Unha presenza recorrente
Castelao e Vigo

Castelao na Pinacoteca Fernández del Riego / Marta G. Brea
A vida de Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950) coincide co momento de maior pulo industrial e demográfico da cidade de Vigo, que se converte nos anos finais do século XIX e primeiras décadas do XX en urbe de referencia para toda Galicia.
O perfil de Vigo, ligado á vontade de progreso material, era algo que xa se comezara a enxergar desde mediados do século XIX e non era —nunca o foi— contraditorio co desenvolvemento cultural e artístico. Máis ben ao contrario, o crecemento da cidade uniuse desde o XIX ao seu progreso como referente cultural do país, combinando unha vontade cosmopolita —que o porto sempre favoreceu— cun forte sentimento identitario galego, de que son proba fitos como a publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro na imprenta de Juan Compañel na Rúa Real, inicio preciso dos noso Rexurdimento. Tendo en conta esta realidade, unha figura como Castelao, central no cultural e político para todo o país, non podía ser allea a este contexto.
A magnífica mostra Impresións de Castelao en Vigo documenta con rigor esta relación, que se inicia nas colaboracións do artista desde 1909 na revista Vida Gallega. Pouco despois, en 1915, realiza os grandes óleos de tema migratorio para o Nuevo Café, local situado en Policarpo Sanz, esquina Velázquez Moreno. Máis tarde, en 1922, está presente no xornal Galicia, que dirixía Valentín Paz-Andrade, para o que deseñará a cabeceira e tamén publicidade, e depois no FARO. De feito, a exposición permite enxergar a colección de «Cousas», propiedade do Museo Municipal de Vigo «Quiñones de León» que en orixe foron colaboracións de Castelao na prensa viguesa.
A presenza do rianxeiro no Vigo destes anos vinte coincide tamén co agromar da nova pintura galega e o debate crítico que esta xera, un debate que contou coa tribuna privilexiada dos xornais Galicia, FARO e El Pueblo Gallego e que tivo momentos de especial relevancia como a exposición no Ateneo de Vigo do álbum Nós.
A mostra repasa tamén a presenza política de Castelao en Vigo: a propaganda nacionalista das Irmandades da Fala; o famoso «Xantar da Barxa» e o mitin do Teatro García Barbón de 1931. Castelao aparece como figura sobranceira do Partido Galeguista.
Xa exiliado en Buenos Aires en 1940, o porto de Vigo será lugar de entrada e saída das súas mensaxes políticas clandestinas e, despois da súa morte en 1950, as editoriais viguesas Galaxia e Castrelos editarán a súa obra, moi devagar xa que a censura actúa intensamente no control da proxección pública da súa figura e obra.
Cousas da vida
As obras artísticas presentes na exposición pertencen aos fondos do Museo Fernández del Riego, ao «Quiñones de León» e a coleccionistas privados, destacando tamén as reproduccións gráficas que nos anos finais do franquismo realiza «Serigrafía Galega», que axuda a popularizar a imaxe de Castelao e da súa obra nun momento histórico decisivo.
Desde o punto de vista artístico na mostra destaca o conxunto de «Cousas da vida», que proceden do FARO. Nelas agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común do convulso e esperanzador período que viviu o autor, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo.
Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas de mulleres e homes galegos. Hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis, a emigración, o caciquismo, a problemática lingüística, a cuestión nacional, a forma de estado... O protagonismo central desta serie téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles.
En resumo: Impresións de Castelao en Vigo supón unha achega de moito interese á figura de Castelao, merecedora dun esforzo divulgativo á altura da súa importancia central para a nosa identidade nacional.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar