O ouro dos Akan

Tesouros de África na Fundación Barrié

Emblema dunha espada-retrato. Ashanti, República de Ghana, 1896. Cortesía do Museo Liaunig e da Fundación Barrié.

Emblema dunha espada-retrato. Ashanti, República de Ghana, 1896. Cortesía do Museo Liaunig e da Fundación Barrié.

A Fundación Barrié ofrece até o 13 de xullo a mostra O ouro dos Akan, que permite contemplar unha escolma dos fondos do Museo Liaunig de Kärnten (Austria), institución que leva o nome do coleccionista europeo e que posúe un conxunto excepcional de arte dos akan, unha cultura africana orixinaria das actuais Ghana e Costa do Marfil.

O coñecemento, apropiación e definición do que en Occidente denominamos etnográfico ou «primitivo» –caso en que estarían pezas como as agora expostas na Coruña– en todas as súas formas sociais, e nomeadamente nas artísticas, está baseado na nosa visión histórica do «outro» e alicérzase en clixés etnocentristas, sendo aínda unha ollada extremadamente subxectiva e estando enchoupada de prexuízos.

Disco decorativo con ra, Ashanti, República de Ghana. Cortesía do Museo Liaunig e da Fundación Barrié.

Disco decorativo con ra, Ashanti, República de Ghana. Cortesía do Museo Liaunig e da Fundación Barrié. / .

No mundo da historia da arte e da museoloxía, as manifestacións artísticas de Africa figuraban (e figuran aínda en moitos lugares e publicacións) como un apéndice da historia xeral da arte –que é desde esta óptica, naturalmente, a nosa, marxinal–. As referencias máis frecuentes á arte desta procedencia facíanse (e fanse) en función de variábeis interpretativas ou reflexións xeradas no noso contexto cultural: a pegada que a arte africana deixou na occidental, como é o caso da súa influencia nos movementos de vangarda ou a relación con fenómenos históricos vividos polos pobos europeos ou os seus descendentes.

Xa que logo, a ollada occidental sobre a arte africana está condicionada pola percepción do colonizador. En primeiro termo e para unha mellor comprensión dos obxectos artísticos cómpre situarmos estas obras vinculadas ao seu carácter utilitario, que en realidade responde a funcións universais ligadas ao culto, aos ritos funerarios e ao prestixio das comunidades que os produciron.

  • O ouro dos Akan. Tesouros reais da África occidental

    Local: Fundación Barrié, A Coruña Até o 13 de xullo

Estamos perante unha arte esencial e de valor práctico, que vai ao cerne das necesidades persoais e colectivas e que emprega o símbolo como alicerce para realizar o acto de comunicación. Sen dúbida é unha arte simbólica que reflicte o código de valores das sociedades das que xorde e ás que serve. Con todo, a arte africana inevitabelmente non pode ser ollada entre nós sen pasar polo filtro da súa utilización pola vangarda histórica, que abriu os ollos occidentais á comprensión de expresións artísticas afastadas da arte greco-romana e renacentista.

A historia é ben coñecida; artistas como Picasso, Derain, Vlaminck, Kirchner, Nolde, Modigliani, Brâncuși, Klee, entre outros, inspíranse nas culturas exóticas e alleas, que coñeceron nas mostras antropolóxicas e nas publicacións de comezos do século XX. O interese destes artistas ía desde a arte africana até os máis diversos tipos de primitivismo: a arte arcaica grega; a cicládica; a ibérica e naturalmente a precolombiana.

Ollada esteticista

Nese sentido a nosa ollada esteticista sobre pezas como as espectaculares obras dos akan é herdeira da visión das vangardas, unha mirada que parte dun interese esencial pola forma plástica, poderosa, esencial e afastada do canon clásico.

Mais as posibilidades de visión son múltiplas, e todas lexítimas e enriquecedoras, abertas mais definitivamente afastadas de calquera minusvaloración, elevadas de vez ao estatus de obra de arte con maiúscula.

Se alguén puider agachar calquera sombra de dúbida, e xa en concreto sobre as pezas destes pobos da África occidental, a contemplación de máscaras, figuras animais, espadas, coroas ou colares presentes na mostra sen dúbida borrará calquera reticencia xa que estamos perante unha potencia expresiva ben elocuente. As pezas, que responden a unha cronoloxía que nos sitúa aos séculos XIX e XX -aínda que as hai anteriores-, lévannos pois a pleno período de espolio colonial.

Vivimos nun período de intensa revisión das prácticas ligadas ao colonialismo e a nosa ollada desde o presente non pode ser allea a este novo contexto. Sen entrarmos en pormenores concretos -que descoñecemos-, desta realidade tamén nos fala a excepcional ourivaría akan, unhas obras que retan a nosa ollada a romper con esa percepción da diferenza como pasatempo exótico e piden afrontalas desde a percepción do seu propio valor intrínseco.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents