Celebrarnos nas Letras

Mulleres e literatura popular

Día das Letras Galegas 2025: cantareiras e poesía popular oral

Día das Letras Galegas 2025: cantareiras e poesía popular oral

María Lado

Entre as estudantes e os estudantes de Filoloxía Galega da miña quinta corría a chanza de que o que precisaba a literatura galega para despegar e interesar á maioría da sociedade, mesmo á que non era consumidora de cultura galega, era un pouco de salseo visible.

Publicacións de ruxe-ruxe, un Rosa Terra —como lle escoitei chamar unha vez á poeta Arancha Nogueira— contando, por exemplo, as promiscuidades dos grandes tótems da cultura patria. Está por ver que semellante sono etílico fose interesar a alguén, pero aí queda sementada a utopía, que traio a estas liñas porque nos fala do temor a estar esmorecendo como cultura.

Nesa liña, por veces atérrame pensar que as Letras Galegas acabará sendo a típica data agardada só polo feito de ser festivo. Un día pícnic, unha boa oferta de axencia de turismo. É unha idea derrotista, ligada á abafante perda de persoas galegofalantes e ao desinterese xeral pola cultura, realidade que transcende as nosas fronteiras e que converte o mal de moitas en consolo de parvas. Despois pásaseme e penso no gran esforzo que supuxo que tal día se celebrase por vez primeira e mesmo no fito que é que acabase institucionalizado.

Á Real Academia Galega pódenselle criticar moitas cousas, que deixaremos para prensa rosa galega cando a haxa, pero hai que recoñecerlle o acerto de dedicar as Letras Galegas a Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. Estas mulleres foron elixidas polo que fixeron e polo que representan. Con elas homenaxéase tamén a todas as mulleres que mantiveron viva a nosa lírica popular. Tendo en conta que somos unha cultura que durante séculos se conservou na oralidade, semellante cousa non é pouca. Grazas a cantareiras como elas -e tamén a quen se dedicou a recollelas-, esa tradición segue viva e hoxe toma corpo en novas formas. Porén, non é a quen as puxo nos libros a quen se festexa, senón ás propias protagonistas.

Este recoñecemento pon en valor a transmisión da cultura e tradición propias. Non só das cantigas, senón tamén dos contos, dos xogos e de todo ese saber que se mantivo pairando baixo a superficie pero que emerxeu timidamente cando rexurdiu a literatura escrita. Xa a propia Rosalía, en Cantares Gallegos, escribiu os seus versos partindo de coplas populares que sobreviviron en tempos nos que ese legado, que fala de quen somos, era visto como o atraso; algo que, xunto coa lingua, conviña deixar atrás.

Somos o pobo que somos porque non se deixou de cantar, tocar, bailar nin contar

Mais esta decisión fala tamén da academia como institución. A RAG, fundada en 1905, promoveu a creación do día das Letras en 1963. Dende aquela e ata a edición anterior, só 6 mulleres foron as elixidas para a homenaxe. Por non falar do número de académicas, unha cifra irrisoria mesmo a día de hoxe. De xeito que calquera pequena acción neste sentido adquire visos de movemento, como eses que só os cans notan antes dos tremores de terra. Doutra banda, é a primeira vez que se fixan na literatura popular para poñela ao nivel da literatura escrita, o cal é tamén significativo.

Somos o pobo que somos porque non se deixou de cantar, tocar, bailar nin contar. Xente que non asinaba libros mantivo aceso o lume dunha tradición que esmorecería se ninguén lle botase rachas. Que a Academia baixe a vista dos altares da literatura aos camiños do cotiá e empece a poñer as mulleres á fronte non é un xesto carente de importancia. Será que comezan a moverse lentamente e romper as placas tectónicas?

E se a alguén ofende que se poña en valor a literatura oral, esa que despois influíu en toda a escrita, ben pode esperar para rexoubar da vida disoluta dos poetas galegos dos 90 cando veña o Rosa Terra. Mentres tanto, celebrar a Adolfina, Rosa, Eva, Manuela, Prudencia e Asunción é celebrarnos a nós mesmas mentres cruzamos os dedos e agardamos pola fin do patriarcado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents