Entrevista | Antón Vidal Andión Presidente do Consello de Administración de Galaxia

«O segredo de Galaxia radica en manter a súa idea de Galicia»

Aínda que non adoita frecuentar os medios de comunicación, Antón Vidal Andión accedeu desta vez conversar con FARO DA CULTURA co gallo da conmemoración dos 75 anos de traxetoria da editorial, un proxecto ao que está vinculado e comprometido dende a súa mocidade

Antón Vidal Andión.

Antón Vidal Andión. / Eli Regueira

–Será (tamén) polos fastos do 75 aniversario, pero o caso é que Galaxia está a demostrar unha grande vitalidade e dinamismo. Pasa, quizais, a editorial por un dos mellores momentos da súa historia?

Polo que se refire a estar presente nos medios de comunicación e na percepción da sociedade galega, si é certo que, canto á literatura, se está a producir un cambio excepcional: nunca houbo tanta xente escribindo en Galicia (co engadido de que unha porcentaxe moi alta son mulleres), e neste marco Galaxia está a responder editando arredor de 120 libros cada ano, que non é pouca cousa, nomeadamente se consideramos que o mercado do libro galego ten as súas limitacións cuantitativas en canto ao abano dos seus potenciais lectores. Dende logo, para min, en xeral, a lingua galega non está a pasar por un mal momento literario. É máis: eu ata diría que estamos a vivir un momento moi álxido e, alén diso, protagonizado maioritariamente por escritores e escritoras, e lectoras e lectores, moi novos.

–Cál é o segredo da vitalidade e da propia supervivencia de Galaxia despois de transcorridos 75 anos?

Eu adoito dicir que o de Galaxia é un auténtico milagre, e xa dende os seu nacemento, porque xurdiu en momentos especialmente complicados, en plena ditadura. Dende aquela ata agora, Galaxia guiouse por unha idea básica, unha idea de Galicia que chega ata hoxe e faino mantendo a súa transversalidade cultural, política e até ideolóxica, ao xeito do que fixo no seu xermolo o propio Partido Galeguista, que foi considerar Galicia un feito diferencial dentro do resto de España, e Galaxia, a fin de contas, é unha creación do PG na clandestinidade. E logo, claro está, hai que subliñar o grande sacrificio e entrega absoluta de todos os que participaron naquel proxeto que se puxo en marcha hai 75 anos en que se converteu no proxecto cultural máis continuado que se fixo en toda a historia de Galicia, e iso non é unha opinión, eu penso que é a verdade.

–Os críticos con Vdes. din que Galaxia é un poder fáctico dentro da cultura galega e incluso chegan a afirmar que non se pode ser, por exemplo, presidente da Real Academia Galega sen o parabén de Galaxia…

É certo que nos anos 50 do século pasado Galaxia foi quen deu o pulo definitivo ao relanzamento da RAG, e consecuente, ou consecutivamente, a maioría dos seus presidentes naqueles anos estaban relacionados, editorial ou organicamente con Galaxia. Porén xa a partir da década dos 60 houbo presidentes que non pertenecían á órbita de Galaxia.

–Lémbrolle que Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes ou mesmo o recentemente elixido Henrique Montegaudo, si están na órbita de Galaxia.–

É que son moitos os autores galegos que adoitan publicar as súas obras en Galaxia! Pero iso non quere dicir que sexamos un poder fáctico. Eu, dende logo, non me sinto como tal. De feito, a min non me coñece cáseque ninguén fóra don mundo editorial e, coma min, a maioría dos conselleiros de Galaxia: todos temos, mediaticamente falando, un perfil máis ben discreto.

–Os informes din que a xente moza cada vez fala e le menos en galego. Se isto fose certo, que habería que facer para reverter esta situación?

Eu o que vexo é que Galicia nunca tivo unha mocidade tan educada en galego, pero non debemos negar a realidade, e a realidade di que os mozos cada vez len menos en galego. Que pensamos nós, ou que penso eu, disto? Pois eu creo que a estratexia política do espallamento e enraizamento no uso do galego debería residir na Política con maiúsculas, e hai moitos políticos, e persoas, personaxes e autoridades que utilizan o galego soamente como un idioma ritual cando, ao meu xuízo, o galego non só debe reservarse para estar presente nos actos rituais, senón, e por enriba de todo, na realidade cotiá. E para conseguilo, coido que hai que facer esa Política con maiúsculas á que eu me refiro, e quen ten que aplicar esa Política deberá facelo non só en termos teóricos, senón, e sobre todo, na praxis. É dicir, que ten que ter un fondo compromiso coa causa da lingua galega, algo que nestes tempos non acaba de palpar o cidadán común. Recoñecido iso, a nosa obriga é buscar trasladarmos o agarimo que temos pola nosa língua ás novas xeracións.

–Cales resultan ser os máis importantes retos e desafíos que ten que afrontar Galaxia nos vindeiros anos?

Os retos e desafíos de Galaxia son os mesmos de calquera outra empresa ou institución. Isto é, os de procurar ubicarse na sociedade que nos tocou vivir, estar ao día nos conceptos de modernidade ou nos tecnolóxicos…e niso andamos, adaptándonos pouco a pouco. Nese senso, a verdade é que eu non vexo un futuro especialmente complicado para Galaxia. O que debemos facer é sermos quen de saber conectar coas persoas máis novas para que tomen o relevo da «idea de Galicia», ese concepto do que che falaba, e niso temos moita fortuna, porque o «universo Galaxia» tamén inclúe una serie de Fundacións (Isla Couto, Penzol, Otero Pedrayo… mesmo a revista Grial) nas que xa se está a producir este relevo xeracional. De maneira que non temos dúbida da continuidade do proxecto Galaxia malia todas as dificultades e os problemas que, como é lóxico, xurdiron, xorden e de seguro que continuarán xurdindo no decurso dos tempos futuros.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents