Fotosensíbeis

A creación desde Belas Artes

Fotografía de Xulia Aranda.

Fotografía de Xulia Aranda. / FdV

Fotosensíbeis, a publicación que vén de editar o Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, é o compendio da exposición do mesmo título que se puido contemplar en Pontevedra até o día 18 deste mes de maio. Proxecto expositivo e publicación recompilan os traballos fotográficos producidos baixo o maxisterio de Manuel Sendón no período que impartiu aulas en Pontevedra, na Facultade de Belas Artes, entre 1993 e 2021.

Fiel á súa concepción do ámbito expositivo, o traballo de Manuel Sendón afástase nesta exposición, e na publicación recompilatoria, dos tópicos conmemorativos e opta pola realización dunha serie de proxectos ligados e definidos para o espazo do Pazo de Cultura que xiran ao redor da historia dos traballos que tiveron orixe nas aulas, documentando de maneira singular momentos iniciais da traxectoria de importantes creadores —e sobre todo creadoras, porque o peso feminino é notabilísimo— das últimas décadas.

Fotografía de Fran Herbello. Exposición Fotosensíbeis.

Fotografía de Fran Herbello. / FdV

O resultado da publicación e da montaxe expositiva conseguíu un achegamento global ao que significou a docencia da fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra durante 28 anos, unha parte sobranceira do labor da facultade. Partiuse dunha contextualización dos diferentes traballos situados en cadanseu proxecto exposto e publicado no seu momento, sendo en moitos casos os primeiros traballos que puideron ver a luz dos novos fotógrafos.

Testemuños da preocupación polo diálogo dos fotografos galegos co contexto internacional, estes proxectos viron a luz na Fotobienal de Vigo e na colección 'Do trinque' do Centro de Estudos Fotográficos que creou o propio Sendón con Xosé Luís Suárez Canal, ámbitos onde os creadores galegos aparecían en pé de igualdade con figuras relevantes do contexto internacional. Morta —de morte matada— a Fotobienal, algúns dos máis recentes foron presentados nas páxinas de A Nosa Terra entre 2008 e 2010, nun proxecto que levou por título «Inéditos» e que se mantivo no semanario até a desaparición da publicación.

O labor realizado Manuel Sendón como profesor, comisario, responsábel e dinamizador destes proxectos fixo posíbel o coñecemento dos novos creadores nos circuitos internacionais —e mesmo a inserción dalguns deles nestes circuítos, velaí a capa de Victoria Diehl no The New York Times Magazine en 2014— nun momento de grandes mudanzas no medio fotográfico, un proceso que tivo como resultado que o papel da fotografía adquirise unha relevancia e consideración que até daquela non lle era concedida no noso mundo académico, e non só nese mundo senón no ámbito cultural xenérico.

O futuro da fotografía en Galicia

Fotosensíbeis ten unha segunda lectura, que subxace no seu texto curatorial de Manuel Sendón, que é sen dúbida o problema do futuro da difusión da fotografía en Galicia.

Porque se a dinamización dos anos noventa foi debida a un labor decidido tamén contou co apoio desde ámbitos variados, decisivos para facer reais os proxectos. A incógnita é o futuro, e aí as institucións deberán actuar, porque os traballos destes proxectos e publicacións, coa obra de artistas, entre outros, como Rut Massó, Salvador Cidrás, Elena Fernández Prada, Andrea Costas, Fran Herbello, Victoria Diehl, Maruxa Fernández Llamazares, Marcos Vilariño, Suso Fandiño, Cristina Rodríguez ou Xulia Aranda, son de indiscutíbel calidade, pero tamén poden e deben ser un elemento vivo, dinamizador, construtor dun debate artístico.

Exposicións como Fotosensíbeis deben ser alicerces para futuras iniciativas e non ficar arrombadas cara o puramente museístico, aspecto necesario pero que se debe proxectar na creación viva e actuante. Velaí un reto para as administracións con responsabilidade no ámbito cultural.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents