Memorias dun fiscal siciliano
Giuseppe Ayala e a Cosa Nostra

Un momento do Maxiproceso de Palermo (1987). / FOTOS: ARQUIVO
Non é habitual que os membros dun colectivo como é a maxistratura poñan por escrito cadansúa experiencia profesional. En primeiro lugar, porque a súa condición de funcionarios non invita a dar publicidade ao que, ao cabo, é o seu deber; e en segunda instania, porque o obxecto de tal deber foron persoas que resultaron condenadas por quebrantaren a lei. Máis aínda, se se trata de (non) explicar como foron as pescudas necesarias –no caso de xuíces instrutores e fiscais- que conduciron a que os xuíces de sala impuxesen as correspondentes condenas.
Giuseppe Ayala rachou con estas premisas. Fiscal siciliano, formou parte do chamado pool antimafia cando os xerarcas de Cosa Nostra optaron polo combate frontal contra o Estado italiano. A decisión valente de diversos maxistrados sicilianos de investigaren as estruturas organizativas e os enlaces financeiros da mafia levou á celebración dun maxiproceso en Palermo que rematou en 1987.
Esa traxectoria foi descrita polo fiscal Giuseppe Ayala (Caltanissetta, 1945) en dúas obras en 1993 e en 2008; agora temos a segunda en versión castelá, Quien tiene miedo muere a diario (Gatopardo Ediciones), cuxo título está tomado da consigna que guiaba o xuíz Giovanni Falcone. Con el e con outros, como Paolo Borsellino, formaron un núcleo que permitiu que a xustiza italiana encarase con garantías o procesamento e condena de centos de mafiosos malia as adversidades postas por políticos, maxistrados e medios de comunicación. Xa é coñecido que os xuíces Falcone e Borsellino foron asasinados, coas súas escoltas, en atentados en 1992, feitos que Ayala non inclúe no seu relato seguramente por amizade e pudor íntimo.
Cando o goberno italiano decidiu afrontar os asasinatos provocados pola ofensiva do clan dos corleoneses (liderados por Bernardo Provenzano e Totò Riina), tivo que aturar mortes importantes por atentado como a do xeneral de Carabinieri Carlo Alberto Dalla Chiesa (1982) e a do xuíz Rocco Chinicci (1983). Non eran os mellores vimbios para tecer un queipo. Por iso, o grupo de maxistrados tivo que repensar os métodos para que a instrución chegase á fase de xuízo. E iso vén ser, xustamente, o que o fiscal Ayala conta. As medidas de seguridade tanto fronte a propios (maxistrados e políticos cómplices, xornalistas intoxicadores) como alleos (os sicarios da mafia).
Alén de máis, o procedemento non podía seguir a rutina habitual de caso por caso, crime por crime, senón que precisaba dunha concepción integral. Primeiro, superando a atomización da cada xulgado local para centralizalos nunha única oficina en Palermo; despois, establecendo os enlaces entre os diversos grupos mafiosos, incluídas as rivalidades entre eles; e, finalmente, procurando os destinos dos beneficios das accións criminais (especialmente a extorsión e o tráfico de estupefacientes) e os bancos que servían para branquealos.
Para coñecer os mecanismos internos de Cosa Nostra precisaban de alguén que llos explicase e para iso atoparon no Brasil a un mafioso fuxido, Tommaso Buscetta, dous de cuxos fillos foran asasinados por rivais. Deportado a Italia e acollido á protección de testemuñas, deu resposta a moitas das preguntas dos maxistrados. E para completar as estruturas financeiras mafiosas, Falcone e mai os seus non tiveron dúbida en viaxar para coñecer os bancos que servían para branquear os beneficios.
Cómpre sinalar a importancia de que os xuíces e os fiscais fosen sicilianos, non só pola súa vontade de limpar a súa terra. Tamén pola posibilidade de entender a lingua da illa, decote empregada polos mafiosos. E así, un testemuña de cargo, un «pentito», insistiu en declarar en siciliano no macro xuízo para que os da «gaiola» (os procesados) entendesen perfectamente que ía contra eles.
Unha terra sen autogoberno
Algunha vez Giuseppe Ayala sinalou a particularidade siciliana (extensible ao sur da península italiana: Calabria, Apulia) en canto a que nunca tivo un goberno de seu: na illa sempre mandaron alleos (normandos, árabes, franceses, xermánicos, cataláns, españois). A derradeira crise foi a redución do papel da nobreza siciliana coa unificación dos Savoia (velaí O Gatopardo, de G. T. di Lampedusa) e a súa definitiva desaparición despois da II Guerra Mundial e a implantación da república.
Con todo, as estruturas mafiosas sobreviviron tanto pola resistencia que exerceran contra o fascismo como polas complicidades coas novas autoridades democráticas. Iso foi posible, apunta Ayala, polo sentido insular dos sicilianos por riba dos gobernos, ao que engaden os círculos familiares e de amizade. Roma segue a serlles tan allea como séculos antes o foron Roma, Bizancio, Madrid ou Nápoles. En consecuencia, a Lei –as leis- e quen as executaba sempre foron vistos como unha imposición externa.
Esa circunstancia, a da visión insular, levou aos maxistrados a definir Cosa Nostra como «institución territorial armada», cuns vínculos internos forxados pola xerarquía e polo xuramento esixido aos novos membros. Desde esa perspectiva, as pólas criminais non serían autónomas e, para combatelas, a xustiza tiña que actuar tamén de forma global.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Andrés Millán, abogado laborista: «Nunca me jubilaría 24 meses antes, como mucho lo haría 19 o 20 meses antes»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»