Entrevista | Carmen V. Valiña Doutora en Historia Contemporánea
«Houbo unha época na que calquera galega podía rematar en Conxo»
As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936 (Galaxia) é un libro valente e rigoroso, descarnado e duro, produto dunha investigación levada a cabo por Carmen V. Valiña, quen vén traballando dende hai anos na recuperación da memoria histórica das mulleres anónimas

A historiadora Carmen V. Valiña. / Marina Valiña
–Que foi o que a motivou a escribir un libro tan descarnado coma este?
Levo varios anos traballando na recuperación da memoria histórica das mulleres anónimas. Pero neste caso en concreto, o que me moveu foi o descubrimento duns arquivos moi especiais dos que intuín, e non me equivoquei, que me permitirían achegarme a estas mulleres que, non só foron anónimas, senón que ademais eran mulleres esquecidas nas que se xuntaba a marxinación polo condicionante de xénero co da enfermidade mental; aos que hai que engadir que, en xeral, case todas proviñan dun ambiente rural e humilde e, polo tanto, máis vulnerable.
–Como se documentou, a que fontes acudiu para construír as historias e os perfís das mulleres das que fala no seu libro?
Partindo, sobre todo, da documentación do manicomio de Conxo, no que atopei os historiais clínicos, pero tamén, o cal é moi importante, outros elementos como as súas cartas de correspondencia, a relación cos seus familiares…e todo iso complementado cunha parte de lectura bibliográfica de libros que abordan o asunto das mulleres e a loucura. Tamén foi básica a colaboración de persoas que investigan este tema noutros sitios de España, nomeadamente na Universidade de Málaga.
–Hai algunha razón especial pola que acoute o período de As tolas que non o eran entre 1885 e 1936?
1885 foi o ano no que se inaugurou Conxo, «o gran manicomio do Noroeste peninsular», e 1936 foi o ano no que estalou a Guerra Civil, malia que ese non foi o motivo principal, senón máis ben simbólico, da miña coutación, porque nalgún ano tiña que pechar o ciclo, e coido que xa tiña un período o suficientemente amplo e, polo tanto, representativo dos diferentes perfís de mulleres que pasaron por Conxo durante aqueles cincuenta anos.
–Como foi evoluíndo a situación da muller na sociedade galega nese período entre 1885 e 1936 e de que xeito repercutiu na consideración das propias mulleres?
Houbo un cambio moi importante nos diagnósticos da histeria, que só aparecen no século XIX e a principios do XX, pero que apenas están reflectidos nos diagnósticos posteriores. Outra diferenza a destacar é que, segundo avanzaba o século XX, comezan a aparecer perfís de mulleres máis formadas culturalmente que as anteriores, algunhas incluso universitarias; é dicir, que xa no só se trata de mulleres do rural. Por desgraza, o que non experimentou apenas cambios foi o feito de que durante todo este período, Conxo seguía sendo un manicomio masificado no que había escasísimas posibilidades de resinserción. A maioria das internas morrían no propio centro ou pasaban décadas encerradas porque, a fin de contas, os tratamentos que había consistían basicamente en actividades que as tiveran ocupadas, nomeadamente tarefas como lavar a roupa, varrer, facer a comida….E non había, obviamente, ningún tipo de individualización nos tratamentos. E se a iso lle engadimos que había moitas que, segundo descubro nos diagnósticos, non tiñan enfermidade mental ningunha, pois enténdese que o contexto non era o adecuado senón, polo contrario, bastante dramático e angustioso para todas elas.
–Que tipo de medicación se lles adoitaba aplicar… se se lles aplicaba algunha, claro?
Bromuro, baños e pouco máis. Na documentación, dende logo, non figura case nada a este respecto. Nin tampuco semella que houbese unha clara vontade de que se tratase de tratamentos organizados ou estruturados. Daquela, realmente, semella máis que se trataba dun centro ao que ían a parar as mulleres para que simplemente «estiveran alí» porque lles «sobraban» aos seus familiares.
–Habería casos nos que as mulleres foron ingresadas en Conxo acusadas de cometer delitos. Quen, como e baixo que criterios se ditaminaba que unha muller fose internada no manicomio ou ingresada nunha prisión?
Nesa época interrelacionábase moi claramente crime e debilidade mental, e, polo tanto, determinábase que o centro psiquiátrico era un xeito de «evitar os males» que poderían ocasionar as persoas con algún tipo de desequilibrio psiquiátrico. Esas mulleres, como excepción, non eran levadas a Conxo polas súas familias, senón por mandamento das autoridades xudiciais... e adoitaban saír de Conxo antes que as outras.
–Respecto das que ingresaban por vontade das familias, quen as levaban ata Conxo?
Fundamentalmente, os homes: podía ser un irmán, o pai, o esposo… e por razóns diversas. Había mulleres alcohólicas, pero tamén mulleres que non conseguiran casar, que querían divorciarse… É así como se entende que o manicomio era tamén unha ferramenta social: as mulleres diverxentes podían acabar doadamente en Conxo. Teño recollido casos curiosos, como os dos que lles dicían que ían emigrar ou marcharen a otras vilas e, de súpeto, remataban en Conxo, sen que elas soubesen nada. De feito, calquera muller galega podía rematar en Conxo. E iso demostra que a loucura se constrúe historicamente dun xeito social. Por exemplo, nesas épocas unha violación era considerada apenas como un «susto» que non pasaba da consideración de anecdótico.
–Aínda poden quedar moitos casos de «tolas que non o foron» neste século XXI?
O que creo é que hai situacións que nos poderían volver tolas a todas: conciliación, desigualdade laboral, hipermultiplicación das tarefas domésticas… Estas cousas poden impactar na nosa saúde mental. Por suposto que si.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Mueren dos hermanos de Salvaterra en un accidente frontal en Porriño
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- Pilotos a ciegas y un tripulante asfixiado: urgen revisar el protocolo de seguridad por humo en algunos aviones tras el susto con un buitre en Madrid
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota
