Entrevista | Cristina Pato Escritora, música e educadora
«A literatura converteuse na miña linguaxe artística»
Cristina Pato publica a súa segunda novela, Fóra de foco (Galaxia), unha obra intimista, construída arredor de silencios, eleccións e fronteiras vitais. Un texto que convida á lectura pausada e á reflexión. Axiña volverá estar en Galicia para falarnos dela, pero antes Cristina concédenos unha entrevista a xeito de adianto

Cristina Pato. / Xan Padrón
–Fóra de foco ten dúas protagonistas: a xornalista Marieta Carracedo e mais a fotógrafa Basil Cancela. En quen delas poderiamos identificar máis a personalidade da narradora, ou sexa, o alter ego de Cristina Pato: en Marieta, en Basil ou en ambas?
–As dúas protagonistas comparten conmigo o barrio no que se moven, o West Village de Nova York, a paixón pola fotografía e a «mediana idade» na que comezan a cuestionarse os piares nos que se sostén a súa existencia. A narradora, Marieta, vainos abrindo as portas da súa conciencia a través da fascinación polas razóns que levaron a Basil a retirarse da vida pública e destruír a súa obra.
–En quen se inspirou para construír a personaxe desta Basil Cancela?
–Ao igual que a narradora, durante anos compilei información sobre artistas que decidiron rematar coa vida pública que as definía para construír unha existencia diferente á anterior. Coma Greta Garbo, ou Pepa Flores/Marisol, actrices que se retiraron novas e que loitaron por unha vida propia, allea a aquilo que as definía. Tamén quería reflexionar sobre a soidade, sobre a ambición, e sobre a idea de deixarmos de ser quen fomos.
–Nunha impresión persoal, atopo semellanzas de Basil con Vde. : ela, no cumio da súa carreira, decide desaparecer da escena pública, e Vde., por así dicilo, decidiu desaparecer da excesiva exposición pública ao parar a súa actividade musical como gaiteira...
–Esta novela nace de todas as preguntas que se me pasaron pola cabeza nestes últimos cinco anos (desde que me retirei dos escenarios), preguntas sobre a relación entre o público e o privado, sobre o equilibrio entre a vida e o traballo, e sobre o que significa cuestionar o camiño que considerabas propio na metade da túa vida. Hoxe, con corenta e catro anos, son máis consciente do tipo de vida que quero: unha vida máis lenta, centrada nos valores que fun adquirindo cos anos, e centrada nas miñas outras paixóns, as que deixei a un lado cando a miña carreira na música se disparou...
–As súas dúas obras literarias, Fóra de foco e No día do seu enterro, publicasen durante a súa residencia en Nova York.De qué xeito influíu NYC na súa vocación literaria? Ou esta vocación xa nacera moito antes, pero floreceu na cidade dos rañaceos?
–Levo vinte anos residindo en Nova York, quizais este sexa o lugar do mundo no que máis tempo pasei. É unha cidade complexa, que me inspira acotío, e que sempre me dá leccións de humildade e humanidade. Tamén é unha cidade na que unha persoa pode ser varias cousas á vez... A literatura formou sempre parte da miña vida, pero non comecei a escribir publicamente até hai agora dez anos, a través das miñas columnas para o periódico.
«Escribo do mesmo xeito que antes necesitaba tocar para dar espazo ás emocións e á miña existencia»
–Cales son os seus autores ou autoras favoritos? E de quen confesa ter influencia no seu xeito de afrontar a literatura?
–A lista de favoritos é infinita, desde Javier Marías, Joan Didion ou Paul Auster, até Chimamanda Ngozi Adichie ou Benjamín Labatut. Pero non sabería dicir a influencia no meu xeito de afrontar a escrita. Esta última novela non é tanto unha historia que se conta, senón unha fonda reflexión da narradora, Marieta, sobre as razóns que a levan a cuestionar a vida...
–Nalgún momento xurdiulle a dúbida de que a súa traxetoria musical, ben coñecida, podería causar entre a xente algún tipo de prexuízo sobre a súa carreira literaria?
–Escribo porque necesito escribir, necesito darlle espazo ás cousas que non paran de dar voltas na miña cabeza, do mesmo xeito que antes necesitaba tocar para darlle espazo ás emocións que dominaban a miña existencia. Se algo aprendín nos vinte e cinco anos que pasei enriba dos escenarios, foi a entender que cada persoa que se achega ao teu traballo vai ter a súa opinión sobre o que fas, vai ter os seus prexuízos (coma os temos todos), e no medio de todo iso estás ti, intentando darlle sentido á complexa idea de que para ser escoitado, para ser lido, hai que estar exposto, con todo o que iso supón.
–Fronte á literatura de moda, ou sexa, a máis comercial, que convida a entretemento, Vde.aposta por unha novela que convida á lectura pausada e á reflexión. Cre que, non só na literatura, senón en calquer actividade artística, hai que ir más alá do mero entretenemento?
–Coido que todo é necesario, que en cada momento do día precisamos diferentes maneiras de evadirnos das cousas que nos inquietan. Hai días que necesito unha novela de corte filosófico para pararme a pensar e reflexionar, e outros días nos que simplemente quero entreterme con algo máis lixeiro, que me faga pasar o tempo. E coa música, eu mesma me movín entre a música popular, o jazz e a música clásica contemporánea, e sempre sentín que había unha música para cada momento, ao igual que hai unha lectura para cada momento...
–Escribir está a converterse para Vde. nunha necesidade vital, incluso nunha terapia persoal?
–Escribir converteuse na miña linguaxe artística, do mesmo xeito que antes o era a música. Desde que me retirei dos escenarios, por razóns que aínda non son capaz de entender, deixei de desfrutar da música como a desfrutaba antes, deixei de tocar, de querer ir a concertos, e ao igual que escribir para min era xa necesario antes, agora mesmo é a miña única voz creativa, o meu xeito de expresar esoutro mundo que convive dentro de min e que durante moitos anos saíu a través da música...
Suscríbete para seguir leyendo
- Un podólogo gallego señala los peores calzados para la fascitis: «Deja de utilizarlas, no sirven para nada»
- Un camionero en pruebas no va a trabajar por enfermedad, le dan la baja, la empresa lo despide y la Justicia la avala
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- «Estoy preparando las maletas para mi viaje a la eternidad»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Las fiestas de Coia, canceladas de forma definitiva: no habrá ni verbena
- El ave que se «come» a la velutina