'Ghost World' e 'Guerra en Gaza'

Dúas novas entregas de BD entre nós

Viñeta de 'Ghost World'.

Viñeta de 'Ghost World'. / Rinoceronte Editora

Raquel López

Rinoceronte Editora é unha editorial nada en 2005 en Cangas e creada polos tradutores e editores Moisés R. Barcia e Penélope Pedreira. Xunto coa tamén editora Anxa Correa, que se uniu posteriormente ao proxecto, esta pequena grande editorial traduciu, e traduce, ao galego dende grandes clásicos universais a novelas en linguas minoritarias, pasando por unha ampia e coidada colección de novela gráfica. Nela podemos atopar unha boa curadoría dos títulos imprescindibles para amantes da banda deseñada, rótulos coma como Maus (Art Spiegelman), Persépolis (Marjane Satrapi), Contrato con Deus (Will Eisner), Gorazade, zona segura (Joe Sacco), Pyongyang (Guy Delisle) ou Fun Home (Alison Bechdel).

Daquela, dende marzo tamén atopamos Ghost World, unha relectura deliciosa para as nostálxicas na moi natural tradución de Estela Villar Nogueira e un gran descubrimento para quen aínda non a lera.Ghost World é unha novela gráfica guionizada e debuxada por Daniel Clowes (Chicago, 1961), publicada entre 1993 e 1997 na revista Eightball da editorial Fantagraphics e posteriormente recompilada nun único volume. Está considerada unha das obras fundamentais do cómic alternativo estadounidense e é un referente da comedia cotiá contemporánea.

As protagonistas, Enid e Rebecca, son dúas adolescentes bastante cínicas e inadaptadas que acabaron o instituto e que enfrontan o comezo da vida adulta, con todo o que iso conleva: baleiro existencial, confusión identitaria e a presión de atopar un sitio nunha sociedade que desprezan. O cómic constrúese a través dos seus diálogos e contraposición de personalidades: Enid, provocadora, impulsiva e verborreica; Rebecca, descrida e introvertida. Coas súas conversacións van construíndo un mundo cheo de pequenas tensións emocionais e ambigüidade amizosa no que a súa relación evoluciona entre a complicidade e mais a envexa.

Graficamente, o estilo empregado por Clowes é limpo e simple, moi expresivo nos retratos, con predominancia dun azul verdoso que reforza o ton melancólico da obra. Como moitas obras gráficas e audiovisuais da década dos 90, a acción sitúase nun barrio anódino, aburrido e gris, localización perfecta para retratar o estado mental dunha mocidade desencantada e inapetente, vulnerable e irónica, cun rexeitamento patolóxico ao que consideran conformismo pero, ao mesmo tempo, cun gran bloqueo que se converte en inamobilismo. En fin, unha obra que explora a alienación xuvenil e mais as implicacións de medrar cun humor acedo e unha sensibilidade sutil.

Viñeta de 'Guerra en Gaza'. Rinoceronte Editora

Viñeta de 'Guerra en Gaza'. / Rinoceronte Editora

Guerra en Gaza completa a colección, cunha tradución de Clara Barcia desta volta. Nesta novela gráfica, o xornalista e debuxante Joe Sacco (un xa coñecido no catálogo da editorial) continúa expoñendo a situación palestina e o terror do xenocidio. Tras as súas crónicas sobre o tema Palestina (1993) e Notas a pé de Gaza (2010), nesta poderosa obra Sacco segue examinando o conflito cunha mirada humana e comprometida e, sobre todo, moi crítica con todos os cómplices de Israel, encabezados polo goberno de Estados Unidos e a xestión de Joe Biden (o cómic é pre-era Trump).

O autor, coñecido polo seu estilo documental e o seu grafismo cru e detallado en branco e negro, combina rigor xornalístico cunha sensibilidade artística que impacta emocionalmente, logrando novamente un testemuño incómodo pero necesario que sitúa a banda deseñada como un medio óptimo para exercer o xornalismo de denuncia.

Unha obra publicada nunha época na que os dereitos humanos parecen desdebuxarse por momentos e na que un xenocidio esvaece o suficiente mediáticamente ata parecer irrelevante. Imprescindible.

A brigada iridiscente

Novidades tamén para as lectoras e lectores máis pequenos. O grupo de amigos creado pola ilustradora e guionista ourensá Elena Andrés, á que tivemos o pracer de coñecer hai un par de anos na mesma editorial Galaxia, grazas a O labirinto dos inchables, reaparece cunha nova e aloucada aventura. Neste volume, só apto para as e os máis valentes, Elena Andrés ofrece unha nova ocasión para acompañar a Vale, Eloi, Gael, Cristian, Nina e Paulo.

En O pantasma do vestiario das rapazas, a Brigada Iridiscente comeza con ilusión o novo curso. Xa están en sexto de primaria. Todo parece ir ben o primeiro día de clase, pero… pode ser certa a lenda que rolda a escola? Sen dúbida, algo raro está a pasar: portas que se pechan soas, luces que se prenden e se apagan, obxectos que rompen… Un misterio que leva o nome da Brigada Iridiscente. Unha banda deseñada creada para e enfocada ao público infantil; 68 páxinas cheas de emoción, bo humor e compañeirismo que desfrutarán dende o comezo ata o fin.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents