Da abstracción xeométrica

100 anos de José María de Labra

'Forma forza. Luz cor. Espazo material' (1960) de José María de Labra na Central Eléctrica do Eume (Monfero-A Capela).

'Forma forza. Luz cor. Espazo material' (1960) de José María de Labra na Central Eléctrica do Eume (Monfero-A Capela).

Cúmprese este ano o centenario do nacemento de José María de Labra (A Coruña, 1925-Mallorca, 1994), unha figura de referencia no contexto artístico da abstracción xeométrica. Pintor, escultor e deseñador, J. Mª de Labra caracterízase no seu traballo por ser este concibido como un labor experimental, que articula o espazo en relación estreita co elemento lumínico.

Na primeira etapa creativa, a finais dos corenta e inicios dos anos cincuenta, as obras do artista galego parten do cubismo, de formas figurativas xeometrizantes, marcadamente depuradas, e mostran, mesmo nos temas dos cales se serve, a vontade de reflexión desde unha orixe formal que parte do cubismo sintético. Son traballos que expresan a solidez dos principios expresivos do artista, que actúa sen concesións ao anecdótico, constante que mantén na obra posterior, sempre lonxe do banal e dos abalos e devalos da moda máis inmediata.

Desde os anos cincuenta do pasado século, Labra seguiu unha liña que o ligou a toda unha tradición da modernidade que se remonta ás vangardas históricas, e en concreto á abstracción construtivista, e tende a explorar variacións formais e cromáticas sen procurar de forma dominante unha trascendencia argumental, simbólica ou emotiva. Desvinculado de calquera subxectividade, propuxo, en primeiro lugar, o puro pracer da visión, como se o ollo fose atrapado pola superficie bidimensional (tridimensional) do cadro e non ficase outra alternativa que desprazarse por esa espacialidade, movido pola enerxía do campo visual.

Este aspecto é ben evidente na obra muralística, concibida en colaboración con arquitectos da categoría de Alejandro de la Sota, Andrés Fernández-Albalat ou Miguel Fisac. Un excelente exemplo podemos contemplalo no mural realizou no ano 1960 na Central Eléctrica do Eume -situada entre os concellos de Monfero e A Capela- en que crea por medio de cabos de aceiro e planos de chapa unha estrutura tensa e cintilante, que titula Forma forza. Luz cor. Espazo material.

Forma forma. Luz cor. Espazo material (1960) na Central Eléctrica do Eume (Monfero-A Capela).  |  FOTO: ARQUIVO

«Forma forma. Luz cor. Espazo material» (1960) na Central Eléctrica do Eume (Monfero-A Capela). / Arquivo

Nesta liña de proxección no ámbito público, Labra traballou no deseño, realizando importantes proxectos, por exemplo co pintor Manuel Molezún e o deseñador e pintor Jesús de la Sota elaborou o deseño interior do pavillón español da exposición internacional de Bruxelas de 1958.

José María de Labra sempre desenvolveu o seu labor pictórico desde unha acentuada xeometría e foi elaborando frecuentemente estruturas en faixas horizontais e verticais, que funcionaban como auténticos valados, valados de luz e cor, construídos en plenitude de ritmos e tensións espaciais, mais que non pretendían ser, nin por tanto funcionar, como límites, senón como limiares a través dos que podemos percibir unha abertura, configurándose como xanelas que se abren para outro tipo de percepcións e realidades, que nos dirixen cara outro tipo de ollares, que nos convidan a enxergamos novos mundos.

Sentido purista

En evolución continúa, desde mediados dos sesenta e durante os setenta acentúa o sentido purista, esencializador, que se explicita con toda rotundidade en obras dunha pureza intensa, en que se entrecruzan planos limpos e nítidos e que se manifestan como conceptos esenciais, abstractos, no sentido de extrema vontade depurativa. A obra desta altura representa a conquista dun ideal formal absoluto, que se enmarca, como un dos mellores exemplos, no panorama das correntes construtivas.

En consecuencia, na obra de Labra toma corpo un evidente desexo de integración das artes, desenvolvido entre o pictórico, o escultórico e o deseño, sempre con fórmulas ligadas á abstracción xeométrica. Labra frecuentemente traslada as formas do plano habitual nel, pictórico, ás tres dimensións, con intensas preocupacións rítmicas sempre matizadas polos xogos lumínicos.

En resumo, unha obra de rigor atemporal, que mantén no presente toda a súa capacidade de suxestión e comunicación.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents