O labirinto bizantino
Nos eidos do Basileus Isapóstolos

Mosaico coas figuras do emperador Xustiniano e da emperatriz Teodora.
Cando damos unha ollada á historia de Europa na súa globalidade, temos unha nebulosa de mil anos sobre unha boa parte do continente: Bizancio. Se somos herdeiros de Roma, acontece, porén que do Imperio Romano oriental que Constantino fundou apenas axeitamos un vago coñecemento. Ignorancia aumentada por dúas circunstancias: a cultura grega do Imperio Bizantino e mais a separación entre as igrexas de Roma e de Constantinopla desde o século XI.
Resumir esa complexidade de mil anos e dar luz ás sombras desa ignorancia ancestral non é doado. No entanto, John Julius Norwich foi capaz de facelo en Bizancio. Declive y caída (Ático de los Libros). Este historiador inglés era consciente da complexidade da empresa non só polo volume da tarefa como polas propias circunstancias do Imperio Romano oriental verbo da súa forma de goberno e das implicacións que tiña a súa organización relixiosa.
Neste senso, Bizancio foi moito máis dado á especulación teolóxica que Roma, o cal dificultaba unha evolución da doutrina cara á simplificación e a reforma. Doutra banda, no plano histórico e político, a continuidade dos sucesivos basileus ao longo de mil anos –coas súas diversas familias e dinastías: os Comneno e os Paleólogo, especialmente- é unha proba para calquera comprensión humana. Unha continuidade só rachada polo período do exilio imperial, cando o trono de Constantinopla foi ocupado por príncipes occidentais no século XIII durante cincuenta anos.
Con todo, Bizancio gozou e padeceu dunha condición estática que contrastaba –malia a ruptura que os pobos xermánicos causaron nos dominios occidentais de Roma- coa evolución desde o feudalismo ata a aparición das primeiras burguesías comerciais. Tal quietismo fíxose evidente co limitado desenvolvemento como potencia marítima, papel que ocuparon os escandinavos primeiro, e Venecia, Xénova e Aragón despois. De feito, a expansión árabe polo norte de África ata a península Ibérica explícase pola rivalidade por controlar o comercio mediterráneo.
Un quietismo, o bizantino, que levou a que progresivamente fose perdendo as terras que non foran ocupadas polas invasións xermánicas. Incluso cando os cruzados conquistaron o trono de Constantinopla coa coartada de liberar Terra Santa, expandiron o seu dominio político e comercial polo Mediterráneo oriental. E por medio, as rivalidades entre as emerxentes potencias cristiás –incluído o papado de Roma- para dominar a zona, especialmente o sur da península italiana e Sicilia: normandos, alemáns, franceses, cataláns.
E se ben Bizancio conseguiu evitar a expansión árabe, tivo que aturar a chegada de mongois e de turcos, que pasaron a dominar o comercio que chegaba de Oriente pola Ruta da Seda. Un continuo de loitas, pactos e concesións que fixeron que as potencias marítimas europeas, primeiro, e os turcos, despois, fosen ocupando posicións de maneira que o imperio quedou reducido a Constantinopla, na zona europea, mentres que na banda asiática (Gálata e tras ela, Anatolia) eran a base do futuro imperio otomán.
Guerras e alianzas cuns e con outros que desembocaron na batalla final, cando en 1453 o sultán Mehmed II deu o golpe de gracia definitivo, ante a impotencia ou o desinterese dos reinos occidentais. Un feito que Norwich describe con precisión. A caída de Constantinopla marcou o final definitivo da Idade Media europea e a emerxencia dunha nova visión do mundo.
Se temos que sinalar a herdanza que Bizancio nos deixou, cabería sinalar a súa arte, froito dun corpo romano, unha mente grega e un espírito oriental. O único rastro do imperio é o patriarcado ecuménico ortodoxo, que segue a residir en Istambul. E se alguén colleu a idea imperial en unión con Deus, esa foi Rusia, coa súa aguia bicéfala, desde os tempos de Iván o Terrible ata os nosos días.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Un grupo de 45 afectados demandará a una tienda de Vigo de productos veganos
- Identificado el autor del molesto pitido nocturno que altera el sueño de los vecinos de Aragón y Travesía de Vigo