No ano Castelao
Lembranza de Nikita Balieff

O autor, actor, director e empresario teatral armenio Nikita Balieff (1873-1936) por volta de 1909. / Arquivo
Manuel F. Vieites
En abril de 1921, Castelao asiste a unha función no Théâtre Femina de París, para ver o espectáculo dunha compañía de exiliados rusos, dirixida por un conférencier, ou animador, de orixe armenia: Nikita Balieff, en realidade Mkritich Balian. En 1906 entra no Teatro de Arte de Moscova (TAM), da man dun dos seus directores, Vladimir Nemirovich Danchenko, profesor no Conservatorio da capital. No TAM encoméndanlle papeis pequenos e figuracións, que non sacian a súa fame escénica, e por iso participa activamente nas veladas que durante a Coresma organizaba o persoal dese e doutros teatros, ao estaren pechados, ampliando a celebración do Entroido. Tales divertimentos, que lembra Stanislavski en A miña vida na arte, estaban relacionados coa kaputsniki, festa tradicional de carácter cómico e satírico que mesturaba coplas e bailes con entremeses, e fixeran moi popular os actores Mikhail S. Shchepkinpolo e Konstantin Varlamov, que a organizaban no salón das súas casas, incluíndo parodias mínimas de textos literarios célebres ou de espectáculos en cartel.
Durante un tempo vai ser o responsable da artellar esas veladas, que en pouco tempo pasan a celebrarse varios días á semana, cando pechaban os teatros e actores, actrices e espectadores se xuntaban para troulear. Dado o éxito da proposta, en 1912 sae do TAM, crea unha compañía e abre unha sala, Letuchaya Mysh, en francés La Chauve- Souris, en galego O Morcego. Ortega y Gasset, que asiste a unha función en Madrid en 1921, explica que estaba feito de escenas breves, con cancións, coros, danza, cadros plásticos e bufonadas. Coa colaboración de escenógrafos como Nikolai Remisoff e Serguéi Soudeikin, os espectáculos destacaban polo uso da cor, e tiñan un forte impacto visual, unha das razóns do entusiasmo de Castelao ao ver tan fermoso artificio.
Malia a indubidable dimensión artística, as creacións de Balieff pouco tiñan que ver co «teatro de arte», movemento que xorde en París cando en 1890 Paul Fort crea o Théâtre d’Art, para impulsar a revolución simbolista na escena. De igual modo, a compañía de Balieff, a diferenza de xuntoiros ocasionais creados por artistas que operaban en Moscova ou San Petersburgo na segunda década do século XX, como Nikolai Evreinov, Vladimir Mayakovski, Anna Ajmátova, Olga Sudeikina ou Vsevolod Meyerhold, non se vinculaba coa escena vangardista, senón co teatro de variedades, e non tiña que ver cos cafés literarios coma o Cabaret Voltaire de Zúric. Esa dimensión popular e visual, lonxe dos excesos vangardistas, foi unha das razóns do éxito enorme de Balieff en países como Inglaterra, África do Sur ou Estados Unidos de América, onde se converte nunha celebridade, chegando a ocupar unha portada da revista Time.
Porén, Castelao si estivo nun daqueles cabarés abeirados á vertixe da vangarda, en Berlín, onde contempla un número «no que se dixeron poesías acompañadas de música e segundo me dixeron son expresionistas», como conta no Diario 1921. Unha das cousas que Castelao máis valora do cabaré berlinés é o que el define como «lirismo rural», e salienta que as portas dos cabarés «teñen sempre o sabor de portas de tabernas aldeás». Pouco antes, saíndo de Bélxica, sinalaba que a súa parte flamenga lle parecera moi simpática «polo seu ruralismo». E así, en carta a Manuel Antonio por volta de 1922, Castelao proclámase ruralista, refugando a vangarda, e formula un programa artístico asentado na mesma mirada de Balieff, quen recollía elementos tradicionais da cultura rusa para crear espectáculos cunha alta dose de primitivismo, exotismo e misterio, cheos de variedade e sorpresa, participando dun principio fundamental do entroido: mirar e poñer o mundo do envés, cun humor choqueiro e retranqueiro.
Un deseño esquecido
A influencia de Balieff na dramática de Castelao é evidente, pero onde máis se fai sentir non é na farsa que titulou Os vellos non deben de namorarse. É certo que nela recrea elementos da cultura popular e inclúe brincadeiras como un coro de boticarios, cadros que falan, espantallos que danzan, ou un pano de fondo polo que asoman as caras de xentes que cantan. Secasí, a pegada do armenio é moito máis relevante nas escenas breves que imaxina xunto despois de ver o espectáculo do Morcego en París, e pon por escrito no seu Diario 1921.
Aquí, Castelao bosquexa un total de sete escenas breves, que parecen seguir o modelo do tableau vivant, moi utilizado por Balieff, que implicaba definir unha situación de partida para a improvisación posterior. Nese seu deseño mínimo, latexa con forza o que foi o espírito e a forma dos espectáculos do Morcego, e segue a ser unha contribución notable que aínda pide ser presentada na escena. Boa cousa sería que neste ano de celebracións, se puidese ver nos teatros aquela fermosa ideación escénica. Será cousa do Centro Dramático Galego?
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- José Abellán, cardiólogo: «Para saber si has descansado bien el indicador más fiable es cuando terminas de comer»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Un grupo de 45 afectados demandará a una tienda de Vigo de productos veganos