De voz en voz, de boca en boca

Poder musical en feminino

As pandeireteiras do grupo Leilía (1989-2023).

As pandeireteiras do grupo Leilía (1989-2023). / Arquivo

V. Neira

Se nos contan hai trinta anos como sería hoxe a realidade da música tradicional do país, probablemente non dariamos creto. Se daquela nos relatasen que viría ocupar o lugar que hoxe ocupa e que se transformaría no motor principal de tantos proxectos desta terra, quedariamos abofé que ben sorprendidos. Falamos de transmisión cultural pura e directa, de música e oralidade collidas da man e que son testemuña absoluta do seu tempo pero tamén base para ser a ferramenta indispensable da cultura e música do noso presente.

Xa no século XIX a intelectualidade galega comezou a sentir a necesidade de recoller e documentar as músicas e os bailes da nosa xente maior poñendo en valor todo o que nos podían achegar antropoloxicamente falando pero tamén, e loxicamente, como ben cultural e musical, mais cómpre deixarlles á musicoloxía e mais á xente que a entende ben, e a estuda, facer ese percorrido xeneroso e cargado de argumentos para chegar a este presente con todo o coñecemento preciso para entendermos quen somos e de onde vimos musicalmente falando.

Para poñerlle nome e apelidos a todo o acontecido e para comprender tamén que a propia natureza da música tradicional fixo que xermolara e se mantivese viva ao longo dos anos de portas para dentro, ao carón das lareiras, nos lavadoiros, nas hortas, nas xuntanzas familiares e festas e nos círculos máis pequenos onde sobreviviu de voz en voz e de boca en boca nunha rede humana, social e fundamentalmente feminina que funcionou como o mecanismo dun reloxo.

Nós podemos lembrar todo o que pasou a partir daqueles anos oitenta, ou incluso un pouquiño antes con toda a efervescencia nas recolleitas, con xente como Antón Santamarina e Dorothée Schubarth achegándonos o Cancioneiro Popular Galego e na, cada vez máis, sólida idea de que o gran patrimonio da nosa tradición oral e musical recaía nas mans e nas gorxas das nosas mulleres e que a pandeireta era definitivamente o instrumento fundamental.

Con Cantigas e Agarimos, Cantigas da Terra, Brincadeira, Fiadeiro, Toxos e Flores, Ruada, Aturuxo, Raigañas de Cerqueda, Eidos, Xacarandaina, Arume, Xiradela, Donaire… entre outras agrupacións e asociacións, comezaba a medrar unha ondada de interese, cariño e sobre todo activismo tradicional que a cada día e a cada ano sería maior até chegar a onde hoxe estamos. Así chegamos á propostas que, alén de recuperaren, de creren e referenciaren a nosa música tradicional, foron capaces de poñela nos escenarios máis contemporáneos e en discos que chegaron a miles de reproductores.

Leilía ou Mercedes Peón, por citarmos proxectos concretos, atinxiron abrir esas portas e poñeren a pandeireta, a riqueza da lírica tradicional e mais o poder feminino nunha situación nunca antes vista e enchendo de poderosos argumentos moitos dos escenarios máis referenciados da escena folk e world music. Xa nestes anos vinte do novo século, vemos como grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, outra vez en feminino, revisan a nosa música levándoa de novo á contemporaneidade máis candente.

A Real Academia Galega acordou adicar o Día das Letras Galegas deste ano ás nosas pandeireteiras e á nosa oralidade musical máis popular. Mulleres deste país que ao longo de tantos anos conservaron a nosa música viva e que merecen abofé todo o noso respecto e admiración. Cantareiras nosas que foron e son alfaias culturais e sociais. Celebralas como protagonistas das nosas letras é de xustiza.

As compoñentes do grupo Faragullas (San Paio de Lavadores, Vigo).

As compoñentes do grupo Faragullas (San Paio de Lavadores, Vigo). / Arquivo

Fenómeno foliada

Dicíame un día Manuel Amigo, gaiteiro e amigo, que as foliadas son o viveiro máis perfecto e puro no que habita a nosa música tradicional. Amigo comezaba coa histórica Foliada da Casa das Crechas en Compostela hai case catro décadas, convertendo os mércores en cita tradicional e imprescindible na capital, un lugar onde a idea de colectivo vivo, de portas sempre abertas e de adaptarse con toda naturalidade ao número e nivel dos músicos e aos improvisados repertorios fan a maxia entre un público tan abondoso que decote non cabe no vello pub da zona vella.

É obvio que as foliadas foron de sempre unha das mellores mostras das nosas festas populares, lugares para facer comunidade e unión, para celebrar e festexar pero tamén para tocar, bailar, cantar e participar de todo o poder telúrico da nosa música tradicional. Agora, nos ultimos anos, o «fenómeno foliada» derrubou de vez todos os teitos de popularidade imaxinables sendo algunhas delas auténticos exemplos de éxito masivo no seu poder de convocatoria asemade de territorio de civismo, amor polo tradicional e militancia cultural.

A Fonsagrada, Melide, o pasabodeghas en Vedra, a Foliada dos Pepes en Merlán, a Festa da Gaita en Arzúa, a Foliada Nordestía en Cervo, o Serán dos namorados en Toutón, a Foliada de Carraxía en Malpica, por citarmos algunhas, son alfaias de conexión directa dun pobo coa súa tradición ademais de ser a correa de transmisión viva máis potente e engraxada. As foliadas son a panorámica definitiva do vizososo estado de saúde no que habita e respira a nosa tradición.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents