«Dime ramo verde»

Floriografía edilicia en Galicia

Ramo de loureiro nun edificio en construción.

Ramo de loureiro nun edificio en construción. / FdV

Alberte Reboreda

Unha copla popular galega, versionada en todo o noroeste peninsular, di: «Dime ramo verde / Dime onde estás / Que se vas de ruada / Quérote atopar», o que evidencia a presenza simbólica do ramo en toda esa área xeográfica como sinónimo de amor novo ou pendente de florecer. A voz ramo (lat. ramus) foi utilizada de forma poética na lírica medieval galego-portuguesa, de D. Dinís a Airas Nunes, que cantaron o «ramo verde´e frolido». Lorca tamén incluíu as «verdes ramas» no seu «Romance sonámbulo».

No contexto cultural de Galicia, o ramo vexetal é un elemento cargado de simbolismo que se manifesta en diversas tradicións relixiosas, festivas e populares. Ao longo dos séculos, a súa presenza estivo profundamente ligada tamén aos ciclos da natureza, o casamento, a festa e a conexión entre o humano e o divino. Desde as cerimonias de agradecemento polas colleitas ata o seu papel protector en rituais e festividades, no noso país o ramo preséntase como un símbolo de renovación, beizón, fertilidade, devoción e mesmo como rito de coroación ou culminación. Deste último, en forma de ramo de loureiro, é do que nos ocupamos hoxe.

Menéndez Pidal, no traballo que dedicou ás Etimologías Españolas (1900), advertiu da utilización dos ramos polos albaneis: «En varias regiones de España existe la costumbre de poner una rama verde en lo alto de los edificios recién acabados (rama que en Madrid, por ejemplo, está remplazada por una bandera), y que en otras labores, como en la siega de los prados, al último carro de hierba que se recoge se le pone también su ramo. Todo esto explica la frase asturiana poner el ramo, que vale «acabar la recolección, terminar una casa», de donde se pasó a decir rematar por acabar toda clase de obras». Este mesmo uso foi documentado por Mandianes Castro na aldea ourensá de Loureses (Os Blancos) en 1984.

En 1915, Cotarelo Valledor tamén deixa constancia desta práctica nun artigo dedicado ao idioma castelán en Galicia: «Poner el ramo = Rematar felizmente una obra o empresa. En sentido recto es la costumbre usada por los albañiles de colocar un ramo en lo más alto de la edificación, cuando la terminan». Neste sentido, o Dicionario da RAG define a expresión «poñer o ramo» como sinónimo de rematar un labor.

Ramo de loureiro en Noruega.

Ramo de loureiro en Noruega. / FdV

Sorprende que esta práctica, coñecida nos países anglófonos como Topping-out ou Topping-off, siga viva nos nosos días en Galicia e noutras partes do mundo, mesmo nas cidades, onde os ritos tradicionais de orixe rural teñen maior dificultade para arraigar e perdurar. A importancia simbólica da colocación do ramo na construción recoñece o valor do esforzo colectivo, converténdose nunha manifestación pública do orgullo polo avance da obra. Serve tamén como ritual de transición entre o remate da estrutura e o inicio dos acabados, o que conecta con antigas tradicións obreiras presentes en boa parte do mundo.

A práctica de coroar os edificios en construción cun ramo circunscríbese ao momento no que se remata a estrutura arquitectónica, isto é, cando conclúen as obras do esqueleto material que a sostén. Neste contexto, o ramo é colocado polos albaneis nun lugar ben visible do remate do edificio para dar conta da conclusión dos traballos de construción en altura. En ocasións, a instalación do ramo coincide coa celebración dun xantar de celebración entre os profesionais que levaron a bo termo a obra.

En Alemaña e Austria é habitual celebrar a Richtfest (a festa da riqueza) na que participan o Bauherr (propietario), o Baumeister (arquitecto/mestre de obras) e o Zimmermann (carpinteiro). O mesmo acontece en Xapón, onde os axentes vinculados á construción tamén celebran o remate da estrutura edilicia mediante a cerimonia do Jōtō-shiki, utilizando sake e arroz para bendicir a obra. Nos países nórdicos europeos, a árbore que simboliza a conclusión da estrutura decórase con fitas e, ás veces, mesmo se queima ao final da cerimonia, o que se interpreta como unha herdanza viquinga.

Ramo de loureiro en EE UU.

Ramo de loureiro en EE UU. / FdV

Casas, tabernas e furanchos

O ramo de loureiro, que os suevos escolleron como protector da casa antes da cristianización, como acredita López Pereira (1996), foi utilizado máis tarde para identificar as tabernas, tal e como proba Quevedo (1580-1645) na súa obra Capitulaciones de la vida de corte: «(…) suponed que como han dado en poner ramo para señalar las tabernas en Alcalá, donde son tantos los herederos (…).»

Segundo Joan Corominas (1985), a voz ramera explícase «porque la ramera al principio era una prostituta disimulada, que fingiendo tener taberna ponía ramo a su puerta».

En Galicia, os ramos de loureiro tamén foron utilizados desde tempo inmemorial para identificar as tabernas ata mediados do século XIX aproximadamente. Así o acreditan diferentes ordenanzas municipais estudadas por Xavier Castro (2010) e tamén a copla popular: «Meu Santo San Xulián / quen vos puxo a taberneiro / na vosa porta maior / vexo un ramo de loureiro». Na actualidade, os ramos de Laurus nobilis serven para identificar os furanchos ou loureiros, unhas tabernas temporais que duran abertas o que o excedente de viño da colleita do seu propietario.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents