Placebos para a morte

Nas IA da eternidade

Cécile de France e Matt Damon, protagonistas de Alén da vida (Clint Eastwood, 2010).

Cécile de France e Matt Damon, protagonistas de Alén da vida (Clint Eastwood, 2010).

Morremos, é irremediábel. Mais ninguén quere morrer. E aínda que sexa a única certeza que temos —a posibilidade máis propia, como di Heidegger—, é unha verdade que choca coa racionalidade porque ante a certeza do incierto, non queremos fenecer. Pero a diferenza doutras experiencias transferíbeis, ninguén pode morrer por nós. Sempre é cedo para morrer, tanto ten a idade, sempre pilla cedo. Cal sería a alternativa a esta sensación de presteza? Sentar serenamente, unha vez realizados, a esperar? Supoñendo que sabemos que significa realizarse, entón o propio sería constatar que o noso tempo está cumprido e entón dispoñernos para a fin.

Pero, como nos realizamos? Como nos convertemos naquela versión única, singular e absolutamente necesaria para o mundo? Facendo cousas, moitas cousas, e máis cousas. Realizámonos, ou tal vez distraémonos, deste destino tan propio porque hai que darlle un sentido á existencia ou porque, se non, que nos queda? Se non hai un sentido, quédanos a irracionalidade do azar.

Sentido ou azar. Porque se o noso é puro azar dende o comezo, dende o éxito do espermatozoide, e a nosa existencia é un caso fortuíto, o golpe para o ego é insoportábel. Non estamos preparados para simplemente «ser», cremos que a morte pecha unha historia con sentido. As relixións tentan resolver o asunto da morte e a máis frecuente na nosa cultura, a cristiá, prométenos resucitar en corpo e alma, aínda que non hai que deixarse trampear porque… en que momento vital do corpo resucitaremos?

A ciencia tamén busca resolver a temática da morte. De feito, a tecnoloxía cada vez ten máis poder dentro do corpo. Será a morte unha experiencia diferente dentro de 500 anos? Deixaremos de morrer como hoxe morremos? Morrer doutra forma, entón… É suxestiva a idea. Pode que un novo xeito de morte sexa un salto cualitativo que cambie a herdanza xenética, seica hoxe non din que as experiencias vitais producen cambios nas secuencias do ADN? Podería a tecnoloxía cambiar a forma de morrer e xerar un cambio cara a outra forma de existencia sostida por una tecnoloxía corpórea?

Mentres chegan estas posibilidades, a IA ofrece novas realidades vinculadas á morte como as novas ilusións da vida eterna que nos deixan perflexos. Agora estamos na creación de avatares das persoas mortas para que os vivos poidan conversar con eles. Créanse a partir da pegada dixital da persoa morta, reproducindo a súa imaxe e voz. A información de mensaxes, actividades e opinións é procesada por unha rede neuronal que aprende a imitar o seu comportamento e forma de pensar. Estas realidades son ofrecidas por diferentes empresas para abordar o duelo. Pero nestas experiencias, non son unha negación algo patolóxica? Pode ter algo bo impedir a actualización desta realidade impostergábel? O duelo é a forma de transitar pola fronteira que ergue a morte e estas «thanatotecnoloxías” transforman a necesaria experiencia do duelo e da morte.

Na universidade de Cambridge estudan as posíbeis irregularidades destes novos recursos e pregúntanse sobre as consecuencias de erros nos deseños. Por exemplo, pensan diferentes escenarios como na posibilidade dunha avoa que comeza a dar recomendacións á súa neta e que estas evolucionan de forma alternativa as regras da súa familia. Un neno angustiado polas contradiccións do avatar da súa nai morta que elabora respostas incongruentes ás súas preguntas, ou outro menor estresado por unha catidade desbordante de mensaxes do seu pai morto e mais a angustia das consecuencias para o futuro do avatar de non contestar. Son escenarios de dependencias, frustracións e dor.

Estas lembranzas, como se integran na memoria que temos da persoa que non está? O real é que non existe autenticidade emocional nestes vínculos e, por outra banda, como remata a relación co avatar? É necesario un novo duelo? De momento, morremos, e isto é irremediábel.

Tracking Pixel Contents