Hilda en Galicia

Encantadora e imaxinativa

Viñeta de «Hilda e Twig resgárdanse da chuvia»

Viñeta de «Hilda e Twig resgárdanse da chuvia»

Raquel López

A famosa saga infantil de Hilda chega a Galicia co apropiado volume (aínda que estamos xa ás portas do verán) Hilda e Twig resgárdanse da chuvia, publicado pola editorial Sushi Books e coa tradución de Clara Barcia. Hilda e Twig resgárdanse da chuvia non é unha entrega máis da serie principal, senón máis ben unha sorte de relato derivado (spin off) que se sitúa antes do inicio da propia serie e que está destinado para lectoras e lectores de menor idade.

Digamos agora que a serie gráfica de Hilda, que conta tamén cunha versión animada de tres temporadas polo de agora, é unha creación de Luke Pearson, un ilustrador, debuxante e guionista británico que tamén traballou como guionista noutra famosa serie de animación: Hora de aventuras. Da súa parte, Hilda é unha BD encantadora e imaxinativa, situada nun mundo inventado inspirado no folclore escandinavo no que se mestura a vida cotiá coas aventuras fantásticas.

Está protagonizada por Hilda, unha nena «cabeliazul» de espírito intrépido que vive nunha cabana no bosque xunto á súa nai Johanna e á súa mascota Twig, un cervo-raposo branco. En cada volume preséntase un conflito no que Hilda ten que enfrontar novos desafíos que a levan a explorar outras realidades e, por conseguinte, a madurar. Con esta fórmula, Pearson trata temas como o medo ao descoñecido, a perda, a adaptación ao cambio ou o valor da empatía cun ton máxico que apela tanto ao público infantil e ao non tan infantil.

Ao longo das 56 páxinas de Hilda e Twig resgárdanse da chuvia desenvólvese unha historia sinxela pero entrañable na que a carismática protagonista e mais o seu inseparable Twig quedan atrapados por unha treborada mentres pasean polos bosques que rodean Trolberg. Atopan refuxio nunha especie de outeiro oco ao que o asustadizo Twig ten medo de entrar. Faino empuxado por Hilda e a canda doutros animais que tamén buscaron refuxio. Empézase a xerar unha ilusión colectiva que os leva a crer que o outeiro está enmeigado e Twig, temendo que a súa mellor amiga estea en perigo, ten que atopar o valor onde non sabía que o tiña.

O estilo visual de Pearson alicerza na expresividade dos seus personaxes, composicións moi limpas e unha paleta de cores brillante e suave. Cada viñeta está debuxada con detalle para dar peso á paisaxe e xerar unha atmosfera de conto. Mais o que fai realmente especial a serie, é o seu ton. Aínda que destinado á infancia, Pearson non infantiliza o seu público e deixa espazo á reflexión. Un cómic que esperta a imaxinación e lémbranos a importancia da curiosidade e de mirarmos o mundo con ollos novos.

A serie conta cun amplio palmarés: nominada aos Premios Eisner e no Festival Internacional de Angulema; e gañadora dos premios British Comic Awards, Dwayne McDuffie, Gran Guinigui e Max & Moritz e unha gran lista de traducións (francés, alemán, italiano, polaco, sueco, noruego…) e agora podemos desfurtala tamén en galego grazas a Sushi Books, selo de Rinoceronte Editora que naceu en 2013 cun catálogo que abarca desde álbums ilustrados para primeiros lectores ata novelas para adolescentes, organizado en tres coleccións: «Álbum», «Intermedio» e «Avanzado». Nas súas publicacións, combina calidade literaria e estética, sempre cun gran compromiso coa lingua galega. Na súa colección pódense atopar obras como Gnomos, A abella Maia, Stuart little, As aventuras de Huckleberry Finn, edicións adaptadas de Jane Austen ou relatos de Enid Blyton.

Gaiolas, a BD que fala do silencio

Nun ton máis duro e adulto, que pode inicialmente parecer máis lóbrego pero que nos brinda unha luz diferente, a editorial Galaxia publica Gaiolas, unha novela do escritor corcubionés Miguel Vázquez Freire con ilustracións do betanceiro Xosé Tomás.

Nel recóllense catro testemuños de catro mulleres diferentes (María, Rosalía, Eva e Helena) con catro profesións distintas, con catro vidas propias e irrepetibles, con cadansúa condición social mais con algo en común: as catro estiveron engaioladas. Non eran gaiolas tanxibles, estaban construidas de medos e silencios, o suficientemente fortes para que fose difícil abrir as portas. A través desas voces que sempre tiveron pero que non sempre atoparon un lugar, constrúen nestas 66 páxinas unha memoria compartida dunhas mulleres que son esas pero que poderían ser millares.

Nas palabras de Sara Valcárcel, responsable de comunicación da editorial: «Gaiolas fala do que significa recoñecer os límites impostos, aprender a poñerlles nome e, o máis difícil de todo, entender que abrir a porta é só o primeiro paso. Porque saír da gaiola tamén dá medo, porque a liberdade non sempre é sinxela».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents