As minas de Galicia
Un percorrido pola historia

Exterior da antiga mina de wolframio en Lousame. / Iñaki Abella
Dise habitualmente que a historia da minería a grande escala en Galicia se sitúa na época do Imperio romano. Porén, unha recente investigación na Roda do Castro de Salcedo, en A Pobra de Brollón, dirixida polo arqueólogo Xurxo Ayán, pode estar a piques de modificar a nosa visión: os novos achados amosan importantes fenómenos de explotación dos recursos mineiros da zona xunto cun procesamento masivo en castros especializados, durante a segunda Idade de Ferro. Nesta época, os nosos castros levaban a cabo unha actividade metalúrxica de autoabastecemento, elaborando fundamentalmente ferramentas, armas, adornos ou obxectos de uso doméstico. Estes descubrimentos indicarían algo diferente: unha sociedade cunha organización máis complexa «cunha minería e procesado do material que poderiamos definir como industrial», segundo as palabras de Ayán.
A utilización dos recursos minerais en Galicia remóntase á prehistoria. Ferro, cobre e estaño, ouro e prata eran minerais utilizados xa nos nosos castros. Temos ademais indicios de comercio de metais desde Galicia e Bretaña e as Illas Británicas xa sobre o ano 1500 a C., o que indica a importancia da minería xa neses tempos. Sen dúbida, a chegada dos romanos supuxo unha auténtica revolución nas técnicas e métodos de extracción, interesados como estaban polo ouro da Gallaecia. Os romanos construíron unha complexa infraestrutura hidráulica para facelo de maneira moi eficiente. Aproveitando a forza da auga, empregaron a técnica do ruina montium que lograba derrubar ladeiras e deixar ao descuberto as minas de metal. Foi tan extenso o seu labor que podemos afirmar que levaron practicamente ao esgotamento os recursos auríferos da Gallaecia, calculándose que o total de metal que puido circular desde estas terras ata Roma alcanzaría as 190 toneladas.
Na procura, os romanos detectaron importantes xacementos de estaño e wolframio na zona de Ourense, e tamén de ferro, fundamentalmente no Courel, en Lugo. Co paso do tempo, o ferro converteuse nun recurso importante. Na Idade Media utilizouse para producir ferramentas e armas, vinculado a unha economía de subsistencia e ás necesidades dos conventos, en explotacións fundamentalmente a ceo aberto ou pequenas galerías. A extracción de ferro foise modernizando, pero tiña un lastre: a gran cantidade de fósforo presente nos depósitos, o que facía que perdera parte do seu valor, problema que será solucionado cara finais do século XIX, e que deu un novo pulo á minería deste metal. Outro poblema a salvar foi o do transporte, que complicou a exportación ata que comezou a súa decadencia a partir da Primeira Guerra Mundial.
Tamén hoxe en decadencia, podemos falar do carbón e do wolframio, minerías que tiveron o seu momento exitoso para esmorecer na actualidade. O carbón, importantísimo durante o desenvolvemento industrial do século XIX; o wolframio, exitoso durante a Segunda Guerra Mundial, como elemento utilizado polo exército de Hitler.
No polo contrario, velaí as dúas minerías de éxito na actualidade: o granito e a lousa. O granito, cunha orixe que se remonta á prehistoria, foi utilizado durante todas as épocas na nosa terra. Hoxe devén un sector punteiro. Extraído nas canteiras a ceo aberto do Porriño conforma a segunda maior explotación de Europa e a quinta a nivel mundial. Canto á lousa, que comezou a súa explotación na Idade Moderna, nas minas da comarca de Valdeorras e diversas zonas da provincia de Lugo, extraeuse tradicionalmente a ceo aberto. Os avances no sector, xunto coa extracción subterránea, fixeron que hoxe en día Galicia sexa a principal produtora e exportadora a nivel mundial, superando a China e a Brasil en volume de exportacións.
Con nome propio
Se pensamos no ouro, unha visita a Montefurado (Quiroga) transportaranos ao túnel de 120 metros de lonxitude creado polos romanos para poderen extraer o prezado metal depositado no meandro da antiga canle; tamén están as Médulas (hoxe en León), a maior mina a ceo aberto do mundo romano ou a mina de Torubio Oeste, en O Courel. Se falamos de minas de ferro, a máis importante é a de A Pontenova, que contou no seu día cun ferrocarril que a conectaba co porto de Ribadeo para a súa exportación.
Visitar as antigas minas de carbón de As Pontes e Meirama é visitar hoxe os lagos do mesmo nome, cos que se taparon os respectivos ocos. Canto á mina de wolframio máis representativa, tal é a de O Casaio, a chamada mina dos alemáns, de triste lembranza e onde 463 presos republicanos traballaron en condicións extremadamente duras para extraeren o mineral ao servizo dos intereses nazis. No caso do granito, as canteiras do Porriño son a mina máis destacada, neste caso en activo, co cal poderíamos visitar o Centro Tecnolóxico do Granito (CTG), ubicado en Torneiros. E, finalmente, falar de A Fraguiña, en Carballeda de Valdeorras, a mina subterránea de lousa máis grande do mundo con máis de 8 quilómetros de galerías, con zonas que acadan os 400 metros de profundidade
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- Adiós a los toldos: Ikea lanza el nuevo invento para tener sombra en casa durante todo el año
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena