De case desaparecer a teren unha nova vida: así locen os frescos de San Vicenzo dos Vilares

Ruta polo románico de Guitiriz

Na parroquia dos Vilares, en Guitiriz (Lugo) álzase a igrexa de San Vicenzo, un templo que, á parte do seu valor espiritual, garda nos seus muros un tesouro artístico que sobreviviu ao paso do tempo e ao esquecemento. Son as pinturas murais do século XVI que, tras anos de deterioración, foron recentemente restauradas, devolvendo ao edificio o seu esplendor orixinal.

A igrexa de San Vicenzo afunde as súas raíces no século XII, cando se erixiu no lugar unha pequena capela románica. Aínda que as sucesivas reformas modificaron a súa estrutura orixinal, aínda se conservan elementos da época como os muros laterais da nave e varios canzorros. A fachada principal, do século XVIII, presenta unha porta adintelada, unha xanela central, unha fornela con imaxe e unha espadana dun só corpo e dous vans. No seu interior destacan catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII.

As paredes da nave albergan frescos que datan de principios e mediados do século XVI. No muro norte represéntanse escenas como a Imposición da casula a San Ildefonso e a Lamentación sobre Cristo morto. No muro sur destaca unha pintura da batalla de Clavijo, baixo a cal se acharon evidencias dunha representación anterior, probablemente do século XV. Durante anos estas obras estiveron en perigo debido á deterioración progresiva, chegando a temerse pola súa desaparición definitiva. En 2019 foron incluídas na Lista Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra, alertando sobre o seu estado crítico.

En xaneiro de 2023 comezaron as obras de restauración dos frescos a cargo da empresa Crea Restauración, co financiamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Os traballos incluíron limpeza superficial, eliminación de morteiros, control de humidades, protección de policromías en risco de desprendemento, eliminación de cales e sales, fixado da cor, limpeza da capa pictórica, reintegración cromática e renovación da iluminación ornamental, entre outras accións. A igrexa incorpora tamén unha serie de pinturas con elementos xeométricos e paisaxes, comúns no xénero do fresco en Galicia. A restauración culminou o 16 de xuño de 2023, cunha xornada de difusión para dar a coñecer os resultados da intervención. Grazas a este esforzo, as pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares foron salvadas «in extremis», devolvendo ao patrimonio galego unha obra de incalculable valor artístico e histórico.

Vista exterior da igrexa.  De arriba abaixo: fachada; cruceiro  con ara; cruceiros  dos Vilares;interior  da igrexa. |  FOTOS: ARQUIVO

Estado no que se atopaban os frescos, antes da súa restauración. / Arquivo

No exterior existe un adro con cruceiro e Calvario, ademais de dúas pías bautismais. Tamén unha peza de granito con forma antropomorfa que forma parte do conxunto histórico que rodea este templo, famoso igualmente pola súa romaría da Virxe dos Desamparados que ten lugar cada ano o segundo día de Pascoa de Resurrección.

A parroquia conserva restos da cultura castrexa no Castro de As Reixas. Outro dos seus tesouros é A Pena Roldán, situada no lugar de Pena Fachada, unha enorme rocha situada nunha fermosa contorna natural rodeada de lenda. Conta a historia que Roldán, ao regresar de axudar a Santiago Apóstolo nas campañas contra os mouros, parou no lugar e quixo deixar unha marca do seu paso. Coa súa espada fixo tres cortes á pena e deixoulle marcada unha cruz na parte superior. Noutras versións da lenda cóntase que Roldán, ao fuxir dos seus perseguidores, saltou co seu cabalo de pena en pena, deixando marcadas as ferraduras na roca.

No lugar veu a luz un fillo insigne da terra, como o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, natural de Vilariño, parroquia dos Vilares, onde abriu os ollos en 1914. Con motivo do centenario do seu nacemento a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas de 2014.

Ademais en Guitiriz destaca o conxunto de igrexas románicas rurais e a contorna que as acolle, especialmente no Camiño Norte de Santiago ao seu paso polo municipio.

A igrexa do outeiro

Entre estas igrexas rurais atópase a de santo Estevo de Parga, situada nun outeiro á beira do que foi castelo da Pobra de Parga, antigo enclave dun castro do que quedan vestixios. Presenta varios restos da súa primitiva factura románica do século XII e consta de nave rectangular, capela maior cadrada e sancristía engadida xunto con outra edificación no lateral esquerdo. A fachada é do século XVIII, con porta adintelada, xanela rectangular central, espadana de dobre corpo e un interesante reloxo de sol no ángulo que forma a entrada e o muro lateral dereito.

No interior destacan as pinturas ao fresco do século XV que, pola súa distribución, apunta a que se estenderían por todos os muros do edificio. Representan escenas da Paixón, a Anunciación e Cristo en Maxestade, entre outras, ademáis dun ara con inscricións romanas e tres retablos barrocos con tallas dos séculos XVII-XVIII. No atrio, ao que se accede por un portalón de pedra do XVIII con enreixado de ferro, atópase unha pía bautismal gótica e tres sartegos antropomorfos de cabeza de ferradura, un tipo de enterramento común na Península ata ou século XV.

Tracking Pixel Contents