A identidade, un campo de batalla

Para alén dos construtos

Un dragón percorrendo as rúas durante a celebración en España do Novo ano chinés (2025).

Un dragón percorrendo as rúas durante a celebración en España do Novo ano chinés (2025). / Arquivo

A política invade a vida dun xeito tal que resulta doado intuírmos que a identidade e mais a subxectividade constitúen formas de soster o poder. Hoxe reprodúcense estratexias que reclaman esencialismos identitarios pero podemos visualizar como a subxectividade non xorde como algo «natural» senón como parte dun programa concreto. O móbil é boa proba diso: un artefacto que cambiou os roles comunicativos e mais a percepción dun mesmo e do outro. Por outra banda, como soster purezas culturais se estamos dende sempre movéndonos polo planeta todo o tempo? Onde atopou Picasso o xermolo do cubismo? Non foi na súa cidade natal, non, e o pintor non pode desprenderse da dimensión nacional nin da internacional da súa identidade. Tal vez unha e outra son o mesmo.

A rede da globalización, xa moi normalizada, convive cunha louvanza das identidades culturais que deixan enxergar os seus obxectivos políticos sostidos en ideas románticas sobre a identidade. É unha boa estratexia porque non ter unha identidade clara, non está ben visto e deriva, en moitos casos, na marxinalidade. Pero que significa ter unha identidade inmutábel? Ser idénticos a nós mesmos ainda que entre en clara oposición co tempo? Hai un dedo acusador cando cambiamos de identidade en calquera das súas manifestacións: de partido, de equipo, de relixión… Pero a identidade seméllase máis a un campo de batalla, como diria Nietzsche, que a un altar. Algúns, entregados nas loitas internas poden sentir alivio nesta definición de identificacions múltiples. Outros, con menos valentía, necesitan abrazar unha identidade única, pertencer sempre tranquiliza e resulta axeitado para controlar a poboación mais é irreal dende a experiencia subxectiva.

Se falamos da identidade «étnica» -un construto xa anacrónico-, os humanos pertercemos a unha única especie. Os xenetistas din que as diferenzas pobacionais no contexto da evolución son recentes. Adaptacións e mesturas entre grupos nos que non é posíbel poñer límites xenéticos netos entre eles. Mais as características xenéticas dun grupo non se trasmiten xuntas senón como formas illadas. Din que é máis frecuente compartir trazos xenéticos con outras poboacións que coa propia. A variabilidade dentro da propia comunidade chega ao 85%. Que sucede coa identidade cultural se pensamos que cambia a máis velocidade?

Purezas culturais ou construción histórica? A súa consolidación non escapa ao devir da vida, xa que a cultura é transmitida por todos os membros da poboación todo o tempo. Os galegos sabemos destas viaxes nas que diseminamos as nosas calidades e retornamos con outras que modifican o noso perfil antroposocial. Neste perfil é o tempo a variábel intrínseca, non o territorio, aínda que este aporta peculiaridades. Porque, que hai no límite do territorio para afectar a identidade? Neste contexto, no que a ciencia di -con moitos argumentos- que non hai esencias nin biolóxica nin culturais, é oportuno pensar as investigacións onde grupos de animais en sistemas pechados impermeábeis, con todas as súas necesidades cubertas e un nível alto de benestar, co tempo, derivan nunha comunidade enferma, antisocial e deteriorada tanto no biolóxico como no social ata a súa desaparición.

O construto da identidade biocultural non se sostén fronte os saberes antropolóxicos é ainda con frecuencia son unha superficie que oculta intereses que lembran historias moi dramáticas. Somos dende toda consideración finitos, eventuais e transitorios portadores de múltiples identidades que se expresan, ou non, en permanentes adaptacións. O noso contexto cultural próximo aporta a calor necesaria para o desenvolvemento da vida pero, se profundizamos na súa orixe, atopamos unha constelación de aportes universais, somos na nosa comunidade a expresión particular desa cultura universal. Os grandes artistas universalízanse, amosan unha clara expresión de que non hai purezas. Os trascendentalismos disólvense en prácticas comunicativas e crean formas particulares dunha cultura que como o xenoma é universal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents