Eroski Paraíso
Unha comedia documental

Representación de «Eroski Paraíso» polo grupo Chévere.
Manuel F. Vieites
No que levamos de século collen relevancia no teatro occidental dúas tendencias presentes na escrita dramática: os dramas confesional e documental. O primeiro agroma na obra de Andrea Dunbar, quen estrea The Arbor no Royal Court Theatre de Londres en 1980, presentando feitos da súa vida, con nome e apelidos. O segundo na Unión Soviética, coa literatura fakta, que Erwin Piscator ou Peter Weiss desenvolven en Alemaña, este último asentando metodoloxías na peza A indagación (1965).
Con todo, Valle-Inclán será dos primeiros en explorar o modelo con En la luz del día (1916), un durísimo relato de guerra (da Primeira Mundial) en modo dramático. Cando os promotores da segunda etapa da revista soviética Novy Lef (1927-1928) impulsan o proxecto factográfico, entre eles Nikolai Chuzhak ou Sergei Tretyakov, propoñen buscar a materia literaria na realidade, refugando a ficción, idea expresada por Nikolai Evreinov nun volume publicado en inglés The Theatre in Life (1927), que recollía traballos antes publicados en ruso, nos que afirmaba que o teatro verdadeiro estaba na rúa, na vida cotiá das xentes.
Esa tendencia segunda, asentada na memoria individual e colectiva, a través da procura e recuperación de materiais auténticos, que se obteñen en traballos de campo, colle moito relevo nos espectáculos últimos da compañía Chévere. Ese foi o caso de Eroski Paraíso, creación colectiva elaborada por Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e XRon, a partir de retallos de vida recollidos na comarca de Muros, que vén de publicar Kalandraka.
Unha vocación que podería derivar do feito de estaren as vidas das xentes do común cheas de «demasiada realidade», como podemos ler no texto, o que implica renunciar aos grandes relatos e ocuparse desas pequenas historias nas que se pode ver reflectida unha maioría inmensa, e coas que tanto se pode aprender.
A trama central organízase arredor da gravación dun documental que prepara Alex, filla de Eva e Toño, a partir da fotografía que o seu avó, Avelino, lle fai á parella na sala de festas Paraíso, situada entre Muros e Serres e moi famosa nos anos oitenta, agora reconvertida en supermercado dunha coñecida cadea de distribución alimentaria. A recuperación daquel intre permite incorporar outras temáticas que falan de problemas do presente.
Mediante breves digresións, mesturadas cos episodios nas vidas deses dous emigrantes galegos en Lanzarote ou Barcelona, vanse enfiando historias que arrepían. Así, saberemos da peripecia dun irmán de Eva, recluído aos dezaseis anos nun centro de menores, ou «reformatorio», do que sairá convertido en todo aquilo que o tal centro debería impedir. Lendo ese inciso na historia da parella, vén á mente aquela fermosa pero angustiosa canción que Lucinda Williams dedicou a un seu irmán do que un día nunca máis soubo nada: Are you allright?
En efecto, a partir do encontro casual de Eva e Toño na sala de festas, emerxen, como dardos envelenados, outras temáticas que informan da maneira en que os paraísos acaban en infernos, como o das cativas que casan sendo aínda nenas, ou a desatención que padecen tantas persoas con disfuncións cognitivas.
Un motivo importante de reflexión é a conduta de Eva en relación ao uso da lingua. A súa filla, Alex, pídelle que fale en galego durante a gravación, pero ela, a diferenza do seu home, que fala un fermoso galego da área fisterrá, é incapaz, malia tentalo algunha vez.
De igual maneira ten interese unha reflexión moi sentida e atinada da Eva cando lle pregunta á súa filla polo interese que poida ter o seu relato cando hai tantos problemas no mundo, que ao mellor eran máis merecentes dun deses documentais. Un interrogante que se traslada aos lectores e lectoras do texto, que cada quen deberá responder despois de telo debullado. A aventura paga a pena, e para quen mirase o espectáculo homónimo, estreado en 2016, mellor aínda.
O réxime do 78
O título da peza semella querer trasladar unha metáfora en relación ao feito de que un supermercado se instale no lugar que fora un «paraíso», pois así era vivido pola mocidade que todos os domingos alí se congregaba para socializar e pasalo ben.
O mesmo ten acontecido con salas de cinema ou teatro, hoxe reconvertidas en tendas de produtos diversos, porque o consumo na sociedade actual é unha pauta inevitable, incluso nas sociedades que non se viron afectadas polas moitísimas maldades e perversións atribuídas ao Réxime do 78, como pode ser a portuguesa, cun réxime actual derivado dunha ruptura democrática e da Revolución dos Cravos.
O problema, ao mellor, non está nese malfadado Réxime do 78, senón no trunfo inexorable do capitalismo, a utopía feita realidade dos máis poderosos, como estamos a ver. Pero un problema aínda maior é que aquel movemento de ruptura, que anunciando o albor dun mundo novo contra 2011, cando ía conquistar o ceo, acabou como rematou. Contra o capitalismo non se vive nin tan mal.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas