Un río que nunca estiña

Na procura da transmisión interxeracional

'Avoa e netos' (F. Álvarez de Sotomayor, 1916)

'Avoa e netos' (F. Álvarez de Sotomayor, 1916)

Celia Díaz Núñez

«—Crouco rapado, faime un arado. /—Non fago, non, / que non teño machado». Esta é a cantiga que me cantaba o meu avó paterno, paramés de nacemento e dúas veces bonaerense ocasional en sucesivas emigracións, e é unha das poucas lembranzas que del conservo porque faleceu cando eu tiña tres anos.

A avoa Manuela, pola liña materna, louzarina de orixe e quiroguesa de adopción, adoitaba cantarme esta copla que incluín en Adeliña, un libro que publiquei hai xa vinte anos: «—Costureriña bonita, / onde perdiche o dedal? / —Naquelas casiñas brancas / na raia de Portugal»

Estes dous cantares forman parte do repertorio que interpreta a avoa Oliva para o seu neto Adrián na novela A avoa canta como a cotovía, accésit no Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2024. Porque as cancións son o último que se esquece cando xa case nada se lembra, pero á vez constitúen un eficaz recurso para propiciar a lembranza. Avoa e neto partillan xogos e conversas e o rapaz vai recadando cantigas, adiviñas, trabalinguas, recitados, arrolos, xogos para contar ou para botar a sortes e outros textos do cancioneiro tradicional, que nun punto da historia el mesmo terá que retornarlle á avoa cando o deterioro mental que padece provoque o seu esquecemento.

«A ron ron, meniña ron, / o teu pai vai no carbón, / a túa nai na violeta, / cala, meniña, cala / que logo ha de vir / darche a teta». Con esta anaina tentaba miña nai que prendese axiña no sono cando eran moitas as obrigas que a agardaban.

As miñas fillas tamén adormecían con este arrolo e mais con outro moi acaído á circunstancia de vivirmos a carón do río: «Río Miño, vai caladiño / non me espertes / a miña meniña». Se ben neste caso interpretado con melodía propia porque eu descoñecía a música orixinal desta anaina, que non chegou a min non por fontes orais, senón a través das páxinas dunha antoloxía.

Avoas e avós, contadores de historias

A transmisión interxeracional é fundamental cando nos referimos á adquisición da lingua, mais é igualmente importante se falamos da cultura propia. Ese era tradicionalmente o papel de avoas e avós: contadores de historias, de contos e de cantigas, divulgadores de aprendizaxes e saberes recibidos. Así era antes cando convivían baixo o mesmo teito distintas xeracións, mais tamén nos tempos de hoxe en que tantos maiores se implican no coidado e crianza dos máis novos.

Este contacto entre as dúas xeracións contribúe ao desenvolvemento emocional e cognitivo, axuda a e estreitar lazos afectivos, tamén a crear un sentimento de pertenza e a establecer un sinal de identidade colectivo. As cancións poden converterse nunha ferramenta para manter viva a historia da familia. Unha liña de tempo en papel continuo, un fío de recordos que permitan tirar do nobelo para reencontrármonos. Cada cantiga é un elo dunha longa cadea que conecta cos devanceiros. Cada copla, unha fermosa doa dun colar legado aos descendentes como se dunha alfaia familiar se tratase.

O avó Juan morreu con sesenta anos, deixando unha ducia de netos e netas. A avoa Manuela pasaba dos noventa e sumaba unha descendencia de 10 netos, 12 bisnetos e 1 tataraneto. As fotografías, as lembranzas e tamén as cancións con que eles dous me acompañaban axúdanme a traelos de volta e recuperar un cativo anaco de felicidade. Para non esquecelos. E para non esquecerme de quen son e de onde veño.

A avoa Oliva, do mesmo modo que Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela ás que este ano homenaxeamos, transmite as cantigas do vizoso patrimonio oral. Ese será tamén o obxectivo asumido por Adrián: procurar que as vellas melodías da avoa non se perdan, que perduren no tempo para que os que han de vir continúen gozando do tesouro recibido en agarimoso herdo. Unha remuda necesaria para pasar o testemuño ás novas xeracións. Para que novos cantos abrollen no manancial e o río nunca estiñe.

Un río que nunca estiña

Nenas cantando. / .

Un legado a espallar

Houbo un tempo en que cantar era unha actividade habitual. Cantábase na vendima, na sega, nas vodas, nos xantares familiares, nas excursións en autobús, tamén para pedir o aguinaldo polas portas ou para xogar no patio da escola.

Pero iso foi antes de que as pantallas e os cascos nos mantivesen illados e indiferentes á vida que flúe ao noso redor. Tamén antes de que a radio e a televisión invadisen con músicas foráneas que foron substituíndo as que xeración tras xeración formaron parte da nosa identidade.

A perda da lingua entre a xente máis nova vai parella á perda da nosa cultura. Boa parte da rapazada non coñece cantigas populares. Moitos pais e nais descoñecen o rico folclore infantil que poderían compartir coas súas crianzas. Hai profesorado que ignora as cantigas e os xogos tradicionais.

E porén, contamos cun amplo repertorio recollido en antoloxías, en páxinas web, en cancioneiros, en arquivos, en discos ou en aplicacións. Hoxe, ademais, dispomos de ferramentas, tanto escritas como audiovisuais e dixitais, que facilitan a difusión da lírica popular.

dinamización do cancioneiro popular que dea pé a unha proposta interxeracional que, afastando prexuízos, popularice as melodías tradicionais que forman parte do noso patrimonio cultural.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents