Novos cancioneiros

O futuro da música tradicional galega

Antía Muíño.

Antía Muíño.

Judith R. Iglesias

Imaxinar o futuro é algo inherente á nosa historia; aínda máis, nun momento de vertixinosos cambios. Que pasará nas próximas décadas? Cara onde vai a sociedade? Cabe preguntarse tamén polo porvir da cultura. Que novas tecnoloxías acollerán os museos? Cal será a música que escoitaremos? E, neste último caso, que lugar ocuparán as nosas creacións tradicionais? Nun mundo cada vez máis globalizado e dixital, este último interrogante é o fío que pende do noso «eterno presente».

«A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan», escribe Castelao no seu ensaio Sempre en Galiza (1944). A teor destas palabras, cómpre lembrar que nunca foi estática. Por que habería de selo agora? «A música tradicional conéctanos cun pasado que aínda segue vivo e cun sentido de pertenza a algo maior, á colectividade», expresa a cantautora galega Antía Muíño (Santiago de Compostela, 1992), coñecida pola súa voz intimista nunha «sorte de «galeguidade musical». Alén do propiamente tradicional, falamos dunha identidade.

Vivimos nun momento de grande efervescencia, mais non sempre foi así. «Nos anos 80, todo o pop-rock era binario. Era complicadísimo que a nosa música tradicional entrase aí», lembra pola súa banda Carlos Núñez (Vigo, 1971). «Nos últimos anos, as cousas mudaron e os ritmos que aparecen no trap e outras músicas urbanas, que hoxe xa son pop e mainstream, coinciden cos da muiñeira». Na súa opinión, isto facilitou que a música tradicional «comezase a gañar prestixio». Cara onde vai agora é a pregunta latente.

Con centos de posibilidades ás portas do mañá, é difícil saber como será o futuro. As tradicións están vivas e, se ben no pasado incorporaron ritmos procedentes de fóra, hoxe parecen «actualizarse» para chegar ás novas xeracións. Folklore e vangarda converxen así en propostas como a de Baiuca, proxecto artístico de Alejandro Guillán Castaño (Catoira, 1990). «Non fago música tradicional, nin pretendo facela. Parto da inspiración para chegar a outros puntos de encontro: novas músicas conectadas cunha esencia galega», integrando elementos folclóricos populares na electrónica.

«Rítmica e melodicamente, as músicas de raíz son moi compatibles con elementos que se empregan nas cancións pop e isto foi o que permitiu establecer ese diálogo tan orgánico, por exemplo, coa electrónica», analiza Martín Mondragón (Recesende, 2000), máis coñecido como Mondra. Alalás, pandeiradas... son agora unha memoria de futuro, explorando novos estilos como a folktrónica ou a música trad. Neste contexto, a globalización convértese nunha peza clave. «Se outras culturas triunfan fora das súas fronteiras, por que non a galega?», pregúntase Baiuca.

Con recentes publicacións como o libro de Carmen López e Rocío Chao (A música tradicional en Galiza, 2025), analízase un percorrido que semella non ter fin. «Espero que no futuro se manteña viva, sen converterse nunha peza de museo», comparte Antía Muíño. En palabras de Mondra, «a nosa tradición ofrece moitas posibilidades e imos seguir atopando lugares onde establecer diálogos, sen facelo exclusivamente dende a música electrónica. Trátase dun momento efervescente e non se pode dar ningún paso atrás».

Novos capítulos

Como é a converxencia actual? «Eu diría que conviven tendencias que se foron poñendo e pasando de moda, coa intención de deixar atrás as inmediatamente anteriores como anticuadas», responde Carlos Núñez, artista cunha longa traxectoria internacional arredor da música celta e pioneiro na súa mestura con xéneros como o flamenco.

«O «folklore» quedou vello co «folk» que, á súa vez, cedeu o posto ao «tradi», este ao «neo-tradi»... e agora parece que se volve poñer de moda a palabra folklore sen as connotacións negativas das «folclóricas».

Con todo, seguen a existir desafíos, desde a falta de apoio institucional ata a concepción da lingua galega como un límite. O cal non impide que as músicas arredor do mundo teñan o potencial de seren un elemento cohesionador. «O que se inspire na tradición para darlle unha identidade ao seu proxecto e amosar a súa cultura, axuda a que eses elementos culturais teñan percorrido alén do tradicional e iso si que é interesante como algo complementario», observa Baiuca sobre as tendencias actuais arredor da música fusión.

Estas novas propostas son un halo de esperanza para o futuro da música tradicional galega que, cada vez, cobra un maior impulso. Que será o seguinte? Iso aínda está por ver.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents