Unha Galicia «alternativa»
'Ollos de vidro': a Historia noutra perspectiva

Vista da exposición «Ollos de vidro», no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. / Jesús Prieto
Judith R. Iglesias
Alén dos feitos e documentos que testemuñan o paso do tempo, a historia constrúe centos de relatos arredor dun mesmo acontecer. Trátase dun xogo de perspectivas, como en O ollo de vidro (1922) de Castelao. Naquel conto, unha curiosa prótese ocular de cristal permitía a vivos e mortos cruzaren as súas miradas, nun eterno diálogo entre o visible e o invisible. Agora, a exposición Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia percorre 150 anos de lembranzas coa polifonía propia das voces que narran o atemporal.
«Unha cousa son os feitos, pero como se recordan... aí sempre hai un elemento cultural», afirma Germán Labrador, comisario da mostra que poderemos visitar ata o vindeiro 25 de maio no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). «Os ollos de vidro fálannos da posibilidade de recoñecer no ausente a nosa propia estrañeza», e preto de 300 pezas de case 100 artistas, colectivos e prestatarios configuran unha «constelación de materiais, olladas e perspectivas». É dicir, o relato dunha historia alternativa.

Vista da exposición «Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia» / Jesús Prieto
«Non é que sexa menos verdadeira», explica o profesor e investigador nunha conversa co FARO DA CULTURA. «Está contada desde outro sitio, con outras técnicas de reconstrución da memoria». Para que isto sexa posible, precisa dunha nova linguaxe: as prácticas artísticas e culturais capaces de daren forma ao intanxible e abrir o camiño da imaxinación histórica. O obxectivo é, nas súas palabras, «encher a exposición de distintos ‘ollos de vidro’ que nos obriguen a recoñecernos naquilo que non coñecemos de nós mesmos».
O discurso expositivo comeza coa construción transatlántica do capitalismo galego durante o século XIX, para despois dirixirse ao legado da experiencia republicana e o seu innegable papel no impulso do proxecto galeguista. Posteriormente, a Guerra Civil, o franquismo e mais os experimentos contraculturais dos anos 70 pechan a mostra, da que se desprende unha continua reflexión crítica sobre a situación actual de Galicia. Neste contexto, a paisaxe xoga un papel fundamental, como símbolo identitario e tamén como escenario de loitas sociais, incertezas e promesas dun porvir mellor.

Unha das obras que se pode ver na exposición / Jesús Prieto
Os obxectos tradicionais converxen coas artes de vangarda, son dous mundos interconectados nun eterno presente. «A arte moderna acode ao popular para extraer un valor que por si mesma non ten», explica Labrador. «E o popular, dalgún xeito, coas súas formas é capaz de nomear o que está pasando en cada momento». Contar o futuro a través do pasado e atopar solucións no recordo é unha premisa fundamental. «Hai algo na cultura popular que ten que ver co retorno, a recuperación, o diálogo co que non está e cunha sorte de carácter cíclico... Hai algo nesta lóxica que é moi importante hoxe en día para afrontar os retos da nosa época», conclúe en relación á crise ecolóxica e sucesos actuais como as loitas contra o proxecto Altri en Galicia.
Ao longo da exposición, podemos atopar unha das máscaras de peliqueiros realizadas por Celso Otero Domínguez, quen «mesturou os coñecementos da arte moderna co universo do entroido de Laza». Trátase dunha peza «moi importante porque fala dese diálogo entre a tecnoloxía e a tradición, que está tamén na idea do ‘ollo de vidro’ de Castelao». Ante a pregunta de se é posible contar unha historia alternativa de Galicia, a mostra tece os fíos para reflexionar sobre a memoria colectiva e contemplar o pasado desde un prisma diferente, sempre cunha relación íntima e artesanal co folclore tradicional galego.
Deste xeito, as obras dialogan entre si nun contexto polifónico, que recolle as formas tradicionais inmersas nunha sociedade liberal, globalizada e dixital. «Se queres contar unha historia democrática, necesitas incorporar moitas voces», afirma o comisario. Por iso, cunha vontade allea á de crear un discurso pechado, a narrativa amosa continuas relecturas; unha visión aberta sobre a nosa relación coa natureza, o medioambiente e, moi especialmente, co tempo.
Símbolo de identidade, espazo de conflito
A relación de Galicia coa súa paisaxe é algo atemporal. Son dous conceptos inseparables na memoria colectiva, polo que entender o entorno é imprescindible para coñecer a historia. «Esa paisaxe galega, feliz, virxinal, que podía verse nas imaxes republicanas dos anos 30, xa non existe», comenta Germán Labrador. «O que hai é un contexto contaminado, desestruturado e mal urbanizado».
Con todo, respírase un candor de esperanza. «Hai unha aprendizaxe para volver ver a beleza que aínda queda neste mundo e loitar para melloralo», prosegue coa lembranza da paisaxe periférica de Juan Rivas ou as ruínas paisaxísticas que propón Antonio Nodar ao longo da mostra. «Falamos dun lugar de crítica ecoloxista, de conciencia; e, no caso de Galicia, a paisaxe é o principal símbolo de identidade, pero entendida como un espazo dinámico e de conflito».
Arte e realidade converxen así na creativa imaxinación da lembranza cultural como unha constante na mostra que, acompañada de visitas guiadas e actividades, vai na procura dunha historia alternativa de Galicia e as súas paisaxes.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio