Entrevista | Mercedes Peón Cantareira, tocadora e investigadora
«O franquismo erradicou toda centralidade das mulleres»
Confesa que se sentiu «coma sempre, leda de que se colocase o foco nas tocadoras marabillosas das nosas aldeas» cando tivo noticia de que o Día das Letras 2025 se ía dedicar ás cantareiras e á poesía popular oral galega. E quen con maior e mellor coñecemento, teórico e práctico, do fondo e poderoso contido desta dedicatoria que Mercedes Peón?

Mercedes Peón. / Maider Jiménez
–Na historia da música popular galega houbo (e hai) gaiteiras dabondo, do mesmo xeito que houbo (e hai) cantores e pandeireteiros. No entanto, se no eido dos gaiteiros, o protagonismo é dos homes, no das cantareiras, a referencia das mulleres é esmagante. Por que as mulleres foron, e son, apreciadas como as protagonistas case absolutas deste ámbito?
Este é un temazo que é moi difícil contestar en tan pouco tempo. Por unha banda, o franquismo erradicou toda centralidade das mulleres. As gaiteiras que recoñecemos son anteriores. Felisa de Bendilló era gaiteira no 1920 e era famosísima na súa zona; ou Áurea Rodríguez, que tamén foi famosa. Ambas están documentadas polos xornais da época. Áurea desapareceu en Venezuela, quero pensar que decidiu non volver pola situación que había en España. Tamén no 1967 apareceran as gaiteiras de Ribadeo que foran a primeira banda de gaitas de Galicia e España.
Na altura en que eu ía de recolleita, atopábame maioritariamente con gaiteiros, e neste senso hai que entender que na tradición de creación colectiva, as referencias femininas que nos encontramos eu e mais Fernando Martínez eran escasas, pero si sonadas: bailaban ao seu son. Hai que comprender que o que rodeaba todo isto é o franquismo, o patriarcado e a tecnoloxía reservada aos homes no imaxinario machista global. Agora, despois do explicado e sabendo que nas zonas de pandeireta eran mulleres as que tocaban en sororidade, complicidade, etc... e entendendo o que é o torreiro, temos que afirmar que, aínda con toda a presión do franquismo e con toda a presión do patriarcado global, eran elas as que transmitían e tocaban coa pandeireta na man.
–Ademais de intérprete, Vde. tamén é investigadora. Ata onde chegou nas súas pescudas para averigurar de cando, ou de onde, proceden estes ritmos ancestrais que soan moi galegos, si, pero que tamén son universais?
Sempre partín da idea de que Galicia ou as aldeas de calquera parte do mundo non precisan comparacións nin xustificacións fóra da súa propia creación colectiva. Repara en que as ribeiranas son unha soa nota rítmica nos tres primeiros compases, non pode ser máis primixenia. A min sempre me interesou o propio pola súa perfección intrínseca. Pero tamén é certo que o fluxo sanguíneo cando estamos no ventre das nosas nais vai a ritmo de 6/8 e que o dunha persoa adulta vai a ritmo de 3/4, polo tanto os ternarios. E así é, son universais no máis ancestral e primixenio de calquera parte do mundo.
–Sábese cal é a procedencia da pandeireta?
Non, pero eu diría que seguramente é de orixe galega.
–Somos pandeireteiras (Xerais) é o título dun libro, pero é tamén o nome dunha asociación da que Vde. é fundadora. Que é Somos Pandeireteiras e con que obxectivos naceu?
Hai catro anos, ao final do confinamento, pensando na falta de relación entre as persoas. Comecei a reflexionar que era unha mágoa non poder transmitir algo tan incrible e necesario como o transo en colectividade, a sororidade entre tocadoras, etc... A partir de aí, tras moitas reflexións, propúxose un encontro que se realizou a finais do 2021 e que tornou na formación da asociación Somos Pandeireteiras. Foi un labor complexo en colaboración coas asociacións Raigañas de Bergantiños, Rosalía de Castro de Padrón e Airiños de Fene, a través dunha subvención da Deputación da Coruña e a axuda inestimable de Natalia Balseiro. Durante un ano reunímonos online, fixemos accións didácticas e rematamos cun encontro en Carballo de Bergantiños, lugar do epicentro das tocadoras desa zona. A proposta era traballar arredor de catro mesas. Susana Sanchez Aríns, María Reimóndez, Ana Romaní e mais Andrea Nunes narraron o que alí aconteceu. O libro Somos Pandeireteiras foi feito polas nosas poetas, coa forza da palabra de todas, as narradoras e as 100 tocadoras que participaron, e Carme do Manso e Hermitas de Cambre de Bergantiños da nosa tradición oral. Selina Otero, tocadora e xornalista, transcribiu dun xeito esquisito a entrevista con todos os trazos dialectais de cada persoa. O libro ficou preparado en 2021 pero non atopamos quen nolo publicase ata a conxunción que se deu no 2025, co gallo da homenaxe da RAG. A partir de aí constituímos a asociación para seguir creando espazos de encontro onde as pandeireteiras son o centro e toman a palabra, pasan de ser obxecto de estudo a ser suxeitos que se proxectan como voces contemporáneas e de enunciación.
–Cales son as temáticas maás características das letras das cantareiras.
Todo é válido, e mais ten que ver cos contextos, coa xente que tes diante, coa compañeiriña coa que estás a tocar, co momento que estás a vivir, co contexto temporal...
–E que me di do humor, case sempre presente nestes versos populares?
Pois iso si que é creativo, as palabras non pesan, podes dicir o que queiras porque se está a facer dende a arte. Son linguaxes complexas con códigos que entendes e que che fan un corpo común, sen afastarte da túa individualidade máis radical que é a túa propia creatividade para o conxunto.
–Estamos no século XXI, ano 2025. A estas alturas, aínda é posible atopar pezas inéditas nos traballos de recolleita de vellas cantigas?
É que é algo que sempre estará vivo mentres as tocadoras esteamos aquí, por tanto a creatividade, a sororidade e outros xeitos de facer están protexidos por todas nós.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia