O galego que sabe ler a paisaxe

Das arquitecturas de Manuel Gallego Jorreto

Fachada do Museo de Arte Sacro (A Coruña).

Fachada do Museo de Arte Sacro (A Coruña).

Lois Alcayde Dans

«Gústame moito observar como o Home, ao longo da Historia, creou formas que xurdiron de necesidades espirituais, físicas e prácticas. Nada é gratuíto. Interésame coñecer cales son os elementos que causan esa forma no espazo territorial da arquitectura». Son palabras de Manuel Gallego Jorreto nunha entrevista con J. Adrião e R. Gonçalves na revista D.A, recollidas polo arquitecto no seu libro De lo local en un mundo global. A persoa modula a paisaxe, non a crea de todo, iso sería imposible, pero si pode ler as súas formas, intentar adaptala ao seu xeito e diso construír un algo habitable. Penso que poucas persoas modularon tanto o espírito da nosa paisaxe urbana como o mestre de arquitectos Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936).

Formado baixo a tutela de Alejandro de la Sota, afamado arquitecto pontevedrés, Gallego sería un dos participantes na concepción da casa Varela, na saída de Madrid, un artificio de sinxeleza, beleza e honestidade dos materiais que tamén formará parte do percurso do daquela alumno, hoxe referente. Non é algo que lle goste escoitar, xa que llo impide a humildade, a mesma coa que ensina a súa fermosa casa no Carballo, en Oleiros, unha nave onde o seu interior foise recheando de acordo á luz, á necesidade e a esperanza de medre. Unha das cousas que máis me fascina deste profesional é o seu quefacer de artesán, incansable na súa mocidade de mente e espírito que o leva a cuestionarse constantemente o que está a facer para acertar na solución máis racional, tamén, ao seu xeito, poética.

O xeito da ollada persoal de Gallego Jorreto tamén delimita a nosa propia. Así, este traballador dos materiais foi responsable de moitos dos edificios que constitúen a mirada de Galicia para si mesma nos últimos 50 anos, a saber, a reforma de San Caetano como sede da Xunta e a residencia do presidente da Xunta, en Montepío; o Museo de Belas Artes da Coruña e a rehabilitación do teatro Rosalía de Castro, na mesma cidade; o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela; a delegación da Xunta en Pontevedra e proxectos de maior ou menor escala que, dende o público e o privado, fan de Galicia un lugar sementado tamén de apertura e beleza nas súas formas construtivas e na inspiración deste arquitecto dentro da sensibilidade contemporánea.

A lonxitude destas páxinas non me permite abordar un por un os exemplos mencionados, cousa que non deixará de ser un intento dosificado no futuro, pero si quería abrir esta vía para falar de Gallego Jorreto cun edificio sito no norte, na Coruña, exemplo de como as formas dunha cidade, cando son ben entendidas na escala, son ben recibidas pola propia poboación e comeza a formar parte desa sinfonía de pedras, olores, flores, metais e cristais que entretecen o panelado urbano.

Museo de Arte Sacro

O Museo de Arte Sacro da Coruña foi un encargo da Colexiata de Santa María, templo erixido case no cumio do outeiro que coroa a cidade vella herculina. Inaugurado no ano 1990, ten como misión acoller o tesouro de pratería desta igrexa e, polo tanto, unha parte da historia relixiosa da cidade. Non é dos proxectos máis coñecidos de Gallego Jorreto, pero penso que é dos máis reveladores sobre a súa visión.

Chámame a atención a súa fachada, cuxo concepto nace das vivendas de orixe case medieval que o rodean, outras xa feitas no século XVIII. Unha cruz central na fachada serve como elemento divisorio da mesma e como escusa para a luz, xa que a través desta se insire no pequeno espazo, «un cofre», como di o propio Gallego Jorreto, e se deitan os raios de sol sobre as pezas de prata, colocadas con xeito sobre un espazo interior que nos relembra unha cámara íntima, co mesmo mimo co que o arquitecto abordou a restauración da fachada do Templo de Santalla de Bóveda.

É neste miúdo espazo do museo de Arte Sacro no que o protagonismo, como en moitas obras de Gallego Jorreto, recae na escaleira e como a escaleira dá acceso aos espazos, cousa que tamén ocorre no Museo das Peregrinacións compostelán ou no de Belas Artes, cunha das escadas máis fermosas que endexamais vin en Galicia. O museo de Arte Sacro, en fin, é unha delicadeza, un tesouro de seu de cobertura branca e gris, como o ceo deste norte no mapa, xa que, sen encesidade de ser unha copia en cartón pedra da arquitectura tradicional que o rodea, recolle a herdanza desta para resultar nun poderoso enxeño de escala e amabilidade ao transeúnte, de cruz iluminada e sensibilidade espiritual nunha das prazas máis fermosas da Coruña.

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto. / .

Escalas para o divino

Gallego Jorreto, dentro do proxecto para Belas Artes, na cidade da Coruña, tamén demostrou esa sensibilidade natural para relacionar o espazo de hoxe co espazo de onte, mesmo tratándose dun tema sacro. Así, no interior do espazo museístico, logrou integrar unha das fachadas do antigo convento das Capuchinas, situándoa nun lugar destacado e protexido por unha columnata interior. Esta columnata non só cumpre unha función estética, senón que tamén organiza e distribúe os espazos de servizo do museo, como poden ser o gardarroupa ou a cafetería, proporcionando continuidade espacial e funcionalidade ao conxunto.

O proxecto de construción do novo edificio valeulle a Gallego Jorreto o recoñecemento do Premio Nacional de Arquitectura no ano 1997. Pola súa parte, a intervención na zona do convento fora realizada anteriormente, no ano 1986, polo arquitecto Andrés Fernández Albalat Lois, quen se encargara daquela fase vinculada á parte capuchina. Cómpre sinalar que ambas as actuacións estiveron marcadas por certa polémica, xa que na mentalidade cidadá non sempre se asumen con facilidade os cambios ou intervencións dentro de espazos xa consolidados, especialmente cando estes forman parte da memoria colectiva e do patrimonio urbano asentado ao longo do tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents