Cantareiras de Toutón
Voces para as Letras Galegas

Mercedes Peón coas cantareiras de Toutón (ca.2000). / Alberte Reboreda
Alberte Reboreda
«Quen me dera alá en Toutonhe / Unha leiriña de terra / Para ir botar a iguaha / E pasearme por ela». Así reza unha das cantigas recollidas en Toutón, un dos conservatorios (en sentido etimolóxico estrito) de música tradicional en Galicia. Leilía, Davide Salvado, Baiuca, Carme López, Chisco Feijóo, Pedepote, Quique e Mercedes Peón ou C. Tangana recrean nos seus discos músicas cantadas orixinalmente nesta parroquia mondarizá polas súas cantareiras e pandeireteiras.
Estudosos e compiladores destas músicas, como o equipo de Arredor da Tradición, dan continuidade hoxe ao labor emprendido en Galicia por folcloristas de renome como Marcial Valladares (1821-1903), Casto Sampedro (1848-1937), a suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) ou o norteamericano Alan Lomax (1915-2002).
As cantadoras desta freguesía son xente extraordinaria, namoradas da tradición vocal, do canto alegre e da divulgación xenerosa. Efectivamente, en Toutón todos os que van recoller música tradicional son ben recibidos, e boa proba disto foi a gravación dun Alalá monográfico no ano 2008, un mítico programa da TVG dedicado ás músicas de raíz. Nel participaron cantadores e «beilladores» xa desaparecidos coma Ángel Amoedo, Eugenio da Tourona ou Orlando Garrido.
«Antes cantábase nas esfolladas, nas veigas, nas mallas, coidando dos animais, indo ao monte a por leña...», recordan os veciños do tempo no que o traballo era unha festa. Tocar a aña durante as labradas de abril e maio, por exemplo, era unha das manifestacións culturais máis orixinais desta estrema do val do Tea. Nelas, o sacho ou legón convertíase en instrumento musical para amenizar o traballo comunal. E xunto a aña, o ramo, unha póla de loureiro adornado con cintas e rosquillas que engalanaba os labores agrarios, facendo del un rito pagán, unha cerimonia entre lúdica e propiciatoria propia de Deméter ou Ceres, as deusas da terra cultivada.
O inverno era o tempo dos seráns, que se celebraban de noite nalgunha casa particular, e onde acudían unhas ducias de veciños da parroquia e arredores alumeados cunha humilde luz de carburo. Hoxe son moi diferentes. «Facémolos no torreiro e montamos unha carpa que acolle a centos de espectadores, músicos e bailadores de toda Galicia».
O serán dos Namorados que organizan cada ano en Toutón as súas pandeireteiras leva o apelativo do «máis grande do mundo», e o ano próximo cumpre trinta anos de vida e éxito de público. «Na última edición acabamos ás 5 da mañá e veu xente de toda Galicia e o norte de Portugal», afirman con orgullo.
No verán a festa volvía todos os domingos ao rueiro nas encrucilladas, ao aire libre, onde se cantaba, bailaba e tocaba a pandeireta, favorecendo a socialización e a convivencia. «Era o que había», acostuman a dicir hoxe con resignación, coma se aquela maneira de festexar creativa e comunal fose pouca cousa en comparanza co scroll infinito e solitario dos nosos teléfonos.

As cantareiras de Toutón, na actualidade. / Alberte Reboreda
As cantareiras de Toutón, co seu estilo vedraño e auténtico, acompañan aínda hoxe as súas voces con pandeiretas, gaita e aña por Galicia adiante. O pasado mes de abril aínda, en Santiago, no Museo do Pobo Galego. Na década pasada participaron nunha media de cincuenta actuacións ao ano por ducias de vilas e cidades de Galicia, de Lugo a Bueu, e de Silleda á Coruña, onde cantaron convidadas por Xacarandaina en 2014 diante de máis dun milleiro de persoas que abarrotaban a Praza de María Pita.
«Por ese camiño hai pedras / eu tamén vou de tamancas / E as mociñas de Toutonhe / parecen palomas brancas» di unha copla popular da nosa parroquia. Algunhas destas pombas que aínda atopamos no camiño son Dolores Rial, Hortensia, Delia e Josefa Fragueiro, Adelina Suárez, Isolina Paz, Marina e Purificación López, Adelina e Evangelina Columna, Marina e Lola Amoedo, Josefa e Herminia Freaza, Lucinda Barcia, Lina Rodríguez, Carmen Sotelino, Susana Amoedo e Monse Alvariño.
A música de tradición oral procede de lugares coma Toutón, si, e tamén está viva no presente recreándose e reinventándose para facela atractiva a novos públicos con arranxos musicais modernos e propostas estéticas anovadoras.
Proxectos discográficos
No ano 2011, as cantareiras da nosa freguesía gravaron un disco propio, Serán en Toutón. A produción musical correu a cargo de Guillerme Ignacio Costa, e inclúe alfaias como «Meu ben», un fermoso canto a capela que merece estar na mellor compilación de world music. Este disco inmortalizou voces coma a de Esmeralda Amoedo, que nos dixo adeus nos últimos anos.
O desaparecido grupo Pedraquetiña, que tira o seu nome dun tafoni situado a 533 m de altura que serve de límite natural entre Toutón e Borbén, tamén atopou o seu berce en voces e músicas desta freguesía mondarizá. Producido por Treixadura e baixo a dirección musical do desaparecido Mingos Lorenzo, o grupo gravou un disco baixo o título Cantares en 2012.
Outro proxecto musical, o máis recente no tempo, é o alicerzado no cantar de Elena Alonso Pino, unha cantareira de Toutón xa finada que rexentou durante décadas o mítico café Carabela de Pontevedra. Á fronte deste proxecto, que viu a luz en 2018 en forma dun traballo discográfico titulado As Cantigas de Elena, estivo o seu neto Pipo Alvariño xunto con María Vidal e Myriam González.
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Andrés Millán, abogado laborista: «Nunca me jubilaría 24 meses antes, como mucho lo haría 19 o 20 meses antes»
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»