Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Silvestre Gómez Xurxo Presidente da editorial SEPT

«Tras a edición online, o noso obxectivo é acadar a Biblia en audio»

SEPT son as siglas da Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, fundada en 1966 co obxectivo da difusión dos textos das Sagradas Escrituras e, nomeadamente, da publicación íntegra da Biblia en galego, que se acadou en 1989. Esta semana, presentouse a edición online

Silvestre Gómez Xurxo, en Santiago.

Silvestre Gómez Xurxo, en Santiago. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

–Os textos da Biblia que agora se edita on line son os mesmos da tradución revisada de 2021...

–A tradución de orixe é a que se publicou no ano 1989. O que ocorre é que se foron facendo revisións e actualizacións, nomeadamente dende o punto de vista lingüístico. En 2021 saíu a cuarta edición impresa, e daquela fíxose unha revisión moi a fondo. E nós agora, para a online, o que fixemos foi usar o texto desa cuarta edición, coa diferenza de que na edición no papel, a Biblia inclúe introducións, notas e diversos apéndices, mentres que na online (abiblia.gal) figuran os textos dos libros da Biblia sen ningún tipo de engadido.

–É preciso descargala?

–Non. Accédese a ela como quen accede a un xornal, a unha revista ou a unha páxina web.

–Como xurdiu o proceso de creación da Biblia online?

–A necesidade da Biblia online era evidente, sobre todo para a xente nova que está máis metida non mundo dixital e reclamábaa. Xa se tiña realizado un primeiro intento co texto da terceira edición (que aínda se pode encontrar en Internet) pero a que agora presentamos esta semana é unha edición máis elaborada, máis actualizada, e como dixen antes, co texto da cuarta edición.

–O pulo para a publicación da Biblia en galego nace tras do remate do Concilio Vaticano II en 1966...

–A preocupación pola publicación dos textos bíblicos en galego é consustancial á fundación de Sept. De feito, a nosa editorial, de maneira oficial, foi creada en 1966, pero xa había un grupo de xente en Vigo, encabezada por Xaime Illa Couto, que viña traballando no asunto, de tal maneira que en 1965 se publicaron os Evanxeos en galego. E, máis tarde, publicouse unha edición dos Salmos. Pero, claro, o que se pretendía era a edición da Biblia completa, e iso plantexouse e aprobouse no ano 1973.

–E daquela, por que se optou por facer esta tradución a partir das linguas orixinais?

–Cada tradución é, tamén, unha nova interpretación. Diante disto, considerouse que o mellor que se podía facer era ir directamente aos textos orixinais.

–Como se arranxaron Vdes. para atoparen os tradutores axeitados?

–Daquela aínda había bastantes en Galicia, de feito funcionaban cinco Seminarios Maiores que tiñan profesorado especializado nas Sagradas Escrituras, xente que estaba moi preparada e que estudara as linguas bíblicas orixinais. Na tradución traballaron trece tradutores, todos eles coñecedores da cultura hebrea, ademais do grego, loxicamente.

–Tiveron algún apoio por parte da Igrexa galega?

–Os bispos galegos apoiaron formalmente a nosa iniciativa, pero só a última hora se recibiu un apoio no sentido de liberar algunha persoa, incluídos varios tradutores, das súas obrigas para que se puidesen centrar máis no traballo da Biblia. Realmente, a tradución foi iniciativa das persoas de Sept, un grupo de laicos agás un sacerdote, o Padre Seixas. Ou sexa, que o compromiso de todas esas persoas foi un compromiso persoal, e non é que os bispos nolos ofreceran, como tampouco houbo compromiso económico ningún por parte da Igrexa.

«A Biblia ten un sentido relixioso indiscutible, pero tamén un significado cultural moi potente»

–Por que resultaba importante para a cultura e para a sociedade galega, en xeral, e no só para os crentes, dispoñer dunha Biblia en galego?

–Evidentemente, a Biblia ten un sentido relixioso, e iso é indiscutible, pero tamén un significado cultural indubidable e moi potente, ata o punto que é o libro máis traducido e mais lido da Historia da Humanidade. De feito, estivo vinculada á propia historia da imprenta, e a da Biblia é unha historia que nace e permanece. De cara a esta, a presentación que fixemos o pasado martes, todas as institución vinculadas coa cultura e coa lingua estiveron representadas e encantadas de estaren alí, dende o presidente da RAG ata a presidenta do Consello da Cultura, o Secretario Xeral de Lingua da Xunta da Conselleria de Cultura... Iso reflicte que todos eles entenden que a Biblia en galego ten unha relevancia importante dende o punto de vista cultural para Galicia en xeral, e para a lingua galega en particular.

–Como a normativa do galego evolúe e vai incorporando cambios, hai prevista unha nova edición da Biblia na que se reflictan aqueles?

–Hai unha normativa ortográfica que permanece estable desde 2004, por iso o de que a normativa está a mudar permanentemente xa non é real. Outra cousa é que non haxa un acordo unánime de todos os sectores e persoas que len ou escriben en galego, dentro da que hai xente que usa normas ortográficas diferentes da que está aprobada pola Academia. Iso esta aí e non sei se seguirá por moito ou pouco tempo, pero a normativa da RAG, que é a que nós temos como referencia, xa leva máis de vinte anos fixada. Que ocorre? Que si hai unha cousa que si cambia, que é a do vocabulario, que se está a incrementar incorporando cada vez máis palabras novas, e non falo de “inventos”, senón de palabra galegas recollidas e que só hai que poñelas no Dicionario. Pero hai que poñelas alí! Mais vexo que non hai os medios, ou alomenos a RAG non os ten.

–A Biblia online xa está en marcha, cal é o seguinte paso?

–Hai un aspecto que para nós é importante, o dos audios. Se tivésemos os medios necesarios, xa estaríamos traballando neles e, polo tanto, conseguiríamos tamén que a Biblia fora un audiolibro. Mais a gravación ten uns custos que, de momento, non podemos asumir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents