Entrevista | Elena Gallego Abad Escritora

«A miña nova novela é unha parodia moi seria»

En Ata que a morte nos separe (Xerais), Elena Gallego Abad vén inspirarse en Morte no Nilo, de Agatha Christie, trasladando a trama á Galicia do século XXI e recuperando (e embarcando) a súa parella de investigadores

Elena Gallego Abad, en Pontevedra.

Elena Gallego Abad, en Pontevedra. / Gustavo Santos

—Un dos seus grandes éxitos foi Sete Caveiras, inspirada en Dez negriños. E agora, con Ata que a morte nos separe, volve inspirarse Vde. en Agatha Christie pero para facer unha especie de parodia de Morte no Nilo. Por que, precisamente, esta novela e por que recorrer á parodia?

Sete Caveiras é unha novela que se publica no 2014, reeditándose cada ano (acaba de saír a 11ª edición). Dende aquela, pensei moitas veces na posibilidade de que os seus protagonistas, a xornalista Marta Vilas e o investigador Fernando Prieto, volvesen atoparse. No meu caderno de ideas fun recollendo bosquexos de posibles tramas. En canto os cruceiros xacobeos de luxo se puxeron de moda, e os ataques de candorcas en noticia, ocorréuseme tramar para eles unha especie de Titanic á galega. Agatha Cristhie inspiroume o camiño.

–É axeitado describir a súa novela como parodia, ou quizais sexa mellor definila como “comedia negra”?

Un pouco de ambas. Esta novela é unha parodia moi seria, na que xogo cos estereotipos do clásico da escritora inglesa. Un xaponés sospeitoso só pode chamarse Kasimato. A influencer, Dapena. A miña novela está chea de chiscadelas que, entre crime e crime, buscan o sorriso do lector.

–Que tiña de especial Agatha Christie que, aínda hoxe, a única competencia que ten no xénero das novelas de detectives é a de Conan Doyle (e o seu Sherlock Holmes)?

Agatha Christie e Sir Arthur Conan Doyle son dous dos meus referentes literarios, como acontece con moita xente da miña xeración, pero coido que me identifico máis con ela. Na casa conservo unha boa colección das súas novelas, en edición de peto. Gústame revisitalas de cando en vez, como fonte de inspiración. As súas obras son enleados crebacabezas con moitas capas. Nas novelas do século XXI non atopas tramas creadas con esa perfección de reloxeiro suízo

–Unha das claves das novelas de Agatha era saber perfilar moi ben os seus protagonistas. Como elixiu Vde. os personaxes que viaxan a bordo do cruceiro Xacobus?

Non foi doado. Nas novelas galegas do século XXI non teñen cabida certos personaxes nin os comportamentos racistas, machistas e clasistas da Inglaterra de principios do século XX. En canto decidín escribir unha parodia de Morte no Nilo á galega, decateime de que non sería doado. Decidín iniciar a novela nun lugar imaxinario chamado Soutelo do Courel. A parella de millonarios en lúa de mel galeguízase con retranca. A moza abandonada polo mozo pouco antes de casar viaxa nun Smart. Temos unha influencer de mediana idade en “modo repugnante” e a súa filla (que odia as redes), un pirata informático, un arqueólogo de Patrimonio (chameille Gosende en homenaxe a certa asociación cultural), un contable americano que descobre os percebes e o albariño... Marta e Fernando atópanse despois de anos sen verse pero están obrigados a manter distancias. O investigador agóchase baixo a identidade dun falso xornalista, que decidín chamar Gustavo Fortes como homenaxe aos meus xornalistas favoritos… Os lectores atoparán moitas homenaxes, incluso musicais.

–A protagonista de Ata que a morte nos separe é unha xornalista, Marta Vilas. Baseóuse na sua propia experiencia xornalística para construíla?

Marta ofréceme a posibilidade de trasladar a miña experiencia ao eido da ficción, o que me facilita moito o traballo de creación do personaxe. Se tivese que inventarme outro tipo de investigador, debería documentar moito o seu xeito de traballar, para que resultase un personaxe sólido. Coñezo a Marta, porque sei o que a «Elena xornalista» faría se estivese no seu lugar. Iso facilita moito o traballo da «Elena escritora».

–Despois do intenso traballo emocional e de investigación que desenrolou Vde. en O legado da nena do sal, Ata que a morte nos separe é algo así como un desafogo, un relax ou un divertimento para Vde. mesma e para os seus lectores/as?

Recoñezo que esta última ficción xorde da necesidade de afastarme, como autora, da anterior. Escribir O legado da nena do sal, recrear a infancia da miña nai e mais as circunstancias que se recollen nesa novela histórica tan dura, supuxo un grande esforzo, anos de investigación e moito desgaste persoal. En circunstancias normais, escribir supón moito traballo en solitario. Crear esta comedia negra permitiume, entre asasinato e asasinato, botar unhas risas.

«O meu seguinte proxecto é audiovisual: trátase dunha curtametraxe titulada 'Furancho, bota viño!'»

–Cre que, como escritora, se atopa no mellor momento da súa traxectoria?

Eu son das que pensan que o mellor aínda está por vir. Arestora estou traballando nun proxecto moi ilusionante que pode darme moitas alegrías. E despois…

–Por aí quería rematar esta conversa, porque me conste que anda Vde. argallando un proxecto moi novidoso. Que máis me pode adiantar?

Pois que se titula Furancho, bota viño! e é o primeiro chanzo da miña nova traxectoria como produtora audiovisual e guionista, coa que aspiro a levar a miña obra literaria ao universo audiovisual e converterme en showrunner. O proxecto de realizar esta curtametraxe xorde ao longo dun traxecto entre Marín e Vigo, nunha conversa sobre guións e series de televisión que manteño coa actriz e amiga Mayka Braña: «Por qué non facemos algo xuntas?» Nese intre poxémonos a traballar. Eu ocúpome de crear o guión desta comedia e asumo a produción executiva. Mayka Braña, ademais de encargarse da dirección, o casting de actores e mais a produción asociada, será a protagonista. Como equipo técnico, contamos cos grandes profesionais de Trece Amarillo. Na banda sonora está a traballar o músico Felipe Rea. Xa podo avanzar que estamos moi ilusionadas nesta comedia, que imos rodar nun auténtico furancho de Marín (Furancho LOIS). Polo demais, a información do proxecto está dispoñible na web www.furancho.gal

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents