Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Máis grande que o Ritz»

100 candeas para Gatsby

Leonardo DiCaprio como Jay Gatsby  (Baz Luhrmann, 2013).

Leonardo DiCaprio como Jay Gatsby (Baz Luhrmann, 2013).

Iago Fernández

Conmemoremos o aniversario da publicación d’ O Gran Gatsby, de F. Scott Fitzgerald, lembrando que supuxo un fracaso de vendas e que, cinco anos despois, coa chegada da Gran Depresión, ficou soterrada. Nese mesmo punto é cando Fitzgerald comeza unha viaxe sen retorno: débedas, alcoholismo, bucles neuróticos, problemas coa súa muller, Zelda, a quen lle diagnostican esquizofrenia… En contraste co elegante mozo que, uns cantos anos atrás, publicara A este lado do paraíso e tocara o ceo da fama coa xema dos dedos, produce mágoa.

Moi consciente desta travesía sen retorno, en 1936, escribe para a revista Esquire un ensaio titulado «O colapso», onde figura unha das súas máximas máis célebres: «Toda vida é un proceso de derrubamento». De aí en diante, perdura encaixado na sona que lle reportaron as súas primeiras novelas, ata que, en 1940, con 44 anos, morre completamente esquecido.

Se agora estamos a conmemorar o centenario dunha obra que, no seu momento, pasou desapercibida, débese á revitalización que experimentou a cultura estadounidense con posterioridade á Segunda Guerra Mundial, cando o eixo artístico de Occidente se despraza definitivamente de París a Nova York. Neste novo contexto, promóvese a xestación de estéticas autóctonas que reforzan a identidade nacional e certifican os Estados Unidos coma principal Imperio cultural do mundo. Grazas á insistencia dunha serie de intelectuais (Wilson, Trilling, Meziner…), Fitzgerald comeza a considerarse un agudo crítico dun dos principais mitos nacionais, o do Soño Americano, e O Gran Gatsby non tarda en aparecer nos programas de lectura das escolas de secundaria.

Agora ben, en termos literarios, este cambio de capitalidade cultural non abonda para que esteamos a conmemorar os cen anos de ningunha novela. Doutro xeito, tanto faría dedicarlle este artigo a, poñamos por caso, Unha traxedia americana, de Theodor Dreiser, tamén publicada en 1925 e canonizada logo de 1945. A Literatura aínda conta cos privilexios dun microestado e, coma no seu día o Couto Mixto, obedece aos seus propios rangos conmemorativos.

Segundo Harold Bloom, o crítico e teórico máis notable da segunda metade do s. XX, o motivo fundamental da supervivencia literaria de Fitzgerald reside no propio Gatsby. É dicir, no personaxe e na súa forza simbólica. En síntese, Gatsby é o fillo dunha familia humilde que, coa finalidade de recuperar o amor dunha moza rica, Daisy, se converte nun misterioso magnate. No que se coñece coma home-feito-a-si-mesmo. Emporiso, non encarna un exemplo de superación persoal nin as bondades do libre mercado. Daisy é parva, frívola e tan egoísta coma case todos os ricos da historia; Gatsby idealízaa ata límites insospeitados, alicerza a súa vida nun rastro de fume e, finalmente, remata esnaquizado polas circunstancias. O que encarna é, máis ben, un complexo autoengano.

A maioría dos críticos louvarían o estilo de Fitzgerald, cheo de caracterizacións poéticas, ou o encaixe da trama, un marabilloso mecanismo suízo. Asuntos de taller literario que, sexa como sexa, non explican o arraigo cultural da novela. Só Bloom arrisca a dicir que Gatsby, en realidade, é unha parodia da idea da autoconfianza de Ralph Waldo Emerson, un dos fundadores, xunto con Thoreau, Whitman e Melville, das letras e o espírito norteamericano contemporáneos.

A autoconfianza emersoniana consiste en algo así coma a procura da realización persoal mediante a autoafirmación individualista, e comporta que a fidelidade a un mesmo equivale á fidelidade a unha sorte de magma divino. Téndoo en consideración, ben poderiamos dicir que Gatsby, ademais dunha parodia encuberta, é unha verdadeira bomba lapa suxeita ao chasis do Soño Americano. Acto seguido, o único que nos quedaría por facer sería encher os pulmóns, lembrar ao pobre Fitz e soprar as candeas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents