Un veciño chamado Cunqueiro
Soñar 1000 primaveras

Álvaro Cunqueiro. / Magar
En Marqués de Valladares detecto unha cartografía olfativa. Situoume no alto de Carral, nome en memoria dos fusilados nesta vila coruñesa logo da Revolución do 46, cando Galiza deu un berro de liberdade como arengou Xosé Mª Álvarez Blázquez, veciño das Travesas, en mitin antes do 36. Dicía que ao situarme nese cotarelo a rúa abríaseme en aromas a café e tazas quentes.
Tras alandillar, en préstamo do Blanco Amor morto precisamente preto de aquí, vou dar cabo en Colón e todo óleme a mazá coma se no ceo houbese unha nube a bañarme até imaxinar un pomar das montañas mindonienses de cabalos ceibos polo val de Lourenzá do Fernández del Riego, veciño da Alameda.
Diranme que todo é pura fantasía. Proben, se non me cren. Se persisten na opinión, déixenme crer porque son feliz nesta ensoñación aromática como o era Proust ao lembrar o olor da madalena. Eu dígolles, e perdoen por ser testán, que o efecto provén da fiestra aberta no número 20 por causa do Álvaro Cunqueiro, quen ciscaba mazás polo fogar adiante.
De Cunqueiro pódese dicir que foi veciño ius solis, ius cordis. Home de conversa na tasca, sexa o Elixio ou a Viúva, que tamén foron lugares frecuentados por demais, tales como Xosé Mª Castroviejo retirado da dirección d´El Pueblo Gallego ou o veciño Urbano Lugrís, pintor e escritor, con estudio na zona.
Velaí o Cunqueiro de paso pausado Policarpo Sanz adiante, entre o fungar dos tranvías e edificios da bonhomía do veciño Gómez Román, entón secretario xeral do Partido Galeguista na clandestinidade e que ninguén diga nada. Crúzase don Álvaro con amigos novos e vellos saídos da Penzol noutrora sita nesta rúa céntrica, e aquí acudían os bolxeviques da UPG liderados por veciños como Ferrín e Pepe González co fin de pensar o país en esquerda tan apática para Cunqueiro quen xa toma esquina Colón con edificio Rubira devorado por un gargantúa odiado polo bo vigués e algúns anacos desa fachada dormen á beira da enseada de San Simón que mesmo o Café da Vila de Redondela ten algún vestixio e por iso gosto de tomar o café alí, pois saborear presta máis cando a paisaxe interna harmoniza.
Cunqueiro chega ao FARO DE VIGO que dirixe con acerto e en breve dálle prestancia e pulo e riqueza articulística ofrecendo alento mariñao coma os seus paisanos, Leal Insua e Landeira Yrago, tamén directores do xornal en épocas distintas. Pero non é cousa agora de deterse nos fillos de Vallibria e contorna senón de poñer o acento en Cunqueiro, por ser ilustre de pegada imborrable coma o foi o célebre discurso no Hotel Samil do cal se extractou un lema recorrente da cultura contemporánea: «mil primaveras máis», e a data era o 24 de abril de 1980, que escoitei completo na rede porque entón nin nacera.
A min gustaríame que as verbas de Cunqueiro fosen gravadas ad aeternum como homenaxe de Vigo e, se cadra, cadra ben por iso de aproveitar as obras na contorna dunar de tímida recuperación, entre os areais Tombo do Gato e Cocho das Dornas, toponimia vibrante.
Oxalá se lean estas palabras logo feitas verso alongado sobre do mar deica á tensa liña do horizonte e que o ciclo as faga nubes apra mollar o asfalto urbano e sintamos olores frescos de perpetua existencia do pobo galego amante da súa lingua. Xa saben, eu creo na fantasía dos soños. Por iso loito co fin facelos certos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Andrés Millán, abogado laborista: «Nunca me jubilaría 24 meses antes, como mucho lo haría 19 o 20 meses antes»
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»