Os escritos do señor presidente

Da vida e da obra de Teófilo Braga

Teófilo Braga traballando no seu escritorio.

Teófilo Braga traballando no seu escritorio. / Arquivo

Joaquim Teófilo Fernandes Braga —cuxa vida e obra encarnan a fusión da paixón literaria e mais o compromiso cívico— foi unha figura central na cultura e a política de Portugal. Nacido o 24 de febreiro de 1843 en Ponta Delgada, na illa de São Miguel (Azores), desde moi novo mostrou un vivo interese polo saber, a literatura e as ideas que marcarían o seu futuro.

Medrou Braga na terra nativa azoriana, onde alicerzaron as primeiras bases do seu carácter e mais a súa inclinación polo pensamento crítico. Posteriormente, trasladouse á península para continuar os seus estudos de Dereito na Universidade de Coímbra, onde se formou cun curriculum brillante. Durante o seu tempo universitario, involucrouse en movementos estudantís que avogaban por reformas políticas e sociais en Portugal.

Axiña converteuse en fervente defensor da república e dos dereitos civís, influenciado polas ideas do liberalismo e o socialismo que estaban en auxe en Europa nese momento. Braga está considerado un dos principais divulgadores e defensores do positivismo en Portugal. Cando rematou os estudos, doutorouse o 26 de xullo de 1868 cunha tese titulada «História do Direito Português: Os Forais». Ese mesmo ano trasládase a Lisboa dando inicio a súa actividade como avogado.

A súa carreira como escritor comezara anos antes sendo estudante, cando empezou a publicar ensaios e artigos en diversas revistas e xornais. A súa obra abarcou unha ampla gama de temas, desde a historia de Portugal ata a crítica literaria. Braga era coñecido polo seu estilo claro e accesible, o que lle permitiu chegar a un público amplo.

Portada dalgunhas das obras compostas por braga.

Portada dalgunhas das obras compostas por braga. / Arquivo

Unha das súas obras máis destacadas foi A História da Literatura Portuguesa, onde realizou unha análise exhaustiva da narrativa no seu país, resaltando a importancia de autores e movementos. Na súa carreira como escritor atópase o ensaio, o drama, a poesía, a etnografía (na que destacan as súas recompilacións de contos e cancións tradicionais) e a filosofía. O seu labor crítico e ensaístico contribuíu a sentar as bases para unha análise rigorosa e renovada da cultura lusófona, marcando unha transición desde o romanticismo cara a correntes máis realistas e modernas. A súa pluma, á vez elegante e perspicaz, soubo captar as contradicións do seu tempo, ofrecendo interpretacións profundas sobre a identidade nacional e mais a evolución dos costumes. Esta versatilidade permitiulle exercer unha influencia duradeira, non só no ámbito literario, senón tamén na conformación dunha memoria cultural que se estendeu ao longo do século XX.

Braga comezou a súa actividade política en 1878, cando concorreu ás eleccións como candidato a deputado polos republicanos federalistas. O 28 de agosto de 1910 foi elixido deputado por Lisboa e a historia lémbrao, alé de pola súa obra escrita, por ser o primeiro presidente do goberno provisional da República Portuguesa (1910-1911) e o segundo da Primeira República de Portugal, aínda que fóra por breve tempo, entre o 29 de maio e o 5 de outubro de 1915 en substitución de Manuel de Arriaga. Faleceu na súa casa de Lisboa o 28 de xaneiro de 1924.

A vasta obra de Braga supera os 360 títulos sen contar os artigos dispersos pola prensa da época. Abarca temas tan diversos como a historia universal, a historia do dereito, a universidade de Coímbra, o teatro portugués, as novelas de cabalaría, o romanticismo ou o republicanismo. Como etnógrafo deixou escritas obras como Os Contos Tradicionais do Povo Português (1883) ou O Povo Português nos seus Costumes, Crenças e Tradições (1885). Visão dos Tempos, Viriato, História da Poesia Moderna em Portugal ou Miragens Seculares veñen conformar outros tantos títulos do seu extenso legado escrito.

Na súa memoria, o Banco de Portugal emitiu un billete de 1000 escudos coa súa figura o 2 de agosto de 1983 que tivo emisións impresas datadas ata 1994.

Filosofía positiva

O contacto coas obras de Auguste Comte e Émile Littré, proporcionaron a Braga un marco teórico para interpretar a sociedade, a historia e a cultura desde unha perspectiva científica e evolucionista. Aínda que non foi un seguidor ortodoxo, xa que integrou os seus propios matices e diverxencias, o que lle permitiu fundamentar tanto a súa obra filosófica como a acción política republicana.

Entre as súas contribucións enmarcadas no positivismo destacan obras como Traços gerais da Filosofia Positiva (1877), na que tenta sistematizar o coñecemento e a aplicación do método científico aos fenómenos sociais e culturais. En Sistema de Sociologia (1884) profunda na idea de que a sociedade pode ser comprendida e organizada a partir de leis científicas. Tamén foi cofundador e director de revistas dedicadas á difusión do positivismo en Portugal, como O Positivismo (fundada en 1878 xunto con Júlio de Matos), A Era Nova (1880–1881) ou a Revista de Estudos Livres (a partir de 1884). Estas publicacións serviron como vehículos para a discusión e o debate de ideas positivas, influíndo na xeración de intelectuais e políticos republicanos da época.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents