Xenerosas creatividades
O pequeno manual dos Zavala

Os membros do grupo Zavala. / Arquivo
V. Neira
Elena Zas (piano, viola e coros); Carla Romalde (voz e frauta); Carlos Castro «Kos» (programación, bases e visuais), Ana Lage (baixo, piano, acordeón e coros) e Víctor Ledo (guitarra e voz) forman Zavala: un grupo chegado de mares coruñeses asemade que unha desas formacións ben complicada de etiquetar mais cargada de sólidos argumentos musicais e estéticos.
Veñen de publicar Pequeno Manual Para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica), editado polo selo Ferror Records, e nel ofrécennos unha mestura de cancións que se perfilan entre aspectos e texturas puramente orgánicas e melódicas xunto con sons máis apoiados en bases electrónicas. Aires contemporáneos con ecos tradicionais pero, sobre todo, moito ambiente pop cheo de matices e líricas sociais e existencialistas nun disco no que cada canción subsiste como todo un micromundo de seu.
Poida parecer que, con Zavala, esteamos ante outro grupo de estética marcada pola mestura de vangarda e tradición, de pandeireta e de electrónica –dentro desa fórmula tan efectiva e que, ademais, deseña tan magníficos proxectos no país que a desenvolven con grande éxito artístico e popular– mais, neste caso, os coruñeses amárranse primordialmente, e de xeito claro, ao sacro cravo do pop máis atmosférico e con certas pingas de estruturas de semente incluso máis próximas ao rock.
Se xa no seu primeiro disco Pequeno Manual Para Grandes Cambios I (Teoría e Práctica) (Ferror Records, 2023) nos viñan agasallar cunha xenerosa colección de cancións divididas en dous volumens que sumaban un total de vinte e seis cortes, nesta segunda entrega a cousa quedou en catorce cancións e mais a constatación total de que estamos ante un grupo cun caudal de creatividade, e de traballo, que esmaga na súa medida e contundencia.
Zavala coidan a canción e traballan, todos eles, no detalle nun deses discos nos que se fai imposible escollermos un sinxelo que tire dos outros e no que a suma de todo funciona tan fantasticamente ben que, unha vez que pos a primeira canción, se fai difícil non querer escoitar o disco enteiro dun tirón. Unha entrega a contar, daquela, con momentos tan potentes como a declaración de intencións, e principios, que abre o propio disco, baixo o título de «Neptuno», nunha desas cancións faladas que poden atravesar almas como un coitelo entrando en manteiga.
Na mesma onda escoitamos logo «Ti», lembrándonos incluso aqueles U2 da fascinante «zooropa» pero neste caso con todo o poder da Galiza dun novo século que bota por fóra pero que sabe perfectamente de onde vén. «Funambulista caendo», «Aquí Dragóns» -a nosa preferida-, a tremendamente pop «Mundo clon» ou a máis «tradi» «Retrouso do Barqueiro», e nese difícil exercicio de destacar unhas cancións sobre outras, conforman un traballo magnífico e digno de darlle unhas voltas nos nosos reprodutores mentres non atopamos o seu nome no alto dos cartaces dos nosos festivais, onde sería unha anomalía non empezar a velos con asiduidade.
Moita carga social e humana, pois, nunhas letras que se mergullan nesa vida que a todos nos toca e moito talento musical co que ademais prometen disco novo para moi axiña mentres afirman que teñen material, e ganas dabondo, para que a carreira do grupo continúe por ese rego de xenerosidade e creatividade. De momento a cousa promete e moito. Zavala son unha das mellores descobertas da música galega dos últimos anos.
Emilio Cao, Piti Sanz...
Hai uns días fóisenos Emilio Cao, figura imprescindible para entendermos o que aconteceu na nosa música nos últimos anos, sendo básico o seu traball na conformación do que foi o noso folk e peza clave na apertura da música galega, tamén no eido internacional, asemade de músico referenciado e gurú de moito do que despois nos aconteceu musicalmente falando dende o seu iluminante Fonte do Araño (Zafiro, 1977).
Tamén nos chegou, uns días antes, a mala nova do pasamento doutra peza icónica da nosa música rock e teatreira coa perda de Piti Sanz, furacán rockeiro dende tempos dos Contentos ou daqueles Sindicato Agrario, colaborador con xente coma Resentidos, Siniestro Total ou os mesmísimos Enemigos mentres traballou en proxectos persoais como A Naranxa Mecánica ou Di Elas, entre outros, e sen deixar nunca de lado a composición de bandas sonoras para teatro, e tv, onde acadou o éxito artístico de xeito claro. Un non pode deixar de pensar no pouco que se valora socialmente a nosa música e os nosos músicos por moi referenciados que sexan. Músicos que traballaron, e traballan, arreo e que poucas veces se ven recompensados en vida incluso polo propio universo cultural do país. Festivais que choran a súa perda pero que non os programaron cando sacaron os seus últimos discos. Prensa que agora os lembra pero que non lles concedeu nin media páxina cando o precisaron para mostrarnos o que estaban a facer. Igual son tempos de reflexión e pensar se realmente somos o país que queremos ser en canto a poñer en valor, dende a nosa propia estructura cultural, festivalera e «comercial» o traballo de quen tanto o ten merecido.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar