Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Poesía, estética e heterodoxia

Dragón: revisitando José Ángel Valente

Caricatura de José Ángel Valente (1929-2000).

Caricatura de José Ángel Valente (1929-2000). / Pablo García

Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Así como Marcelino Menéndez y Pelayo escribiu Historia de los heterodoxos españoles (1880-1882) sobre as discrepancias verbo da doutrina oficial da Igrexa, alguén terá que abordar a análise daqueles que en Galicia escaparon do canon vixente. Ou non foron tidos en conta cando, desde as diversas instancias académicas e oficiais, quedaron esquecidos. E isto vai tanto pola súa relación co discurso galeguista establecido como, en paralelo, polo emprego que do galego e do castelán fixeron en tanto que lingua literaria.

Agora temos ocasión de profundar na poética de José Ángel Valente (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000) grazas a Dragón (Autófagas, 2024), de José Manuel Bouzas, presentado o pasado 14 de febreiro na Universidade Santiago de Compostela. Escultor, gravador e pintor, o tamén ourensán Bouzas aborda as relacións literarias e temáticas que Valente mantivo ao longo dos seus anos, sen esquecer a lembranza do seu Ourense natal (para o poeta, o «lugar») malia o tempo que estivo fóra de España.

O proxecto de Dragón comezou, segundo confesa José Manuel Bouzas, cunha conversa inacabada que tivo co poeta cando este, en 1990, foi a Ourense depositar as cinzas do seu fillo Antonio. Despois dunha conferencia no Liceo Recreo Orensano, cunha asistencia cativa e unha rechamante ausencia de xente moza, Bouzas falou con Valente dos materiais da súa poética: alquimia, cábala, mística e, desde o motor da palabra, o exercicio de saber gardar silencio. Oito anos despois, Bouzas retomou a conversa cando Valente viaxou a Ourense para defender a integridade do cemiterio de San Francisco, ameazado pola especulación.

Bouzas (que se autoedita) organizou o seu estudo desde a heterodoxia gráfica tanto na puntuación de signos como, moi especialmente, no aparato de notas. Este non só indica os datos bibliográficos e circunstancias do texto principal senón que actúa a maneira de discurso subterráneo en paralelo. Un recurso que lle permite entrar en detalles da historia de libros, exposicións e sucesos diversos da súa historia, aparentemente pequena pero necesaria.

Bebeu Valente, por circunstancias familiares, da biblioteca de Basilio Álvarez, o dirixente de Acción Galega e fundador do xornal La Zarpa, que resultaba incómodo tanto para a xerarquía eclesiástica como aos propietarios de terras (incluídos insignes galeguistas). Tivo a amizade con discrepantes galegos como Eugenio F. Granell ou Armando Fernández Mazas, ambos militantes do POUM. Tamén con Antón Risco cuxo pai, Vicente Risco, xa en 1952 lle dedicara un artigo na prensa; cando gañou o premio Adonais dous anos despois, presentouno en Ourense. Unha relación de estima malia tantas e tantas diferenzas (desde cadansúa heterodoxia) que non foron atranco para que, dezanove anos despois da morte de Risco, Valente lle dedicase á súa vez Sete cantigas de Alén (1982), as poesías que escribiu en galego.

Ausente de España por un exilio voluntario en previsión de futuras asfixias, José Ángel Valente tivo especial relación con intelectuais cubanos, tanto residentes na illa como expatriados, un colectivo que evidentemente nunca foi homoxéneo. Desde as simpatías iniciais con Cuba, Valente tivo que aturar diversas contradicións entre artistas de esquerdas que simpatizaban con Fidel, cos anticastristas non anticomunistas e outros castigados por razóns ideolóxicas ou de orientación sexual. Incluso desde o ámbito da crítica galega, houbo quen –a maneira de comisario político- excluiu a poema de José Ángel Valente («Tiempo del héroe») dos poetas galegos que participaron na antoloxía Poemas al Ché (1969).

Finalmente, Valente cultivou el mesmo a heterodoxia cando desde o agnosticismo admiraba a mística ou cando polo seu interese polo esoterismo a partir de Réné Guénon, vindicaba a figura do coruñés Gérard Encause «Papus».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents