelao, en conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento, estiven dándolle voltas ao asunto ata que cheguei á conclusión de que a mellor maneira era facelo en primeira persoa, como se falase o propio Castelao. Como xa é tópico escribir sobre o que Castelao dixo ou deixou de dicir, fixo ou non fixo, pregunteime a min mesmo: para que me vou meter tamén eu a interpretar a Castelao? Por que non o deixo que fale de si mesmo, da xeración á que pertenceu, dos seus amigos, do que escribiron sobre el…? E así naceu este libro, un pouco como unha homenaxe pero, ao mesmo tempo, coma un convite para ler a Castelao. Castelao entre nós non pretende ser un ensaio nin un estudo erudito, senón un achegamento á súa obra e a súa personalidade, dun xeito xornalístico e cun relato ameno, entretido, co que poder achegar tamén a súa lectura a un amplo abano de lectores e lectoras. Esa foi, dende logo, a miña intención, unha intención á que ademais lle dá moito valor o feito de e que a ilustradora, Isabel Pintado, soubo interpretar moi ben a esencia de Castelao a través dos seus debuxos.

–Neste libro, Castelao «fala», pero tamén falan del, concretamente no capítulo «Arredor do que din». Que criterio seguiu para seleccionar os textos e persoeiros elixidos?

–Todos son textos de grandes persoeiros das nosas Letras, dende Antón Vilar Ponte ata o actual presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, pasando por Antón Risco, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eugenio Granell, Uxío Novoneyra, Carlos Casares… xente da que nunca até o de agora se recollera o que opinaba de Castelao.

–Outro capítulo que me chama a atención é «Arredor dos poetas». Por que lle interesaron os versos dos poetas para «definir Castelao»?

–Si, son composición poéticas dedicadas a Castelao, nas que atopamos poemas de Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Vergara Vilariño… todos eles desaparecidos, pero tamén hai outros, felizmente vivos, que crearon para esta edición poemas inéditos, como son os casos de Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Xulio López Varcárcel… Eu considero que, a da poesía, é unha visión que enriquece a figura de Castelao. Os poemas que inclúo parécenme magníficos e fermosísimos, e foi unha mágoa que non puidese incluír máis, porque entón me daría case para unha enciclopedia.

–Cre que, despois de ler o libro (por certo, toda unha alfaia pola súa encadernación), poderemos ter unha visión máis auténtica de Castelao?

–Todos sabemos que Castelao ten unha obra importantísima, pero eu quería, a ser posible, que non se esquecera que a obra máis importante de Castelao, con seren decisivas todas as demais, estriba no que fixo coa súa propia vida por Galicia. Quero dicir que Castelao viviu dúas vidas: a obra da súa vida e a vida da súa obra. A obra da súa vida é exemplar, se ningunha dúbida, e a vida da súa obra é inmortal, e isto tamén é incuestionable. Hai unha frase de Castelao que me chamou moito a atención, porque sobre o mapa de Galicia de Fontán, deixou escrito: «Non se pode pintar un país sen soñalo xuntos». Esta é «a derradeira lección do mestre» (título do famoso cadro), pero do mestre Castelao. Eu non sei se o conseguín, pero o meu obxectivo foi reflectir iso. Por iso a min, aparte da visión persoal, interesoume moito incluír esa visión plural porque, como dicía Miguel de Unamuno, todos somos a mistura de como nos vemos a nós mesmos e como nos ven os demais.

«Recollín textos de autores que opinaron sobre Castelao e tamén de poetas, mortos e vivos, que lle dedicaron poemas»

–Hai uns anos, Vde. pronunciou no Club Faro unha conferencia titulada «Nós arredor de nós. 100 anos dunha xeración irrepetible». Por que Nós foi unha xeración irrepetible?

–É irrepetible como son irrepetíbeis Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Losada ….e o propio Castelao, claro!. Poden existir acaso xeracións tan importantes como a de Nós noutros contextos e noutras épocas pero, dende logo, tal e como coñecemeos a xeración Nós, a min paréceme, en conxunto, irrepetible. Eu penso que se Galicia tivera unha cadeira nunha imaxinaria Academia das Letras Universais, esta cadeira estaría asentada en catro patas: Rosalía de Castro, Valle Inclán, Castelao e Álvaro Cunqueiro.

–Sen a Xeración Nós, tería sido posible mesmo a existencia, e a emerxencia, dunha figura como Castelao?

–Podería ser, porque as figuras illadas seguirían existindo, pero hai que ter en conta que a eles os unía Galicia por enriba de todo, dos partidos políticos, das ideoloxías…Todos eles concordaban na reivindicación da lingua de noso, do Estatuto de Autonomía…Daquela, quizais non houbese unha confluencia literaria xeracional, pero si na preocupación por Galicia, na que se identificaban unanimemente todos eles con todas as diferenzas que puidera haber entre eles, pero que confluiron nas Irmandadees da Fala ou no Seminario de Estudos Galegos…De todos os xeitos, estou case seguro que, sen a xeración Nós, a obra de Castelao tivera sido tamén moi relevante.

–Que bota de menos nos libros que se teñen escrito sobre Castelao?

Que non se teña afondado máis neles no sentido do humor na obra de Castelao, que ocupa un lugar importantísimo, e non en balde eu son dos que creo que no humor de Castelao coincidimos todos os galegos. Mesmo até o punto de que estamos diante dun humor que nos reflicte e, asemade, que nos define precisamente como galegos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents