Arredor do pensamento «woke»
O anticapitalismo (e VI)

Os seguidores do movemento «woke» nas rúas de Nova York. / Arquivo
Alfredo Iglesias Diéguez
Hai uns anos comezou a difundirse un novo pensamento «alternativo»: falamos do pensamento woke, obxecto de feroces críticas procedentes do mundo «libertario». Ora ben, que vén ser, en realidade, o pensamento woke?
A maioría dos estudos sitúan a súa orixe no contexto das protestas sociais xurdidas nos EEUU a raíz da absolución do asasino que matou a tiros o afrodescente de 17 anos Trayvon Martin en 2013 no estado de Florida, nas que por primeira vez se empregou o cancelo #BlackLivesMatter, axiña organizado como movemento social, sobre todo tras o asasinato de George Floyd a mans dun policía «branco» de Minneapolis no ano 2020.
Porén, tamén hai quen insiste no papel que o movemento MeToo, xurdido no ano 2017 a raíz das denuncias por agresión sexual contra o produtor de cine Harvey Weinstein, tivo no xurdimento deste pensamento. Finalmente, hai quen retrotrae a orixe –cando menos do termo– ás palabras de Martin Luther King instando os seus seguidores a «permaneceren alerta» (stay awake) fronte á gran revolución social que comezaba a percorrer as rúas dos EEUU; unha expresión que a cantante Badu popularizou como «stay woke» no seu dialecto afroamericano ebónico.
Ora ben, pode ser que a orixe real do termo e mais a súa difusión ocorresen na segunda década deste século; non obstante, e velaquí un matiz de interese, se o wokismo se entende non como un pensamento sistematizado, senón como unha actitude de corrección política ante as inxustizas raciais, de xénero ou de natureza sexual, a súa fonte pode buscarse nos anos 80 do século XX, cando os rebeldes do 1968 comezaron a ter acceso a postos clave nas universidades occidentais, aínda que non sería até varias décadas despois cando comezou a tomar forza a cultura woke.
Esta é a tese que defende Paul Garapon, o coordinador do libro Fronte ao escurantismo woke (PUF, 2025), no que se sostén que o wokismo non é un pensamento estruturado. Neste sentido, o wokismo viría resultar unha sorte de «supremacismo moral», no que o importante é a «corrección moral» do que se di sobre as inxustizas sociais, pero non a transformación social para rematar contra esas inxustizas.
A transformación da vítima en heroe social
As sociedades, obviamente, están atravesadas por desigualdades: de clase, de xénero, de raza, de orientación sexual, entre naturais e inmigrantes... De aí que unha análise simplista acabe por reducir a estrutura de ditas sociedades a unha estrutura de dominación na que todas as xerarquías son equiparables; neste sentido, o obxectivo do wokismo é dobre.
En primeiro lugar, intelectual; isto é, analizar ou estudar unha realidade (mulleres, inmigrantes ou colectivos racializados, comunidade LGBTIQ+...) de xeito autónomo, sen ter en conta a súa pertenza a unha formación social determinada, xa que esa é a única forma de descubrir o sistema de opresión que actúa sobre cada persoa «inferiorizada».
En segundo lugar, moral; isto é, transformar un obxecto de estudo, que pertence a un colectivo social, nun suxeito individual que debe ser respectado como individuo vitimizado, de aí a necesidade de referirse a el de xeito politicamente correcto.
No entanto, na ampla literatura producida polo pensamento woke non hai un único estudo ou reflexión sobre a profunda brecha que atravesa as sociedades: o antagonismo de clase. Neste sentido, o certo é que os suxeitos construídos polo wokismo non proceden da loita social, senón da observación analítica elaborada dende un «suxeito hidropónico» –en referencia a esa forma de cultivar as plantas sen raíces firmes no chan–, isto é, o deses rebeldes do maio do 68 felizmente instalados nas universidades e centros de investigación do mundo neoliberal no que –quizais por desilusión– renunciaron ao compromiso e fomentan o individualismo.
Wokismo e esquerda
É un tópico da dereita libertaria a crítica feroz do wokismo, e aí están as diatribas do presidente arxentino Javier Milei remexendo o woke co comunismo, a esquerda e máis o progresismo en xeral.
Secasí, é o wokismo un pensamento de esquerda? Aparentemente si, xa que toma pé no feminismo, no antirracismo, na defensa da diversidade sexual, no veganismo, no ecoloxismo, na defensa dos pobos indíxenas, na linguaxe inclusiva, na defensa do dereito á educación sexual nas escolas...
Non obstante, se temos en conta, primeiro, que o pensamento woke é unha nova forma de escurantismo irracional –como sinala Garapon– e, xa que logo, un pensamento antiilustrado; e, segundo, que inspira un movemento que opta pola corrección política antes que pola transformación social e polos suxeitos individuais e fragmentarios antes que polos suxeitos colectivos en loita, o wokismo –antes que ser de esquerdas– devén o «cabalo de Troia» que as clases dominantes –non esquezamos que o pensamento woke nunca se preocupou polas clases sociais– introduciron no pensamento de esquerdas que perdeu a esperanza na transformación social.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar