Na lingua, arde
Voltarmos á fonte limpa

Miniatura do Cancioneiro da Ajuda (fins do século XIII). / Arquivo
Carlos Callón
Aseveraba Gustav Mahler que a tradición non era a adoración da cinza, senón a preservación do lume. É unha disxuntiva, hoxe máis viva que nunca, entre quen só está disposto a ver a cultura tradicional como un fósil inútil para arquivar e quen valora a forza (estética, comunicativa, de ligazón social...) que ten para o mundo de hoxe. O Día das Letras Galegas de 2025 ofrece unha oportunidade para entendermos a relevancia da literatura tradicional galega e para a proxectarmos no mundo, mais é tamén un campo de loitas simbólicas entre quen quere museizala e quen aspira a gozala, plenamente viva. Un dos eixos dese litixio está na lingua que a singulariza.
Hai a quen lle parece unha peculiaridade discutíbel expresar algo tan obvio como que a literatura galega é aquela escrita en galego. Esa obxección débese máis a motivacións extraacadémicas: a dominación política e o secular –e antidemocrático– proceso de desgaleguización. No entanto, se procurarmos nos manuais de literatura española os nomes de Pondal, Otero Pedrayo ou Castelao, non os achamos; por moito afán que poñamos, non daremos encontrado tampouco a Hemingway, a pesar das grandes páxinas que escribiu situadas en España,
Ningún dos citados ten unha obra cativeira, mais non elaboraron en castelán os títulos que os farían entrar nese parnaso. Coa mesmiña lóxica, obras de autoría ou temática galega elaboradas noutra lingua non pertencen ao noso corpus. Cando falamos da literatura de tradición oral non muda este fondo. A oralidade é universal, si, mais exprésase sempre desde unha cultura concreta, e cando esa cultura foi historicamente desprezada e discriminada, importa aínda moito máis recoñecer a súa voz orixinal.
Non se pode máis que constatar que, desde que hai recolleitas da nosa literatural oral, o peso do castelán foi aumentando diacronicamente. Iso é así e debe ser estudado. Difícil outro resultado após tantos séculos de silenciamento do idioma propio e de varrido da nosa memoria histórica e artística. O que resulta, como mínimo, inxenuo é coidar que esa infiltración do español sexa unha mostra «xenuína» ou de «autenticidade», cando é resultado dunha secuencia violenta (non só simbolicamente) de inculcación do autoodio.
Por que persoas que falaban no seu día a día en galego foron abandonando certas palabras segundo a influencia do poder eclesiástico, civil e militar español? Por eufonía non foi. Por que persoas que relataban un conto en galego cando recitaban esa mesma historia coa forma de romance se ían para o mellor castelán que podían? A ficción non mudaba, só o espello de prestixio. Por que se pasou de que o galego fose tan importante nos cantos de Nadal que mesmo mestres de capela noutros lugares da Península elaboraron vilancicos de imitación de panxoliñas populares galegas nos chamados Séculos Escuros, até que a nosa fala foi arrasada dos seus ángulos máis solemnes nesta celebración?
Algo tivo que acontecer que explique esa mudanza... Por que aumentaron tanto as cantigas de namoro en castelán en Galiza, no mesmo reino que antes se distinguira en toda Europa pola súa lírica amatoria trobadoresca? O grande erudito Saco Arce xa nos advertía hai case século e medio de que moitos «cantos de índole erótica» que el escoitara en galego se estaban a pasar para o español.
A tradición oral tamén é historia, tamén muda, tamén sofre presión. Mais iso non nos debe paralizar. Ao contrario: podemos restaurar, con intelixencia e respecto, aquilo que a nosa memoria lingüística perdeu. Non para conxelar o pasado, senón para activar un presente máis noso. Voltarmos á fonte limpa non é nostalxia, senón reparación, ligazón afectiva con quen nos precedeu e proxección de futuro para esta cultura que nos sitúa. É, en fin, un acto de dignidade e de apoio auténtico á diversidade, dúas palabras que tanta falta lle fan hoxe ao mundo.
Escrito nos alentos
Mesmo con todas estas dificultades, a literatura tradicional recollida en Galiza tende de forma moi maioritaria ao monolingüismo na lingua propia e goza dunha riqueza marabillosa, que nos pode axudar a todas e a todos a mellorarmos o noso galego. Xa no século XVIII o padre Sarmiento (cuxa importancia merecería un recoñecemento en cada concello de Galiza), exclamaba que os cargos civís ou eclesiásticos que exercesen no noso reino deberían aprender galego a través das cantigas. O consello aínda é válido no 2025.
Un dos eixos da homenaxe neste Día das Letras é esa capacidade de resistencia da nosa lingua nun variadísimo repertorio artístico que poucas veces se trazaba nos papeis e que menos veces aínda chegaba ao prelo. Así é: o primeiro grande clásico da literatura galega escribiuse nos alentos e transmitiuse voando de boca en boca (en especial, entre mulleres), dun xeito maxicamente vello e eternamente novo. Sexa cal for a opinión que se teña sobre a cuestión da lingua na literatura tradicional, parece lóxico que as publicacións, conferencias, recitais e, en fin, todo acto ligado ao Día das Letras debe lembrar en primeiro lugar a súa razón de ser: promover a cultura na nosa lingua. Temos tanto que dicir nela!
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia